Entries tagged with “liberdade”.


Póñaselle música, na primeira parte, de violíns. Pero que saiban chorar.
Na segunda, de canóns. Pero triunfantes.

O teu sangue non sabía
non sabía
que licuaba para sempre
nas pedras da Historia e do Tempo de Compostela. Fría.
O teu corazón non sabía
non sabía
que a calor que te abeiraba por dentro
tornaba xeada e absurda. Perdida.
Mais a túa alma xa sabía
sabía
que a liberdade había espertar no abrente do futuro
de entre as pedras duras da túa Compostela miña. Rexurdida.

Aquelas balas non sabían
non sabían
que te agardaban da outra beira das rochas, onde arfa a alba. Fría.
Aqueles homes non sabían
non sabían
que foran nacidos para te asasinar
e para rubricar a inxustiza
e para fundar o universo da dor, a orde porcallenta e marcial, a nonvida. Perdida.
Aquela cidade morta
a túa Compostela miña
acorda hoxe na lembranza da túa vida valente
e medra libertaria sobre o teu exemplo.
Xa non fría.
Nunca máis perdida.
E para sempre rexurdida.

Fonte: BVG

Camiño adiante, triste sin congoxa,
a frente erguida, o paso ventureiro,
ó lombo un pau e nel cangada a roupa
envolveita nun pano, o pensamento
na chouza en que viveu seus anos mozos,
o amor á terra en que naceu no peito,
unha visión de brétema nos ollos
e unha copra nostálxica nos beizos,
camiño adiante… adiante… ¡sempre adiante!
alónxase da aldea o bo labrego. (máis…)