Entries tagged with “corazón”.


Na encrucillada oscura dos meus vèrsos de sombra
chantèi, piadosamènte, unha cruciña tosca,
no xabre dos meus pòbres pensamèntos.

E fun vertendo o òleo perfumado da i-alma
na cunquiña de barro destas ermas palabras
para alumar, de noite, o seu silèncio…

A lua campesiña veu pousar onde a cruz
-cansada do camiño- o seu feixe de luz…
E reza mui baixiño, mui baixiño…

…Na encrucillada oscura dos meus vèrsos de sombra
abre Xesús os brazos, cheios de paz, na fonda
señardade calada dos camiños…

Fonte: BVG

Póñaselle música, na primeira parte, de violíns. Pero que saiban chorar.
Na segunda, de canóns. Pero triunfantes.

O teu sangue non sabía
non sabía
que licuaba para sempre
nas pedras da Historia e do Tempo de Compostela. Fría.
O teu corazón non sabía
non sabía
que a calor que te abeiraba por dentro
tornaba xeada e absurda. Perdida.
Mais a túa alma xa sabía
sabía
que a liberdade había espertar no abrente do futuro
de entre as pedras duras da túa Compostela miña. Rexurdida.

Aquelas balas non sabían
non sabían
que te agardaban da outra beira das rochas, onde arfa a alba. Fría.
Aqueles homes non sabían
non sabían
que foran nacidos para te asasinar
e para rubricar a inxustiza
e para fundar o universo da dor, a orde porcallenta e marcial, a nonvida. Perdida.
Aquela cidade morta
a túa Compostela miña
acorda hoxe na lembranza da túa vida valente
e medra libertaria sobre o teu exemplo.
Xa non fría.
Nunca máis perdida.
E para sempre rexurdida.

Fonte: BVG

Temos o corazón petroleado
polas gueivotas negras do desprezo.
Canto tempo máis aturaremos este cravo
na cunca violentada da nosa man? (máis…)