Entries tagged with “caldo de bacallau”.


Pote de bacallau

Ingredientes: 4 persoas

* 600 g de lombos de bacallau

* 5 patacas medianas

* 2 pementos verdes

* ½ pemento vermello

* 2 cebolas vermellas

* 2 pementos secos ou pemento doce

* 2 dentes de allo

* Caldo de bacallau

* Aceite de oliva

* Sal

Descrición:

  1. Desalgámo-lo bacallau en auga  48 horas cambiando a auga cada 8 horas. Sacámoslle a pel, cortámolo en anacos medianos e reservámolo.
  2. Facemos un caldo de bacallau coa pel, arganas, colas e outras sobras de bacallau mais unha cebola, porro e cenoria.
  3. Pomos a remollo os pementos secos en auga quente e reservámolo miolo despois de sacarllo rascando cun coitelo.
  4. Nunha pota de tamaño medio con uns 50 ml de aceite botamos a cebola, os pementos mailos dentes de allo picado todo miúdo e deixamos que se fagan ata que estean brandos. Podemos triturala cebola e os pementos cando xa estean feitos.
  5. Namentres pelamos, limpamos e escachámolas patacas (non as cortamos) en anacos do tamaño dunha noz e cando a verdura estea branda engadímolas a pota e refogámolas uns 5 minutos.
  6. Engadimos o caldo de bacallau quente cubrindo as patacas con 1 dedo de auga ou un pouco máis, ten que quedar só un chisco caldoso, mailo miolo dos pementos secos e deixamos cocer uns 20-30 minutos ata que as patacas empecen a esfarelarse un pouco e engorden o caldo.
  7. Afastámolo do lume e engadímo-lo bacallau.
  8. Deixámolo repousar 10 minutos e arranxámolo de sal antes de servilo quente.

Nota:

  • Podemos empregar outra clase de peixe para facer este prato como xurelo, cabala, atún, bonito, pescada só lle temos que cambiar o nome a receita e pasaría a chamarse “Pote de …”

Receita: Arroz con bacallau

Ingredientes

  • 400 g de bacallau esmigallado
  • 300 g de arroz
  • Caldo de bacallau
  • 1 cebola
  • 1 pemento verde
  • 1 pemento vermello asado
  • 1 tomate maduro
  • 1 dente de allo
  • 2 poliñas de perexil
  • ½ limón
  • 1 ovo cocido
  • 50 ml de aceite de oliva
  • Sal

Descrición

  1. Desalgámo-lo bacallau durante 12 horas en auga dentro da  neveira cambiando dúas veces de auga.
  2. Limpamos e picámo-las verduras moi miúdas: cebola, pemento verde, allo e tomate.
  3. Nunha paella, pota baixa, ou tixola ampla botámo-lo aceite e refogámo-las verduras a fogo baixo ata que amolezan.
  4. Logo disto engadímo-lo arroz e refogámolo coas verduras.
  5. Engadimos o zume do limón e botamos a caldo de peixe ben quente. (a medida, en volume, de caldo de peixe é o dobre maila metade do volume de arroz)
  6. Engadímo-lo bacallau cortado en anacos pequenos, salgamos e despois de remexer cunha espátula de madeira para repartilo e ordenalo deixámolo cocer a fogo lento polo decurso de 20 minutos.
  7. Pasado ese tempo afastámolo do lume e adornámolo con tiras de pemento vermello e o ovo cocido cortado en cuartos; por último esparexemos un pouco de perexil picadiño por riba.
  8. Tapámolo cun pano de cociña húmido e deixámolo repousar 5-10 minutos antes de servilo.

Tempo: 40 minutos

Comensais: 4

Recipe by on.
Microformatting by hRecipe.