Entries tagged with “iogur”.


Torta de requeixo

Ingredientes:

  • 500 g de requeixo
  • 4 ovos
  • ½ limón (a relado da casca)
  • 2 culleradas de brandy
  • 1 sobre de fermento en po
  • 200 g de azucre
  • 1 iogur natural ou sabor limón
  • 300 g de fariña
  • 250 ml de leite enteiro
  • Marmelada de amorodos

Descrición:

  1. Nunha cunca fonda batémo-los ovos mailo azucre co batedor de variñas ou co batedor eléctrico ata que dobre o seu volume.
  2. Despois disto imos engadindo (sen BATER só remexendo) sobre mestura anterior o leite, a fariña coada e mesturada co fermento, o relado de limón, o requeixo mailo iogur desfeitos co batedor e o brandy. Agardamos sempre a que se mesture o ingrediente anterior antes de botar o seguinte.
  3. Engraxamos e enfariñamos un molde redondo desmontable e botamos nel a mestura que fixemos na cunca.
  4. Metémolo todo ó forno quente a 190ºC polo decurso de 30 minutos, tapando o  molde con papel de aluminio para que non se nos torre por riba a torta, tirándollo cando leve uns 20 minutos cocendo.
  5. Antes de sacala do forno probamos se está feita espetando un garfo, se sae limpo a torta está pronta para sacala.
  6. Deixamos que arrefríe ben antes de sacala do molde.
  7. Pómola na bandexa de presentación e cubrímola con marmelada de amorodos ou de outras froitas vermellas (amoras, framboesas, arandos, etc.)

Tempo: 45 minutos

Comensais: 8

Torta de queixo

Ingredientes:

  • 1 terrina de queixo de untar tipo “Filadelfia”
  • 1 iogur de limón
  • 1 medida (*) de nata líquida
  • 1 medida de fariña
  • 1 medida de azucre
  • 1 medida de leite
  • 1 sobre de levedo en po
  • 4 ovos

* 1 medida = 1 vaso de iogur

Descrición:

  1. Afastamos as xemas das claras
  2. Batemos todo co batedor eléctrico, agás as claras que se baten a punto de neve.
  3. Batidas as claras mesturámolas devagar co resto dos ingredientes xa batidos.
  4. Botámo-lo batido nun molde untado con manteiga e enfariñado e metémolo ó forno quente a 180º polo decurso de  45 minutos.
  5. Sacámolo do forno e desmoldámolo cando estea algo frío.

Nota:

  • Podemos facela torta con queixo en porcións, para iso trocamos o queixo de untar  por 8 porcións deste queixo e aumentamos a cantidade de nata ata ½ litro.

Tempo: 1 hora

Comensais: 4 ou máis

Roscón con iogur sabor limón


Ingredientes

  • 5 Ovos
  • 1 Iogur de limón
  • ½ limón (o relado)
  • 3 vasos  de fariña (vasos do iogur)
  • 3 vasos de azucre  (vasos do iogur)
  • 1 vasos de aceite (vasos do iogur)
  • 1 sobre de fermento en po

Descrición:

  1. Primeiro afastámo-las claras das xemas.
  2. Batémo-las claras a punto de neve, xunto co  azucre, nun recipiente cun batedor de variñas ou eléctrico. Para sabermos se as claras están a punto de neve dámoslle a volta ao recipiente e se non caen están ben e senón hai que seguir batendo ata logralo
  3. Noutro recipiente batémo-las xemas ben batidas.
  4. Logo disto engadímo-las claras batidas,as xemas, o iogur, o azucre mailo fermento e a fariña peneirados cun coador de arame e o aceite, mesturándoo todo devagar con movementos envolventes da arriba a abaixo.
  5. Botámo-la mestura nun molde de roscón (redondo con burato no medio) engraxado e enfariñado para que non se apegue
  6. Metémolo no forno, xa aquecido, a 170º C durante unha hora e media. Ó pasar ese tempo picámolo cun escarvadentes ou unha agulla da calceta se saen limpos xa está, mais se non, deixámolo no forno un cuarto de hora máis.

Tempo: 2 horas

Comensais: Varios

Polo á prancha con prebe de iogur

Ingredientes:

  • 4 coxas

Para o prebe

  • 3 iogures de leite enteiro
  • 2 culleres de perexil picado
  • ½ culler de pemento doce
  • 125 g de queixo azul

Descrición:

  1. Pomos tódolos ingredientes do prebe nun vaso do batedoiro agás o perexil que pomos a metade e triturámolo todo ata mesturalo ben.
  2. Pasámolo a unha cunca e reservamos. Sacámoslles os osos as coxas ou mandámosllo facer ó carniceiro se nós non sabemos.
  3. Salgamos un chisco e facémolas a prancha polo decurso de 4 minutos por cadanseu lado.
  4. Servímolas nos pratos con un pouco de prebe por riba e a maior parte pómola a un lado para ir untando segundo comemos. Adornamos cun chisco de perexil, picadiño miúdo, por riba do prebe.

Tempo: 30 minutos

Comensais: 4 persoas