Endivias con xamón e queixo azul
Ingredientes:
- 8 endivias
- 8 lascas delgadas de xamón
Para o prebe:
- 2 cenorias
- ½ cebola
- 100 ml de nata
- ½ vaso de viño branco
- 50 g de queixo azul
- Aceite de oliva
- Sal
- Pementa negra
Descrición:
- Tirámoslles as follas externas ás endivias (só as que estean mal) e cocémolas en auga salgada polo decurso de 5 minutos. Escoámolas ben e envolvémolas en cadansúa lasca de xamón. Reservámolas espetadas cun pauciño para que non se solte o xamón
- Facémo-lo prebe pondo a amolecer, nunha tixola con 3 culleres de aceite, a cebola cortada en xuliana moi fina mailas cenorias peladas e cortadas en rodas delgadiñas. Amolecemos ata que colla un chisco de cor.
- Logo disto engadimos o viño branco e deixamos cocer para reducir; engadimos a nata líquida mailo queixo un pouco de pementa negra moída recente e salgamos.
- Tapámo-la tixola e deixamos cocer; uns 2 minutos o prebe so e outros 5 minutos máis coas endivias envoltas co xamón.
- Colocámo-las endivias nunha bandexa de presentación alongada e regadas co prebe.
- Servímolas quentes.
Tempo: 20 minutos
Comensais: 4
Nota:
A endivia é en realidade unha variedade da chicoria que se obtén mediante un cultivo forzado ou artificial.
É unha planta con follas que arrincan do pescozo da raíz cunha coloración variable, segundo a variedade e o cultivo, que vai dende o verde escuro ata o amarelo claro. A endivia, unha verdura de agradable presenza, é en realidade o corazón da planta.
De forma apuntada e cilíndrica, está composta por unha sucesión de apretadas follas superpostas de cor branca que se volve amarela nas puntas. Miden de 8 a 9 centímetros de longo e teñen ó redor de 3 centímetros de diámetro. Son de un marcado sabor doce é refrescante aínda que nalgunhas variedades é lixeiramente amargo.
As endivias son hortalizas que están dispoñibles no mercado durante todo o ano, pero sobre todo na época que vai dende outono ata principios de verán, sendo a súa tempada óptima a que abarca os meses de inverno e a primavera. De tódolos xeitos, na actualidade os cultivos de invernadoiro permiten contar con elas todo o ano.
Nome científico: Cichorium endivia variedade crispa
Orixe: Din que a endivia é orixinaria da zona mediterránea.