Entries tagged with “fariña”.
Did you find what you wanted?
Dom 5 Xul 2020
Torta de queixo ó forno
Ingredientes:
- 500 g de queixo de untar
- 250 g de nata de montar
- 200 g de azucre
- 4 ovos
- 1 cullerada colme de fariña
- 1 belisco de sal
Preparación:
- En primeiras acendémo-lo forno a 200 ºC con calor arriba e abaixo para que vaia quecendo.
- Nunha cunca fonda botámo-lo queixo mailo azucre xunto co belisco de sal e mesturámolo coas variñas eléctricas ou de man.
- Logo diso, engadímo-los ovos e mesturámolos tamén coas variñas
- Agora vertémo-la nata mentres seguimos batendo ata tela ben integrada.
- Agora toca engadir a fariña peneirada cun coador de arame e mesturala coas variñas.
- Preparamos un molde redondo, desmontable duns 20 cm de diámetro por uns 6 cm de alto e para iso mollamos papel de enfornar e logo de escoalo cubrimos con el o molde, sen furalo para que non escape o amoado.
- Botamos agora o amoado no molde e metémolo ó forno quente, de xeito que fique centrada en altura, polo decurso duns 40-45 minutos.
- Sacámola torta do forno, verás que treme coma se fora un flan pero é así, e deixámola arrefriar ben antes de desmoldala, primeiro volteámola sobre un prato e despois sobre a bandexa de presentación.
- Podes cubrila con marmelada de framboesa ou botar unha cullerada dela sobre a ración ó servila.
Nota:
- Podes servila fría da neveira ou morna, do tempo
- Se che gusta que saiba máis a queixo bátalle un chisco de queixo azul ou algo de queixo curado ou media curación de cabra ou ovella.
Tempo: 1 hora Comensais: 8 ou máis
Mar 9 Xuñ 2020
Alcachofas recheas con champiñóns, paté e ovos de paspallás
Ingredientes:
- 12 alcachofas frescas
- 100 g de champiñóns
- 50 g de cebola tenra
- 1 dente de allo
- 30 g de paté
- 12 ovos de paspallás
- 20 g de queixo relado
- 1 grolo de vinagre
- Perexil
- Pementa negra moída
- Aceite de oliva e sal
Para o bechamel:
- 20 g de fariña
- 15 g de manteiga
- 250 ml de leite gordo
Preparación:
- Acendémolo forno a 180ºC para que vaia quecendo.
- Lavámolas alcachofas, sacámoslle o pé e asámolas no forno polo decurso unha hora.
- Entrementres, picámolos champiñóns en anacos miúdos e refogámolos xunto coa cebola e o allo, picados, nunha tixola con aceite. Cando estean pómolos no seu punto de sal e pementa e reservámolos.
- Mentres tamén, facemos o bechamel e para iso desfacémo-la manteiga nunha cazarola; despois, botamos a fariña que cociñamos durante uns 2-3 minutos para sacarlle o gusto a fariña crúa; logo diso, engadímo-lo leite quente e remexemos deseguido coas variñas de man, a fogo medio durante uns 3 minutos, ata que espese. Pómolo no seu punto de sal. Ten que ficar algo lixeira.
- Logo de ter asadas as alcachofas, sacámoslle as follas duras, cortámoslle a cabeza case pola metade, baleirámo-lo corazón cunha culleriña e dámoslle un pequeno corte na base para que se teñan en pé.
- Reenchémolas cos champiñóns reservados e por enriba pomos algo de paté.
- Agora escalfámo-los ovos de paspallás e para iso pomos ó lume forte unha cazarola cun dedo e medio de auga co grolo de vinagre e cando ferva con forza botamos no centro cadanseu ovo cascado e cando a clara este callada por fora afastámolos.
- Pómo-los ovos escalfados en cadansúa alcachofa; por último cubrímolas co bechamel e empoámolas co queixo relado.
- Metémolas ó forno a grellar durante uns 5 minutos ata que colla algo de cor dourada
- Servímolas en pratos chairos decoradas con folliñas de perexil.
Nota:
- Os ovos de paspallás tamén os podes pór fritidos.
- Os pés das alcachofas pelámolos e gardámolos para outra ocasión
Tempo: 80 minutos Comensais: 4
Etiquetas: alcachofas, allo, bechamel, cebola tenra, champiñóns, fariña, leite gordo, manteiga, ovo de paspallás, paté, pementa moida, perexil, queixo relado, vinagre
Mér 27 Dec 2017
Posted by Crisanto under Cociña galega, Sobremesas
Comentarios desactivados en Torta de mazá e crema de améndoas
Torta de mazá e crema de améndoas
Ingredientes:
Para a base:
- 340g de fariña triga
- 170g de manteiga sen sal
- 170g de azucre
- 4 ovos, as claras
- 1-2 culleradas de auga fría
- 1 chisco de sal
Para o crema de améndoas:
- 250g améndoas moídas
- 200g de manteiga sen sal
- 150 g de azucre
- 60 g de fariña triga
- 4 ovos, as xemas
- 2 culleradas de nata de montar
Para o recheo de mazá:
- 4 mazás
- 20g de manteiga
- 3 culleradas de azucre
- 4 mazás máis
Preparación:
- En primeiras acendémolo forno a 200ºC para que vaia quecendo.
- Facémo-la base mesturando nunha cunca a fariña coa manteiga fría cortada en liscos pequenos, o azucre, mailas claras e o sal; mesturámolo todo esmagándoo entre as palmas das mans ata ter unha masa homoxénea pero non moi traballada engadíndolle a auga entrementres a amasamos.
- Pisamos a masa ata deixala duns 2-3 cm de groso, deste xeito arrefría mellor, envolvémola en filme transparente e deixámola na neveira arrefriando coma uns 30-40 minutos.
- Entrementres arrefría, facémo-la crema de eméndoas e para iso mesturamos nunha cunca, coa axuda das variñas de man, tódolos ingredientes da mesma e reservámola.
- Entrementres tamén, facémo-lo recheo de mazá: pelámo-las mazás, sacámoslles as pebidas e nunha cazarola facemos unha compota xunto co azucre e a manteiga. Reservámola
- Pelámolas outras 4 sacámoslles as pebidas e cortámolas en medias lúas. Reservámolas.
- Montámola torta e para iso sacámola masa da neveira, partímola cun coitelo en dúas partes deixando unha delas un pouco máis grande que a outra e estriámolas co rolete ata deixalas delgadiñas, duns 2 mm de groso.
- Cubrimos coa parte máis grande o fondo mailas paredes dun molde redondo, desmontable, engraxado e enfariñado; recortamos o sobrante. Dentro do molde botamos a crema de améndoas ben repartida,; logo repartimos a compota ó redor facendo unha coroa e arrombámolas lúas de mazá cubrindo toda a torta de xeito radial. Tapamos todo coa outra masa que tiñamos estirada e recortamos o que sobra polo redor.
- Por último, metémola ó forno polo decurso duns 40 minutos ata que doure.
- Logo diso quitámola do forno e cando amorne sacámola do molde e empoámola con azucre moído.
Nota:
- Se tés ocasión e dispós de nata caseira, obtida de ferver ó leite, podes empregala; é moito máis sabedeira que a nata industrial.
Tempo: 90 minutos Comensais: 6 ou máis
Xov 2 Nov 2017
Posted by Crisanto under Cociña galega, Sobremesas
Comentarios desactivados en Torta de castañas
Torta de castañas
Ingredientes:
Para a masa quebrada:
- 200 g. de fariña
- 100 g. de manteiga de leite
- 1 ovo
- 50 g. de azucre
- ½ copa de brandy
- 1 chisco de sal
Para o amoado:
- 200 ml. de nata para montar
- 150 g. de azucre moído
- 4 claras de ovo
- 20 g. de manteiga de leite
- 1 cullerada de brandy
- 250 g de castañas.
- Un bo xeado
Preparación:
- Acendémo-lo forno a 180ºC para que vaia quecendo.
- Facémo-la masa quebrada e para iso mesturamos tódolos ingredientes e amasámolos coas mans, non ten que quedar moi amasada. Deixámola na neveira coma 30-45 minutos e logo estirámola e forramos con ela un molde redondo (uns 20cm.Ø) baixo e con ondas engraxado e enfariñado. Recortámo-lo sobrante, que reservamos, e metémolo ó forno logo de pica-la masa cun garfo, cuberta con papel de aluminio e cuns legumes secos por enriba. Témolo no forno uns 20 minutos. Logo disto deixámolo arrefriar e reservámolo.
- Facémoslle un corte ata a metade ás castañas e cocémolas con auga e sal durante uns 20 minutos e logo de pelalas triturámolas e facemos puré. Reservamos 6 castañas enteiras, cocidas e sen pel para adornar.
- Pómo-lo puré de castañas nun cazo xunto co brandy e a manteiga e cociñámolo ó baño maría uns 5 minutos; afastámolo do lume e deixámolo arrefriar.
- Metémo-lo puré xa frío nunha manga, facemos unha camada en espiral cubrindo o fondo da masa quebrada alisámola cunha espátula. Reservámolo.
- Batémo-la nata, ben fría, xunto con 75 g. azucre moído coas variñas do batedor eléctrico ata que estea ben montada.
- Batemos tamén as claras algo mornas e cun chisco de sal coa axuda das variñas eléctricas e cos outros 75 g. de azucre ata ter telas a piques de neve.
- Mesturamos cunha espátula a nata montada co merengue e logo de metelas nunha manga pasteleira botamos unha camada por enriba da crema de castañas.
- Decorámola coas castañas enteira e cocidas.
- Métese no frigorífico para que arrefríe e sérvese acompañada con xeado ó gusto.
Tempo: 60 minutos Comensais: 6-8
Xov 2 Nov 2017
Posted by Crisanto under Cociña galega, Sobremesas
Comentarios desactivados en Biscoito de chocolate con castañas
Biscoito de chocolate con castañas
Ingredientes:
- 250g. de castañas
- 175g de chocolate negro
- 100g. de manteiga de leite
- 200g. de azucre
- 100g. de fariña
- 1/2 sobre de fermento en po (8g)
- 3 ovos
- Cacao en po
- 1 chisco de sal
Preparación:
- En primeiras acendémo-lo forno a 180ºC para que estea quente cando haxa que meter o biscoito
- Rachámo-las castañas cun coitelo ata a metade e cocémolas con auga e sal durante uns 20 minutos. Logo diso pelámolas e reservámolas
- Logo de esnacalo chocolate e cortala manteiga en dados, desfacémolos nunha cunca ó baño maría ou no microondas, póndoo os poucos para controlalo, sacándoo e remexéndoo cada vez ata que estea desfeito. Ter ollo co microondas non sexa que queime o chocolate.
- Nunha cunca fonda batémolo ovos cun batedor de variñas eléctrico , xunto co azucre, ata que dobre ou triplique o volume. Neste intre engadimos un belisco de sal para potenciar o sabor.
- Engadimos entón o chocolate desfeito e morno, mesturando cunha espátula e con movementos envolventes para que non baixe.
- Seguimos logo engadindo, os poucos, a fariña mesturada co fermento e coados cun coador de arame ó tempo que imos mesturando coa espátula.
- Esnacamos as castaña cocidas en anacos non moi pequenos e engadímolos ó amoado mesturando coa espátula.
- Botámo-lo amoado nun molde, mellor desmontable, engraxado e empoado con cacao en po
- Metémolo o forno a 180ºC polo decurso duns 25 minutos. Este tempo pode parecer pouco pero este biscoito ten que estar cocido pero ó mesmo tempo húmido.
Tempo: 45 minutos Comensais: 6-8
Ven 24 Xuñ 2016
Posted by Crisanto under Cociña galega, Sobremesas
Comentarios desactivados en Bica ó xeito de Trives
Bica ó xeito de Trives
Ingredientes:
Para a masa mai:
- 200g de fariña forte
- ½ vaso de auga (125ml)
- Fermento de panadeiro
Para face-la bica
- 200g de masa mai
- 200g de fariña de repostería
- 400g manteiga de leite
- 400g de azucre
- 4 ovos
- 1 sobre de fermento químico (“Royal”)
- 50g de azucre
Preparación:
Facémo-la masa mai:
- Botamos a fariña nunha cunca fonda e facemos un niño e dentro del botamos a auga tépeda e o fermento (ollade que cantidade tedes que pór para 200g de fariña).
- Amasámola polo decurso de 10 minutos e logo de facer unha bola e enfariñala pómola a fermentar nunha cunca tapada cun pano nun sitio morno ata que duplique o seu volume. (1-2 horas)
Facémola bica:
- Quentamos a manteiga a fogo moi baixo, amornámola un pouco só para abrandala, e mesturámola co azucre.
- Xuntamos a manteiga mailo azucre coa masa mai e amasamos ata mesturar todo.
- Engadímo-los ovos e ímolos incorporando á masa un por un; non botamos outro ata ter incorporado o anterior. Aquí podemos axudarnos coas variñas do batedor eléctrico
- Mesturamos a fariña co fermento químico, peneirámola cun coador e engadímola os poucos a todo o anterior, mesturándoo de vagar con movementos envolventes.
- Pasamos esta mestura a un molde rectangular e baixo, engraxado e enfariñado repartindo a masa coa axuda dunha culler ou espátula..
- Empoámola con azucre antes de metela no forno quente a 180ºC polo decurso duns 45-50 minutos.
- Picar cunha agulla ou un palillo longo para ver se esta cocida.
- Sacámola do molde cando estea fría.
Notas:
- Podemos empregar manteiga de porco, pois deste xeito facían no seu orixe.
- Podemos tamén botarlle canela moída por riba logo de sacala do molde
Tempo: 3 horas
Comensais: 8 ou máis
Sáb 31 Dec 2011
Posted by Crisanto under Cociña galega, Receitas básicas (masas, prebes)
Comentarios desactivados en Pasta Choux
Pasta “Choux”
Ingredientes:
- 150g de fariña de trigo coada
- 200ml de auga
- 4 ovos grandes (L)
- 90g de manteiga do leite sen sal
- 1 culler de azucre
- 1 chisco de sal
Descrición:
- Botamos nunha pota a auga, a manteiga, a manteiga, o azucre mailo sal e pómolo a ferver ata que se desfaga a manteiga e comece a ferver.
- Cando comece a ferver baixamos o lume, engadímo-la fariña dun golpe e de seguido remexémolo cunha culler de madeira ata que se mesture toda. Uns 5 minutos.
- Afastamos do lume pero seguimos traballando a masa ata que estea ben mesturada, compacta e homoxénea. Vén sendo 1-2 minutos.
- Deixamos amornar a masa antes de engadir os ovos.
- Engadimos o primeiro ovo e mesturámolo ben na masa axudados pola culler de pau. Cando estea ben integrado engadímolo seguinte e mesturamos e así ata ter incorporados os 4 ovos.
- Traballámola ben ata obter unha masa homoxénea compacta e cremosa.
- A pasta “choux” xa está feita só resta empregala
Notas:
- Segundo en que a vaiamos a empregar podemos engadirlle máis ou menos azucre ou sen el só con sal para facer recheos de verduras con queixo ou sen el, mariscos ou carnes.
- Con azucre podemos facer boliños de vento fritidos ou ó forno, recheos de chocolate, crema pasteleira, nata montada, marmelada, “mousse” de turrón; cubertos con chocolate ou azucre moído ou sen moer.
- A primeira receita coñecida de unha masa para boliños foi recollida Marcus Gavius Apicius na súa obra De re coquinaria.
Tempo: 30 minutos
Sáb 31 Dec 2011
Posted by Crisanto under Caldos, cocidos e verduras, Cociña galega, Peixes e outros produtos do mar
Comentarios desactivados en Patacas con ameixas
Patacas con ameixas
Ingredientes:
- 700g de patacas
- 350g de ameixas
- 1 cebola
- 1 tomate maduro
- 1 pemento vermello seco
- 1 porro (só o branco)
- 2 dentes de allo
- 4 pólas de perexil
- 1/2 vaso de viño branco
- 1 folla de loureiro
- Aceite
- Sal
- Fariña e ovo para rebozar
Descrición:
- Amolecémo-lo pemento seco limpo e sen pebidas en auga quente durante 1 hora. Logo disto raspámoslle a carne e reservámola
- Picámo-la cebola, o porro mailo allo miúdos e pómolos nunha tixola con aceite para que amolezan a fogo baixo. Logo imos engadindo a carne do pemento e o tomate pelado e sen semente. Deixamos que se faga todo ben.
- Namentres, pelámo-las patacas e facemos lasca delgadas como de 5 milímetros.
- Rebozamos as lascas de pataca en fariña e ovo e fritímolas en abondoso aceite.
- Abrimos as ameixas nunha pota a fogo forte cun chisco de viño branco e a folla de loureiro. Reservamos as ameixas maila auga que soltaron, coada.
- Pómo-las patacas fritidas estendidas nunha pota ampla, botámoslle a fritada de verdura, a auga das ameixas, se cómpre engadimos auga quente ata cubrilas, e pómolas a coceren polo decurso de 15 minutos.
- Cando queden 5 minutos de coceren as patacas engadímo-las ameixas, repartíndoas pola pota, e esparexemos o perexil picado por riba.
- Deixamos repousar 5 minutos e servímolas quentes
Tempo: 40 minutos
Comensais: 4 persoas
Etiquetas: aceite, allo, ameixas, cebola, fariña, loureiro, ovo, pataca, pemento vermello seco, perexil, porro, sal, tomate maduro, viño branco
Mér 14 Dec 2011
Posted by Crisanto under Cociña galega, Tapas
Comentarios desactivados en Roliños de cabaciño, xamón e gulas
Roliños de cabaciño, xamón e gulas
Ingredientes:
- 1 cabaciño
- 12 medias lascas de xamón
- 150 g de gulas
- 1 dente de allo
- 12 rebandadas de pan
- 1 cebola
- 1 culleriña de azucre
- Fariña
- Ovo
- Aceite
- Sal
Descrición:
- Se o cabaciño é tenro non o pelamos e cortámolo en tres anacos iguais ó través. Cortamos logo os anacos cunha mandolina, tomando só as 4 lascas centrais; en total 12 lascas.
- Salgámo-las lascas, envolvémolas en fariña e ovo batido e fritímolas en abondoso aceite quente. Logo de fritir escorrémolas en papel de cociña para sacarlles o aceite.
- Nunha tixola con dúas culleres de aceite botamos o allo picado miúdo e cando empece a dourar engadimos as gulas que imos facendo durante uns 2 minutos sen deixar de remexer.
- Sobre as lascas de cabaciño pomos as medias lascas de xamón e as gulas repartidas e facemos rolos. Reservamos.
- Cortámo-la cebola en medías lúas e acaramelámola a fogo suave nunha tixola con aceite, sal e azucre.
- Pomos estes rolos, espetados cun pauciño para que non se desfagan, sobre as rebandadas de pan lixeiramente torradas e botamos por riba un pouco de cebola acaramelada.
Nota:
- Para que o cabaciño non colla tanto aceite podes facelo a prancha nunha tixola cun chisco de aceite en troques de rebozalo.
- En troques da cebola acaramelada podes pór enriba un chisco de marmelada de froitos vermellos coma amorodos, arandos ou framboesas.
- En troques de xamón podes empregar lascas de pa curada, que sae más arranxado de prezo.
Tempo: 15 minutos
Tapas: 12
Etiquetas: aceote, allo, azucre, cabaciño, cebola, fariña, gulas, ovo, pan, sal, xamón
Lun 14 Nov 2011
Posted by Crisanto under Cociña galega, Tapas
Comentarios desactivados en Ovos recheos de gambas
Ovos recheos de gambas
Ingredientes:
- 2 ovos cocidos
- 4 rebandadas de pan
- Bechamel
- 12 gambas
- ¼ de ceboleta
- ¼ dente de allo
- Ovo batido + fariña + pan relado
- Aceite
- Sal
Descrición:
- Facemos a bechamel que nos faga falla coas seguintes proporcións: 125 g de manteiga de leite, 125 g de fariña e 1 litro de leite
- Pelámo-los ovos, e partímolos ó longo facendo dúas metades.
- Picámo-la cebola mailo allo moi finos e amolecémolos nunha tixola con 2 cullerada de aceite, logo engadímo-las gambas peladas, as xemas dos ovos e un pouco de bechamel para ligalo todo e obtermos unha masa un pouco forte coa que encher os ovos.
- Coa masa que fixemos, arrefriada, enchémo-los ovos e rebozámolos en fariña, ovo batido e pan relado.
- Fritimos los ovos en abundante aceite quente.
- Sérvense quentes sobre unha rebandada de pan.
Tempo: 25 minutos
Tapas: 4