Entries tagged with “cine”.


Amalia Sánchez Ariño. Naceu en 1883 en Galicia e chegou a Arxentina en 1936 como actriz da compañía de Margarita Xirgu. Nas décadas seguintes converteuse na avoa por antonomasia do cinema arxentino en filmes como Honrarás a tu madre, Los Árboles mueren de pié o Los problemas de papá. O seu fillo Vicente Ariño e o seu neto Emilio Ariño tamén foron actores de éxito. Na súa derradeira película, Tierra de Nuestros Mayores, interpretou a nai emigrante do filme de Manuel Arís.

Enrique Muíño (Laracha 1881 – Bos Aires 1956). Iníciase no teatro moi novo, chegando a converterse nun dos actores máis populares de Arxentina. Nos anos vinte realiza unha extensa xira por Galicia na que recibe numerosos recoñecementos. Nos anos trinta comeza a protagonizar películas e xa nos anos corenta funda a produtora Artistas Argentinos Asociados, destacando o seu papel en El cura gaucho e La guerra gaucha.

Elixio González (Entrimo 1899 – Bos Aires 1972). Chega a Arxentina 1929, fuxindo do alistamento para a Guerra de África. Comeza a traballar nunha casa de fotografía e uns anos despois funda Celta Films, unha pequena produtora coa que realiza reportaxes sobre a vida dos emigrantes galegos en Arxentina. A súa primeira obra destacable será Galicia en Buenos Aires, que se proxecta en Galicia en numerosos cines en 1934 e que foi utilizada na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de 1936. Era coñecido como o fotógrafo da colectividade e estivo presente en todos os actos organizados por galegos en Arxentina. O valiosísimo arquivo de Elixio González non foi valorado polas sociedades que debían conservalo e perdeuse na súa meirande parte.

Eumenio Blanco (Manzaneda, 1891 – Los Ángeles 1984). Criouse en Vigo, onde comezou a destacar no mundo da música como barítono. Emigrou aos Estados Unidos e en 1925 xa formaba parte do elenco da ópera de Nova York. Coa aparición do cinema sonoro, comezan a realizarse en Hollywood versións dos filmes en varios idiomas, tamén o castelán, o que leva a Eumenio a protagonizar varias películas e a compartir cartel con Anthony Quinn, Kirk Douglas, Robert Mitchum ou Carole Lombard. Na súa filmografía destaca Out of the past, de Jaques Tourneu, ou A volta ao mundo en 80 días, en 1956, compartindo escena con David Niven ou Cantinflas e Encontros na terceira fase, de Steven Spielberg.

Serafín Ferro (A Coruña 1912 – México 1958). Fillo de familia obreira e anarquista, emigrou a Madrid cos seus irmáns. Alí móvese nos ambientes intelectuais e coñece a Federico García Lorca, con quen chega a manter unha relación. Cando comeza a Guerra Civil atópase na Coruña creando un ballet galego. Alístase na lexión, cruza as liñas e foxe a Barcelona. Alí participa na rodaxe de Espoir, un filme de propaganda dirixido por André Malraux. O filme converteuse nun dos mitos da resistencia antifascista. Na segunda guerra mundial foi internado nun campo de concentración en Francia, do que puido saír e exiliarse en México, onde morreu despois dunha grave adicción ao alcol.

Reportaxe sobre Serafín Ferro publicada en La Opinión de A Coruña

Manuel Augusto de Cervantes (Chantada 1928 – Brasil 1988). Traballaba como axente inmobiliario en Sao Paulo, pero a finais da década dos cincuenta comezou a realizar algún pequeno papel no cinema co nome de Augusto Pereira. Dende os anos sesenta convértese en produtor, sendo até os anos oitenta nun dos produtores de cinema independente máis importantes de Brasil, especializado en spaghetti westerns, filmes de terror e películas pornográficas, tentando dar aos seus filmes en todo momento unha marca de calidade.

Ricardo Castro Ríos (Vigo 1920 – Bos Aires, 2001). Chegou con seis anos á Arxentina. Mentres estudaba Dereito interesouse polo teatro afeccionado, debutando no cinema en 1944 en La cabalgata del circo, compartindo cartel coa tamén galega Libertad Lamarque. Adoitaba realizar papeis de galán, todos eles de protagonista, en máis trinta filmes até 1976.

Gumersindo Barreiros. Emigrou a Arxentina en 1914 e comezou a traballar na nacente industria cinematográfica en 1920, ben como axudante de escenografía ou de cámara, ou como técnico de iluminación. Máis adiante especializouse da dirección de fotografía e participou en ducias de filmes, obtendo varios premios e sendo responsable, por exemplo, da fotografía de Lo que le pasó a Reynoso (1954), a primeira película en cor do cinema arxentino.

Manuel Arís Torres (Poio, 1920). Emigrou aos nove anos a Montevideo e comezou a traballar de torneiro e a colaborar co Centro Galego, do que chegou a ser xerente. Traballou como cámara en varias películas do cineasta Daniel Sposito ou M.A. Melino, entre elas o clásico do cinema uruguaio El desembarco de los 33 orientales. En 1951 comezou a filmar en 16 mm as actividades dos emigrantes galegos en Montevideo: Caminos de España en el Uruguay. Así mesmo, nas súas viaxes a España produciu e dirixiu dous documentais con imaxes de Galicia, Un viaje por Galicia e Por los caminos de España, que tiveron moito éxito entre a emigración galega. En 1959 realiza a súa única longametraxe en 35mm, Tierra de nuestros mayores, tamén con imaxes de Galicia e de novo con gran éxito na Diáspora.

Guillermo Álvarez Bianchi (Abeleda de Avión – México, 1982). Destacou en México como actor cómico, tanto no cinema coma na televisión e coma cantante, participando en máis de 170 filmes. Por mor do seu aspecto físico (era bastante gordo) especializouse no papel de propietario obeso de cantina ou de hotel, moi obsesionado coas mozas, ou ben no de cura. Conseguiu o premio Ariel ao mellor actor secundario por Cuarto de Hotel en 1952.