Entries tagged with “cuba”.


Agustín Rodríguez Castro (Lugo, 1885 – A Habana 1957). A morte de seu pai obrigouno a emigrar á Habana en 1901. En Cuba interesouse polo teatro, estreándose en 1908 a primeira peza escrita por el, Cuba se hunde. Foi un dos grandes escritores de obras dramáticas da primeira metade do século XX en Cuba, destacando as súas pezas con historias tiradas da vida cotiá. Destacaban os seus personaxes de galegos e súa é a parella Garrido e Piñeiro, formada por un galego e un negro, que sería moi popular na illa nas décadas seguintes. As súas historias tamén foron representadas na televisión e no cinema.

Filla de emigrantes galegos, Anisia Miranda naceu en 1932 na cidade cubana de Ciego de Ávila. Logo dunha estancia en Arxentina, de 1961 a 1992 residiu en Cuba, onde se implicou en varias publicacións periódicas da illa dedicadas ao público infantil, como Zunzún, Pionero e Bijirita. É autora dunha importante obra en galego para nenos, con títulos como A casa dos títeres, Os contos do Compay Grilo, Pardela amiga e Cantarelas. Anisia faleceu en 2009 aos 76 anos de idade. Atrás quedaron máis de 50 anos como compañeira vital e de proxectos culturais de Xosé Neira Vilas, desde que en 1957 se coñeceron en Buenos Aires. Daquela puxeron en marcha o proxecto Follas Novas, a primeira distribuidora de libros galegos en Ámerica.

Na década dos 60, a escritora Anisia Miranda atinxiu a categoría de best-seller. Foi cunha biografía sobre a infancia de Ernesto Che Guevara publicada pola revista Zunzún, na Habana. “Fixéronse catro edicións de 250.000 exemplares, un millón en total”, facía memoria en febreiro de 2008, na Feira do Libro da capital cubana. Outra das súas ocupacións traduciuse en versións galegas de poemas de Walt Whitman ou José Martí. “Anisia interesouse por aquela cousa de Galicia logo de ler un artigo titulado El idioma prohibido“, rememoraba Neira Vilas hai meses, “e contactar cos exiliados Seoane e Lorenzo Varela”.

Algunhas das súas obras
Os contos do Compay Grilo (Ediciós do Castro). Foi premio nacional de literatura para nenos en 1973, editándose en Cuba ao redor de 250 mil exemplares. Foi traducido, entre outras linguas, ao ruso e ao eslovaco.

A primeira aventura (Ediciós do Castro). Cinco contos ilustrados polo cubano Ernesto Padrón. Premio Internacional da Infancia. Un vocabulario final, ilustrado, explica aos cativos o significado dalgunhas palabras de Cuba.

A cama, a bolboreta e o paxariño (Ediciós do Castro). Trece contos nos que os animais contan anécdotas da súa vida cotiá ou explican fenómenos naturais como o ciclo da auga ou a xerminación das sementes. Ilustrados polo cubano Alfredo Gutiérrez, residente en Ourense.

O libro está composto por dezaseis relatos costumistas que teñen que ver cos galegos emigrados na Arxentina. Conta cun prólogo de Luís Seoane. Fillo de labregos, Xosé Neira Vilas estudou comercio por correspondencia. En 1949 emigrou a Arxentina e entrou en contacto con galeguistas como Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela ou Ramón de Valenzuela e en 1953 fundou as Mocedades Galeguistas. En 1957 casou coa escritora Anisia Miranda en 1957 e xuntos crearon a editorial Follas Novas. En 1961 marcharon a Cuba. Despois de trinta e un anos na illa caribeña, xa xubilados, regresaron a Galicia en 1994 para viviren en Gres. Anisia faleceu o pasado ano.

Neira Vilas escribiu numerosas obras que teñen que ver coa emigración, como a propia Historias de emigrantes (1968), Cartas a Lelo (1971), Querido Tomás (1980), Tempo novo (1987), Contos de tres mundos (1995), Relatos mariñeiros (2003), Galegos no Golfo de México (1980), A prensa galega en Cuba (1985), Na outra banda do mar (1992), Memoria da emigración (1994), Eduardo Blanco-Amor, dende Buenos Aires (1994), Memoria da emigración II (1995), A lingua galega en Cuba (1995), Galegos que loitaron pola independencia de Cuba (1998), Crónicas galegas de América I. Rolda primeira (2000), Manuel Murguía e os galegos da Habana (2000), Crónicas galegas de América II. Rolda segunda (2001), Crónicas Galegas de América III. Rolda terceira (2002), Vinte anos retornando (2006) e Presenza galega en Cuba (2010).


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

Toño de Loureiro proponlle a Lelo (mozo que emigrou hai tres anos ao Brasil) un intercambio epistolar no que cada un contará as súas vivencias en terras tan distantes. Na obra recóllense as cartas de Toño e a partir delas podemos deducir as noticias sorprendentes da emigración, que espertan o interese dos seus amigos, con quen as comparte.

Ambientadas na aldea galega, contan diferentes episodios do espazo cotián dun neno da época. Refiren historias de animais, como as cóbregas (a aletargada polo frío que trouxo para casa e meteu en augardente ou a que veu co tío baixo a súa camisa cando foi a pescar de noite), de burlas e xogos infantís (facéndose pasar por pantasmas para asustar de noite a uns xogadores ou atrancando o camiño con paus) ou das pelexas contra os doutro lugar ou por unha moza. Ademais, aparecen tradicións como os cantos de Reis, a cova do tesouro dos mouros ou a cultura da morte, sen esquecer un fuxido da guerra civil a quen os nenos tratan de axudar. Este é o seu mundo, pequeno comparado co que Lelo lle conta de Brasil, onde os incendios son máis grandes que a súa pequena fogueira no monte ou hai que investigar outros roubos ante os cales o seu dunhas cebolas resulta ridículo. Acaba a correspondencia cando Toño vai deixar a escola e Lelo vai marchar para Montevideo.

Cartas a Lelo
Xosé Neira Vilas
Ediciós do Castro
148 páxinas – 7€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

Relatos mariñeiros componse dunha vintena de narracións curtas que teñen como referencia e inspiración a comunidade de pescadores galegos das Mariñas, asentados na Habana durante os anos trinta, corenta e cincuenta do seculo XX. Vinte historias de mariñeiros e emigrantes galegos no Golfo que reconstrúen vidas anónimas penduradas dun fío, fuxindo dos feros ciclóns e doutras situacións arrepiantes; vidas ancoradas na saudade da terra e das xentes que abandonaron. Relatos de vidas de mariñeiros artistas como o Leandro, o corpudo gaiteiro que levaba todo un país no fol, o Mariano que tocaba o saxofón, o Xan o Cativo, moi mañoso no seu vello acordeón, ou o Santiago, que co seu lapis de cores retrataba a cada un dos compañeiros de tripulación. Mariñeiros namorados e comprometidos como o Daniel, aquel mozote de Camariñas que nunca esquecerá a súa namorada primeira; o Xaquín, o vello pescador da Malata que sentía polo mar unha mestura de amor e xenreira; o negro Eliseo, un Goliat antillano que cos galegos da Casa Branca aprendeu a fala nosa; ou o Xoán Barreiro, dirixente do Sindicato de Viveiristas que promoveu os setes meses de folga do ano trinta e un… Relatos mariñeiros, pola súa complexa e premeditada brevidade, pola súa prosa cristalina, polo seu esforzo de destilación léxica, e pola construcción dunhas tramas enchidas de emoción, apoiadas nas ilustracións narrativas de Xaquín Marín, constitúe unha das máis valiosas achegas dun dos clásicos vivos da literatura galega.

Relatos mariñeiros
Xosé Neira Vilas
Xerais
128 páxinas – 13,90€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

A obra documenta a biografía de 109 galegos que loitaron na guerra de independencia da illa nos últimos anos do século XIX. Moitos galegos uníronse aos insurrectos e loitaron contra a metrópole. Andando o tempo outros moitos adoptarían conscientemente a mesma actitude, ao longo do século XX, participando na loita social en xeral e até na rebelión que conduciu ao triunfo popular en 1959.

Galegos que loitaron pola independencia de Cuba
Xosé Neira Vilas
Ediciós do Castro
246 páxinas


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

O libro reflite unha investigación de varios anos e profunda na historia e o aspecto humano dunha gran cantidade de galegos que foron activos protagonistas do movemento insurxente máis importante de América Latina e da Revolución Cubana. Por exemplo, na vida de Óscar Fernández Mel, fillo de emigrantes galegos a Cuba, hoxe de 87 anos, que con tan só 25 se incorporou á columna guerrilleira comandada polo Che, sendo amigo persoal do mesmo na súa etapa cubana. Tamén participou co Che na misión internacionalista de solidariedade no Congo. Foi xefe do exercito de occidente das FAR de Cuba e posteriormente foi Presidente do poder popular da Habana, logo embaixador de Cuba en varios destinos.

Cuba, los gallegos y el Che
Lois Pérez Leira
Grupo de Comunicación de Galicia en el Mundo
304 páxinas