Crumble de mazás

 

Ingredientes:

  • 4-5 mazás golden
  • 1 culleradiña de canela
  • 2 culleradas de azucre
  • 10 g de manteiga
  • 1 copa de brandy
  • Xeado de vainilla

Para a masa crumble:

  • 150 g de fariña triga
  • 70 g de manteiga de leite
  • 70 g de azucre
  • 70 g de fariña de castañas
  • 1 chisco de sal

 

Preparación:

  1. Acendémolo forno a 180 ºC para que vaia quecendo.
  2. Facémo-la masa crumble e para iso mesturamos as dúas fariñas, co azucre; logo engadímo-la manteiga fría e cortada en dados mesturando coas mans ó mesmo tempo que esmagamos a manteiga entre as palmas das man deslizando unha sobre outra de xeito que nos quede unha mestura areosa e solta.
  3. Pelámo-las mazás, sacámoslles o carozo e cortámolas en dados de 1-2 cm.
  4. Nunha tixola botámo-la manteiga xunto coas mazás maila canela, cociñámolas uns 3 minutos a fogo medio, engadímo-lo brandy, pegámoslle fogo e afastamos do lume.
  5. Logo diso botámo-las mazás nun molde redondo (24cm) engraxado con manteiga.
  6. Botamos a mestura crumble por enriba cubrindo ben todo e metémolo ó forno polo decurso duns 35-45 minutos ata que fique dourado.
  7. Servímolo quente acompañado co xeado.

Notas:

  • Podes empregar outra clase de mazás ou outro tipo de froitas coma pexegos, peras, uvas, etc
  • Para facer a fariña de castañas, pélaas ben, cóceas o vapor e cando estean cocidas secas tritúraas co aparello do batedor eléctrico.
  • En troques de fariña de castañas podes empregar améndoas moídas ou sen moer, noces, abelás, etc.
  • Calquera xeado lle vai ben.

Tempo: 60 minutos                                                               Comensais: 6-8