Entries tagged with “biscoito”.


Goxúa

 

 

Ingredientes:

Para o biscoito:

  • 150 g. de manteiga de leite en pomada
  • 250g. de azucre
  • 4 ovos + as claras da crema pasteleira
  • 250g de fariña triga
  • 1 sobre de lévedo en po

Para a nata montada:

  • 250 ml de nata de montar
  • 1 cullerada colme de azucre moído

Para a crema pasteleira

  • 4 xemas de ovo
  • 4 culleradas colmes de azucre
  • ½ l de leite gordo
  • 1 casca de limón ó gusto
  • 1 culleradiña de esencia de vainilla
  • 50 g de maicena

 

Preparación:

  1. En primeiras farémo-lo biscoito e para iso acendémo-lo forno a 180ºC para que estea quente cando metámo-lo biscoito
  2. Batémo-la manteiga en pomada xunto co azucre empregando as variñas de batedor eléctrico
  3. Cando estea ben mesturado botámo-los ovos mailas claras e seguimos batendo ata que dobren o seu volume e a mestura estea esponxosa.
  4. Mesturamos a fariña co lévedo e botámola peneirada cun coador de arame sobre a amoado mentres o mesturamos cunha culler, unhas variñas de man ou unha espátula, con movementos envolventes, ata que a mestura estea homoxénea.
  5. Botámo-lo amoado nunha bandexa do forno cuberta con papel de enfornar ou engraxada e enfariñada.
  6. Metémolo molde ó forno durante por uns 10-15 minutos; comprobamos cun espeto de madeira ou cun garfo que está cocido.
  7. Sacámolo do forno e logo de que arrefríe desmoldámolo. E reservámolo.
  8. Entrementres esta no forno montámola nata ben fría, se cadra metémola uns 20-30 minutos no conxelador, coas variñas eléctricas e a medio montar engadímoslle o azucre moído. Reservámola.
  9. Para a crema pasteleira pomos a quentar case todo e leite reservando coma ¼ xunto coa esencia de vainilla e a casca de limón sen que chegue a ferver. Entrementres nunha cunca ampla mesturamos, coas variñas de man, as xemas de ovo co azucre; logo diso botámola maicena, mesturamos coas variñas e engadímo-lo leite reservado e mesturamos ben.
  10. Logo diso vertemos, ós poucos o leite quente, sen a casca mentres seguimos mesturándoo coas variñas.
  11. Botamos agora todo na cazarola de quentar o leite e pómolo á lume medio alto, remexendo deseguido, sen que ferva, ata que a crema espese. Sacámola do lume e reservámola.
  12. Agora imos montar esta sobremesa e para iso collemos unhas copas ou tarteiras pequenas e pomos no fondo unhas culleradas de nata por enriba o biscoito cortado en redondo cun aro, cubrímolo  cunhas culleradas de crema pasteleira que empoamos con bastante azucre en gran e torramos cun soprete.
  13. Servímolo frío.

 

 

Nota:

  • O Goxúa é unha sobremesa tipicamente vasca
  • A crema se a mantemos moito tempo no lume vai espesar máis.
  • Se temos biscoito feito podemos empregalo esmigallado.

 

 

Tempo: 80 minutos                                                   Comensais: 6 persoas

Biscoito  esponxoso

 

Ingredientes: 

  • 5 ovos
  • 250 g de azucre
  • 250 g de fariña triga
  • 50 ml de auga
  • 25 ml de aceite de oliva ou xirasol
  • 8 g de lévedo químico en po
  • 1 chisco de sal
  • 1 cullerada de esencia de vainilla
  • 1 limón, o relado
  • Manteiga para engraxar

 

Preparación:

  1. Acendémolo forno a 175ºC para que vaia quecendo
  2. Por outra banda engraxamos un molde desmontable de 22 cm e cubrímo-la base con papel antiadherente de enfornar.
  3. Afastámo-las claras das xemas e montámolas a piques de neve cun chisco de sal coa axuda das variñas do batedor eléctrico; cando estean a medio montar engadímoslle 125 g de azucre e seguimos montando ata que estean firmes. Reservámolas.
  4. Nunha cunca botamos as xemas de ovo xunto coa auga, o aceite, o resto do azucre maila esencia de vainilla e batémolas ben coas variñas do batedor eléctrico; logo diso mesturamos a fariña co lévedo, peneirámola cun coador de arame e incorporámola ós poucos ás xemas. Agora botamos ós poucos as claras, nunhas 3 veces, e mesturámolas devagar con movementos envolventes coa axuda dunha espátula para que non escape o aire atrapado nelas.
  5. Logo diso botamos o amoado no molde engraxado e metémolo, centrado en altura, no forno xa quente, polo decurso de 55 minutos. Comprobamos que estea cocido picándoo cun espeto de madeira; se sae limpo xa está cocido.
  6. Sacámolo do forno e desmoldámolo cando aínda estea algo morno.

 

Nota :

  • Esta receita é para un molde de 22 cm. e 55 minutos de forno se fora distinto, o tempo de forno variaría. Máis diámetro menos tempo.
  • As cantidades son por cada ovo, 50 g de fariña, 50 g de azucre e 15 ml de liquido. Os líquidos poden ser auga, zumes, leite, aceite, manteiga ou margarina fundidas, licores, etc. sos ou mesturados pero sempre 15 ml por ovo.
  • Se o biscoito sae abombado é que o forno está moi quente e tés que baixalo. Cada forno é un mundo, tés que facer probas ata conseguir que coza en 55 minutos.
  • Se o fixeches ben e queres que o biscoito quede chairo por arriba dálle a volta sobre o mesado antes de desmoldalo.
  • Podes decoralo empoándoo con azucre moído.

 

Tempo: 30 minutos                                                         Comensais: 48

Receita: Biscoito Común

Ingredentes

  • 6 ovos,
  • 6 cucharadas de azucre
  • 6 cucharadas de fariña
  • 50 g de fermento (opcional)

(máis…)