Entries tagged with “fariña triga”.
Did you find what you wanted?
Mar 4 Ago 2020
Galletas de manteiga ó meu xeito
Ingredientes:
- 700 g de fariña triga
- 200 g de manteiga de leite abrandada
- 200 g de azucre
- 2 ovos
- 1 cullerada de sobremesa de canela en po
- 1 cullerada de esencia vainilla
- O relado dun limón ou laranxa
- ½ limón, o zume
- 16 g (un sobre) de lévedo en po (Royal)
- 1 chisco de sal
- 1 xema de ovo batida e un pouco de azucre
- 200 g de améndoas en gran para decorar.
Preparación:
- Nunha cunca fonda ou nunha amasadora botámo-la fariña, xunto cos outros ingredientes agás a xema batida e as améndoas e amasamos a man ou coa amasadora ata ter unha masa ben integrada.
- Logo diso, pómo-la masa, en forma de rolo, nun filme transparente e enrolámolo ata ter unha especie de chourizo duns 7 cm de diámetros que meteremos na neveira primeiro e logo uns 30 minutos no conxelador antes de comezar a corta-las galletas
- Acendémo-lo forno a 180 ºC para que vaia quecendo
- Sacámoslle o filme transparente a parte do rolo de masa e cun coitelo imos cortando rebandas de entre 7-10 mm e repartíndoas nunha bandexa das do forno cuberta con papel de enfornar ou engraxada, poden caber entre 15 a 20 galletas, deixando espazo entre elas para que non se apeguen.
- Antes de metelas ó forno durante 7-10 minutos, pintámolas coa xema batida mesturada cun chisco de auga e esparexémoslle unhas améndoas en gran por enriba.
- Entrementres están no forno preparamos outra bandexa para metela no forno ó sacar a primeira e non perder moito tempo esperando a que arrefríe para empregala de novo.
- Hai que vixialas cando estean no forno para sacalas cando empecen a dourar
Notas:
- Podes trocar algo de fariña triga por fariña milla e engadir na masa chocolate, ou froitos secos picados.
- Tamén lle pode facer un pequeno oco no medio e pór nel un arando, ou un chisco de marmelada
- Para darlle forma as galletas, tamén podes facer bolas do tamaño dunha noz e chafalas un pouco para aplanalas, deste xeito ó non estaren todas iguais aparentan seren máis artesanais.
Tempo: 40 minutos Comensais: varias persoas
Lun 13 Xul 2020
Mediaslúas ou “croissants” 2
(Receita sinxela)
Ingredientes:
- 550 g de fariña triga
- 200 ml de leite
- 25 g de lévedo de panadería
- 1 ovo “L”
- 140 g azucre
- 1 cullerada de mel
- 1 culleradiña de sal (uns 5 g)
- 130 g manteiga de leite
- 1 cullerada de esencia de vainilla
- 1 ovo para pintar
Preparación:
- En primeiras imos a activar o levedo e para iso botámolo esmigallado nunha cunca xunto cunha cullerada colme de fariña, outra de azucre, mais 100 ml de leite morno e batémolo coas variñas ata que non teña grumos e deixámolo repousar uns 15 minutos.
- Pasado este tempo, pómo-lo resto da fariña, mailo sal mesturado, nunha cunca grande e logo de facer un oco no medio, botamos nel o ovo batido, o resto do azucre, o mel, o lévedo o resto do leite morno e mesturamos un pouco; logo diso engadímo-la manteiga derretida e morna, e mesturámolo.
- Logo botámo-la mestura no mesado enfariñado e amasámolo ben polo menos10 minutos.
- Deixámola levedar, nunha cunca untada de aceite e tapada cun pano de cociña, nun sitio tépedo por unhas 3 horas.
- Acendémo-lo forno a 180º C con calor arriba e abaixo e sen ventilador para que vaia quecendo.
- Para facer xa as mediaslúas, estirámo-la masa para poder facer un rectángulo duns 20-30 cm de ancho(isto depende do tamaños das mediaslúas) por 5 mm de groso e logo de recortar cun coitelo os bordos, para deixalo deses 20-30 cm, partímolo primeiro pola metade ó longo e destas metades facemos triángulos duns 6 a 10 cm de base, dependendo do tamaño.
- Enrolámo-los triángulos comezando pola parte ancha (estiramos primeiro un pouco as puntas da base) cara a ó vértice oposto e pómolos nunha bandexa do forno cuberto con papel de enfornar curvándoos un pouco para darlles forma de media lúa. Deixámolas repousar uns 30 minutos antes de metelos ó forno, tapadas cun pano de cociña limpo.
- Pintámolas con ovo batido e metémolas no segundo nivel do forno, quente, polo decurso duns 15 minutos ou ata que estean douradas.
- Logo de sacalas do forno podes empoalas con azucre moído ou darlles brillo con xelatina.
Notas:
- Se a masa ficase un pouco branda botariámoslle máis fariña e se fora ó revés botariámoslle leite ou auga.
- Estas mediaslúas non saen coma as compradas, é dicir non saen con follado, teñen a forma pero son coma as bolas de leite.
Tempo: 40 minutos Comensais: segundo as pezas que saian
Lun 13 Xul 2020
Mediaslúas ou “croissants”
Ingredientes:
- 500 g de fariña triga (½ forza + ½ normal)
- 225ml de leite
- 25 g de lévedo de pan fresco ou 9 seco
- 1 ovo “L”
- 80 g azucre
- 1 cullerada de mel
- 1 culleradiña de sal (uns 5 g)
- 240 g manteiga de leite
- 25 g de fariña para o empaste
- 1 ovo para pintar
Preparación:
- En primeiras, nunha cunca botámo-lo lévedo esmigallado xunto cunha cullerada colme de fariña, outra de azucre, mais 100 ml de leite morno e batémolo coas variñas ata deixalo sen grumos e deixámolo repousar uns 15 minutos.
- Pasado este tempo, pómo-lo resto da fariña, mailo sal mesturado, nunha cunca grande e logo de facer un oco no medio, botamos nel o ovo batido, o resto do azucre, o mel, o lévedo mailo resto do leite morno e mesturámolo
- Logo botámo-la mestura no mesado enfariñado e amasámolo ben polo menos10 minutos.
- Deixámola levedar, tapada cun pano de cociña, nun sitio tépedo por unha hora.
- Entrementres, mesturamos ben a manteiga cos 25 g de fariña para facer o empaste.
- Pasado o tempo estirámola masa ata deixala duns 5 mm de groso por uns 30 cm de ancho e o longo que saia.
- Pondo a parte estreita paralela a nós repartímolo empaste no terzo central dela e dobrámo-los laterais a terzos sobre o empaste, estirámola un pouquiño e dobramos un terzo cara nós e o outro terzo sobre o primeiro.
- Metémolo na neveira uns 60 minutos; logo diso, xirámo-la masa 90º de como a tiñamos antes de arrefriala e estirámola facendo un cadrado que dobramos despois a terzos de esquerda a dereita e o rectángulo formado dobrámolo en terzos cara nós. Metémolo de novo a neveira.
- Repetimos isto unha 4-5 veces máis.
- Acendémo-lo forno a 180º C para que vaia quecendo.
- Para facer xa as mediaslúas, estirámo-la masa para poder facer un rectángulo duns 20-30 cm de ancho (isto depende do tamaños das mediaslúas) por 5 mm de groso e logo de recortar cun coitelo os bordos, para deixalo deses 20-30 cm, partímolo primeiro pola metade ó longo e destas metades facemos triángulos duns 6 a 8 cm de base, dependendo do tamaño.
- Enrolámo-los triángulos comezando pola parte ancha (estiramos primeiro un pouco as puntas da base) cara a ó vértice oposto e pómolos nunha bandexa do forno cuberto con papel de enfornar curvándoos un pouco para darlles forma de media lúa.
- Pintámolas con ovo batido e metémolas no segundo nivel do forno, quente, polo decurso duns 15 minutos ou ata que estean douradas.
- Logo de sacalas do forno podes empoalas con azucre moído ou darlles brillo con xelatina ou marmelada.
Notas:
- Se a masa ficase un pouco branda botariámoslle máis fariña e se fora ó revés botariámoslle leite ou auga.
- Estas mediaslúas saen coma as compradas é dicir con follado
- Como o follado leva moito tempo convén telo feito de antes e conservado na neveira.
Tempo: 40 minutos Comensais: segundo as pezas que saian
Sen contar os tempos de espera do follado
Mar 9 Xuñ 2020
Biscoito esponxoso
Ingredientes:
- 5 ovos
- 250 g de azucre
- 250 g de fariña triga
- 50 ml de auga
- 25 ml de aceite de oliva ou xirasol
- 8 g de lévedo químico en po
- 1 chisco de sal
- 1 cullerada de esencia de vainilla
- 1 limón, o relado
- Manteiga para engraxar
Preparación:
- Acendémolo forno a 175ºC para que vaia quecendo
- Por outra banda engraxamos un molde desmontable de 22 cm e cubrímo-la base con papel antiadherente de enfornar.
- Afastámo-las claras das xemas e montámolas a piques de neve cun chisco de sal coa axuda das variñas do batedor eléctrico; cando estean a medio montar engadímoslle 125 g de azucre e seguimos montando ata que estean firmes. Reservámolas.
- Nunha cunca botamos as xemas de ovo xunto coa auga, o aceite, o resto do azucre maila esencia de vainilla e batémolas ben coas variñas do batedor eléctrico; logo diso mesturamos a fariña co lévedo, peneirámola cun coador de arame e incorporámola ós poucos ás xemas. Agora botamos ós poucos as claras, nunhas 3 veces, e mesturámolas devagar con movementos envolventes coa axuda dunha espátula para que non escape o aire atrapado nelas.
- Logo diso botamos o amoado no molde engraxado e metémolo, centrado en altura, no forno xa quente, polo decurso de 55 minutos. Comprobamos que estea cocido picándoo cun espeto de madeira; se sae limpo xa está cocido.
- Sacámolo do forno e desmoldámolo cando aínda estea algo morno.
Nota :
- Esta receita é para un molde de 22 cm. e 55 minutos de forno se fora distinto, o tempo de forno variaría. Máis diámetro menos tempo.
- As cantidades son por cada ovo, 50 g de fariña, 50 g de azucre e 15 ml de liquido. Os líquidos poden ser auga, zumes, leite, aceite, manteiga ou margarina fundidas, licores, etc. sos ou mesturados pero sempre 15 ml por ovo.
- Se o biscoito sae abombado é que o forno está moi quente e tés que baixalo. Cada forno é un mundo, tés que facer probas ata conseguir que coza en 55 minutos.
- Se o fixeches ben e queres que o biscoito quede chairo por arriba dálle a volta sobre o mesado antes de desmoldalo.
- Podes decoralo empoándoo con azucre moído.
Tempo: 30 minutos Comensais: 48
Etiquetas: aceite, auga, azucre, biscoito, fariña triga, levedo en po, manteiga, ovo, relado de limón, sal, vainilla
Dom 24 Mai 2020
Torta larpeira
Ingredientes:
Para a masa:
· 400 g de fariña triga de forza
· 100 ml de leite gordo
· 30 g de lévedo de panadaría
· 60 g de azucre
· 2 ovos tamaño L
· 50 ml de anís
· 60 g de manteiga morna en dados
· 1 culleradiña das de té de sal
· 1 limón, o relado
Para a crema pasteleira:
· 1 ovo
· 125 ml de leite gordo |
· 35 g de azucre
· 10 g de maicena
· 1 pau de canela
· 1 casca de limón e outra de laranxa
· 1 culleradiña de vainilla ou 10 g de azucre vainillado
Para o xarope:
· 50 ml de auga
· 50 ml de anís
· 50 g de azucre
Para a decoración:
· 50 g de azucre
· 2 culleradas de auga |
Preparación:
- En primeiras desfacémo-lo lévedo no leite morno
- Logo facémo-la masa e para iso botamos na cunca do robot de cociña tódolos ingredientes agás a manteiga e amasámolo co trebello amasador por uns 5 minutos; logo diso engadímo-la manteiga, botándoa ós poucos para darlle tempo a que a absorba. Cando estea ben amasada pómo-la masa nunha bandexa das do forno, cuberta con papel de enfornar ou engraxada con manteiga, e estendémola de xeito circular coa man aceitada ata deixala duns 2-3 cm de groso.
- Tapámola cun pano e deixámola levedar por unhas 1,5-2 horas nun sitio tépedo.
- Entrementres leveda, facémo-la crema pasteleira e para iso mesturamos o ovo mailo azucre e batémolos ben. Por outra banda, afastamos nunha cunca un terzo do leite e nel desfacémo-la maicena; o resto do leite botámolo nun cazo coa canela, a vainilla mailas cascas de limón e laranxa e pómolo a quentar sen que ferva forte para que colla sabor pero non faga tona.
- Deixamos arrefriar un pouco o leite, sacámoslle as cascas mailo pau de canela e botámolo sobre a mestura de azucre e ovo, mentres remexemos para que non calle o ovo; logo diso botámoslle a maicena co leite e pómolo de novo ó lume remexéndoo de seguido para que non se apegue nin faga grumos. Cando comece a espesar apagámo-lo lume e seguimos batendo un rato pois adoita apegarse se non remexemos. Pasamos a crema a unha cunca e logo de tapala cun filme transparente metémola na neveira a arrefriar ata que teñamos que empregala.
- Acendémo-lo forno a 180ºC para que vaia quecendo
- Pasado o tempo de levedado, imos decorar a torta e para iso pintámo-la masa con ovo batido e cun coitelo ben afiado, facemos na masa uns cortes, duns 2 cm de fondo, ó longo e ó través formando cadrados. Enchemos estes cortes coa crema pasteleira coa axuda dunha manga pasteleira e logo de mesturar o azucre coa auga repartímola por enriba dos cadrados.
- Metémo-la torta a cocer polo decurso duns 25-35 minutos. Comprobamos cun espeto que estea cocida, se sae limpo é que o está.
- Entrementres coce, preparámo-lo xarope: mesturamos tódolos ingredientes nun cazo e pómolo ó lume durante uns minutos ata que espese un pouco.
- Logo de sacala e aínda morna mollámola co xarope preparado
- Servímola fría
Notas:
- Con robot vas tardar uns 8-10 minutos en face-la-la masa pero se o fas a man tés que votar tódolos ingredientes xuntos e tardarías uns 15 minutos.
- Os cataláns fan a “Coca de San Xoán” que é coma a esta pero decorada con piñóns e guindas
Tempo: 1 hora Comensais: 6-8 persoas
Sen contar o tempo de levedar
Etiquetas: anís, azucre, canela, fariña triga, leite gordo, lévedo de pan, limón, maicena, manteiga, ovos, sal
Mér 1 Nov 2017
Posted by Crisanto under Cociña galega, Sobremesas
Comentarios desactivados en Crumble de mazás
Crumble de mazás
Ingredientes:
- 4-5 mazás golden
- 1 culleradiña de canela
- 2 culleradas de azucre
- 10 g de manteiga
- 1 copa de brandy
- Xeado de vainilla
Para a masa crumble:
- 150 g de fariña triga
- 70 g de manteiga de leite
- 70 g de azucre
- 70 g de fariña de castañas
- 1 chisco de sal
Preparación:
- Acendémolo forno a 180 ºC para que vaia quecendo.
- Facémo-la masa crumble e para iso mesturamos as dúas fariñas, co azucre; logo engadímo-la manteiga fría e cortada en dados mesturando coas mans ó mesmo tempo que esmagamos a manteiga entre as palmas das man deslizando unha sobre outra de xeito que nos quede unha mestura areosa e solta.
- Pelámo-las mazás, sacámoslles o carozo e cortámolas en dados de 1-2 cm.
- Nunha tixola botámo-la manteiga xunto coas mazás maila canela, cociñámolas uns 3 minutos a fogo medio, engadímo-lo brandy, pegámoslle fogo e afastamos do lume.
- Logo diso botámo-las mazás nun molde redondo (24cm) engraxado con manteiga.
- Botamos a mestura crumble por enriba cubrindo ben todo e metémolo ó forno polo decurso duns 35-45 minutos ata que fique dourado.
- Servímolo quente acompañado co xeado.
Notas:
- Podes empregar outra clase de mazás ou outro tipo de froitas coma pexegos, peras, uvas, etc
- Para facer a fariña de castañas, pélaas ben, cóceas o vapor e cando estean cocidas secas tritúraas co aparello do batedor eléctrico.
- En troques de fariña de castañas podes empregar améndoas moídas ou sen moer, noces, abelás, etc.
- Calquera xeado lle vai ben.
Tempo: 60 minutos Comensais: 6-8