Entries tagged with “cabaza”.


Zamburiñas á prancha

 

Ingredientes:

  • 4 zamburiñas
  • 100 g. de cabaza dourada
  • 1 pataca
  • 2 porros (só a parte branca)
  • ½ cebola
  • 50 ml de nata
  • 1 lasca de xamón
  • Aceite
  • Sal

 

Descrición:

  1. Limpámo-lo branco dun porro, cortámolo ó través e picámolo en xuliana, é dicir en tiras delgadiñas, que fritimos nunha tixola con aceite. Ata que fiquen lixeiramente douradas.
  2. Para deshidratar o xamón metémo-la lasca no forno entre dúas placas de forno, ou entre dous pratos chairos e deixámolo uns minutos ata que estea deshidratado e poidámolo esnaquizar coas mans.
  3. Coa cabaza, a pataca, o outro porro maila cebola facemos unha crema que coamos por un coador para que quede ben fina engadimos a nata e mesturamos
  4. Pomos unha culler de crema nas cunchas das zamburiñas e enriba delas a carne da zamburiña feita a prancha.
  5. Adornámolo todo co porro fritido e co xamón deshidratado e esnaquizado.

 

 

Nota:

  • Podemos empregar para esta tapa vieiras no lugar das zamburiñas. As zamburiñas saen mellor de prezo.

 

 

Tempo: 30 minutos

Tapas: 4

Caldo de allo porro con bacallau

 

Ingredientes:

  • 300 g de bacallau (aletas)
  • 6 allos porros
  • 2 dentes de allo
  • 5 patacas medianas
  • 200g ce cabaza amarela
  • Caldo de bacallau
  • 2 pementos secos ou pemento doce
  • Aceite de oliva
  • Sal

 

Descrición:

  1. Como se trata dunha das parte delgadas do bacallau, pómolo a desalgar 12 horas cambiando 2 veces de augas, sacámoslle a pel, cortámolo en anacos medianos e reservámolo.
  2. Coa pel, espiñas, colas e restos de bacallau, facemos un caldo con algo de aceite, cenoria e cebola.
  3. Pomos á remollo (1 hora) os pementos, limpos, en auga quente e sacámoslle o miolo para empregarmos no caldo
  4. Limpámo-los porros, deixando algo da parte verde, cortámolos ó través en cachos de uns 2 cm. de longo.
  5. Sacámoslle a casca á cabaza e cortámola en dados de uns 2 cm. de lado.
  6. Pelámo-las patacas e escachámolas (escachadas non cortadas para que solten fécula e engorde o caldo) en anacos do tamaño dunha noz.
  7. Nunha pota con aceite (50-100 ml) refogamos uns minutos os porros maila cabaza e os dentes de allo. Logo disto engadímolo caldo de bacallau, tendo en conta que ó botar as patacas teñen que quedar cubertas.
  8. Deixamos facer uns 15 minutos e engadímo-las patacas esnacadas mailo miolo dos pementos (ou unha culler rasa de pemento doce). Comprobamos que temos caldo dabondo para que as patacas estean cubertas por uns 3 dedos de auga. Se xa non temos caldo dabondo engadimos auga.
  9. Deixamos que coza todo xunto por uns 30 minutos máis, ata que as patacas empecen a esmigallar e engorden un chisco o caldo. Tede en conta que hai patacas que se esfarelan logo e outras que quedan máis enteiras; convén neste caso empregar das segundas.
  10. Afastámolo do lume e engadímolo bacallau.
  11. Pómolo a punto sal e servímolo despois de deixalo repousar uns 10 minutos.

Tempo: 45 minutos

Comensais: 4 persoas

Nota:

  • Tamén podemos facer do mesmo xeito o caldo de allo porro con costela de porco. So temos que trocar os 300g de bacallau por 400 g de costelas de porco adubadas, e polas refogar na pota cos porros e engadindo caldo de carne ou só auga en troques do caldo de bacallau. (ollade punto 7)