Entries tagged with “figos”.


Figos con xamón

Ingredientes:

  • 4 figos
  • 1 lasca de xamón
  • Aceite de oliva

Descrición:

  1. Pelámo-los figos e cortámolos en cuartos facendo os cortes darriba cara abaixo.
  2. Cunha tesoira picámo-lo xamón moi miudiño.
  3. Pomos o figo aberto nunha culler de presentación e esparexemos o xamón por riba e regámolo todo cun fío de aceite de oliva.

Tempo: 10 minutos

Tapas : 4

Filloas con boletos e marmelada de figos

Ingredientes:

  • 4 filloas
  • 100 g de boletos
  • 1 cebola
  • ½ copa de brandy
  • Aceite
  • Sal

Para as filloas:

  • 50 g. de fariña
  • 125 ml de leite
  • 1 ovos
  • 25 g. de manteiga
  • 1 anaco de touciño
  • Sal

Para a marmelada fariña, ovo, leite, manteiga, touciño, de figos

  • 500 g de figos pelados
  • 250 g de azucre
  • 300 ml de auga
  • Zume de ½ limón

Descrición:

Facémo-la marmelada

  1. Nunha pota cocémo-los figos pelados xunto coa auga mailo azucre e o limón remexendo de cando en vez cunha culler de pau para que non se apegue, esmagando os figos ata que espese
  2. Namentres estamos cocendo os figos, cun coador de arame imos retirando as pebidas que están por riba.
  3. Se aínda lle queres sacar tódalas pebidas tés que triturar a marmelada e aínda quente coala co coador de arame e axudándote cunha culler

Facémo-las filloas

  1. Derretémo-la manteiga no leite un pouco quente, máis ben morno e deixamos arrefriar; logo disto  engadímo-la fariña mailo ovo e un chisco de sal; batemos co batedoiro, coamos co coador de arame e deixamos repousar uns 30 minutos antes de facer as filloas.
  2. Quentamos unha tixola, engraxámola lixeiramente cun anaco de touciño, botamos nela un pouco da masa das filloas, estendémola ben e deixamos que se faga por un lado; cando despegue ben dámoslle a volta e facémola polo outro lado. Deixámolas lixeiramente douradas.

Facémo-la tapa:

  1. Picámo-la cebola en medias lúas e amolecémola nunha tixola con aceite botándolle unhas areas de sal
  2. Limpamos os boletos e logo de picalos coa man en anacos pequenos engadímolos á cebola, cando esta estea medio mol. Deixámo-los facer uns minutos ata que perdan a auga de constitución. Pomos a punto de sal.
  3. Engadimos o brandy, prendémoslle lume e terminamos de facer.
  4. Enchemos co preparado de boletos as filloas e dobramos ó gusto de cada un, pómolas nos pratos e decoramos coa marmelada de figos

Nota:

  • A marmelada de figos podémola mercar, pero se non, facemos unha pouca empregando os ingredientes nas cantidades proporcionais as necesidades; tede en conta que só empregamos a marmelada para decorar. Se sobra marmelada non hai problema podémola aproveitar para outras cousas. Está boísima

Tempo: 40 minutos

Tapas: 4