Entries tagged with “boliños”.


Boliños de vento reenchidos de crema de castañas

 

Ingredientes:

Para a masa:

  • 250 ml de auga
  • 150 g de fariña triga
  • 100 g de manteiga de leite
  • 4 ovos
  • Un chisco de sal

Para o recheo:

  • 250 g de castañas
  • 1 cullerada de anises
  • 1 vaso de nata
  • 2 culleradas de azucre

 

  • Preparación:
  1. En primeiras, preparámo-las castañas e para iso sacámoslle a pel grosa de fora e pómolas a coceren nunha pota con auga xunto cos anises polo decurso duns 25 minutos.
  2. Acendémo-lo forno a 200 ºC para que vaia quecendo
  3. Entanto, facémola masa dos boliños. Botamos nunha cazarola a auga xunto coa manteiga, o chisco de sal e pómola a ferver; cando comece a ferver afastámola do lume e engadimos de golpe a fariña e remexemos de seguido ata que estea todo ben mesturado. Deixamos arrefriar.
  4. Cando estea algo morno engadimos un ovo enteiro e cando xa estea absorbido engadímo-lo outro e así ata os catro ovos.
  5. Metémo-la masa nunha manga pasteleira e facendo uns montonciños do tamaño dunha noz grandiña, pómolos sobre unha bandexa das do forno cuberta con papel de enfornar. Deixamos unha separación entre eles para que non se apeguen cando crezan ó cocelos.
  6. Metémo-la bandexa cos boliños ó forno uns 15-20 minutos ata que estean cocidos e un chisco dourados.
  7. Nestes intres, as castañas xa estarán cocidas e agora, coa axuda dun coitelo con punta, pelámo-las sacándolles a pel que lles quedou.
  8. No vaso do batedor botamos as castañas, a metade da nata mailo azucre e trituramos todo. O triturado ten que quedar coma crema algo espesa pero axeitada para poder encher con ela os boliños, así que se cómpre engadimos máis nata.
  9. Metemos esta crema nunha manga pasteleira con boquiña rizada e imos enchendo os boliños logo de darlles un pequeno corte por arriba cun coitelo.
  10. Presentámolos adornando ó gusto.

 

Nota:

  • Para sacarlles a segunda pel ás castañas podes poñelas ó lume forte nunha tixola con testo durante uns poucos minutos vai probando e sácaas cando vexas que pelan. Coida que non asen moitos. Hai que pelalas deseguido; en quente pelan mellor. 

 

Tempo: 1 hora                                                           Comensais: 6-8

 Boliños de pataca e bacallau

 

Ingredientes:

  • 300 g patacas
  • 300 g de bacallau desalgado
  • 1 cebola branca (uns 300g)
  • 1 dente de allo
  • 1 ovo
  • 7-8 poliñas de perexil
  • Ovo e pan relado para rebozar
  • Aceite de oliva virxe
  • Sal

 

Preparación:

  1. Nunha cazarola cocémo-las patacas, uns 30 minutos, con pel en auga e so un chisco de sal, non moita.
  2. Noutra cazarola cocemos por 5 minutos o bacallau cun pouco de perexil, un cuarto da cebola e un chisco de aceite. Pasados este tempo quitámo-lo bacallau da auga e cando arrefríe sacámoslle as espiñas maila pel e esmigallámolo.
  3. En tanto cocen as patacas, nunha tixola con aceite amolecémo-lo resto da cebola picada miudiña a fogo maino cun chisco de sal ata que comece a dourar.
  4. Pasado o tempo quitámo-las patacas e logo de que arrefríen pelámolas e esmagámo-las cun garfo.
  5. Nunha cunca fonda mesturámo-lo bacallau coas patacas, o perexil picado, mailo ovo e cebola escoada, sen aceite. Probamos de sal e engadímoslle se cómpre.
  6. Coa axuda de dúas culleres facémolos boliños, rebozámolos en pan relado, ovo batido e pan relado; logo diso fritímolos nunha tixola con abondoso aceite ben quente ata que estean de cor dourada. O quitalos do aceite pousámolos en papel absorbente para que perdan escoen o aceite.
  7. Presentámolos nunha bandexa alongada adornados cunhas poliñas de perexil.

 

Tempo: 50 minutos                                                   Comensais: 4 persoas