Entries tagged with “bica”.


Bica ó xeito de Trives

 

Ingredientes:

Para a masa mai:

  • 200g de fariña forte
  • ½ vaso de auga (125ml)
  • Fermento de panadeiro

Para face-la bica

  • 200g de masa mai
  • 200g de fariña de repostería
  • 400g manteiga de leite
  • 400g de azucre
  • 4 ovos
  • 1 sobre de fermento químico (“Royal”)
  • 50g de azucre

 

Preparación:

Facémo-la masa mai:

  1. Botamos a fariña nunha cunca fonda e facemos un niño e dentro del botamos a auga tépeda e o fermento (ollade que cantidade tedes que pór para 200g de fariña).
  2. Amasámola polo decurso de 10 minutos e logo de facer unha bola e enfariñala pómola a fermentar nunha cunca tapada cun pano nun sitio morno ata que duplique o seu volume. (1-2 horas)

Facémola bica:

  1. Quentamos a manteiga a fogo moi baixo, amornámola un pouco só para abrandala, e mesturámola co azucre.
  2. Xuntamos a manteiga mailo azucre coa masa mai e amasamos ata mesturar todo.
  3. Engadímo-los ovos e ímolos incorporando á masa un por un; non botamos outro ata ter  incorporado  o anterior. Aquí podemos axudarnos coas variñas do batedor eléctrico
  4. Mesturamos a fariña co fermento químico, peneirámola cun coador e engadímola os poucos a todo o anterior, mesturándoo de vagar con movementos envolventes.
  5. Pasamos esta mestura a un molde rectangular e baixo, engraxado e enfariñado repartindo a masa coa axuda dunha culler ou espátula..
  6. Empoámola con azucre antes de metela no forno quente a 180ºC polo decurso duns 45-50 minutos.
  7. Picar cunha agulla ou un palillo longo para ver se esta cocida.
  8. Sacámola do molde cando estea fría.

 

Notas:

  • Podemos empregar manteiga de porco, pois deste xeito facían no seu orixe.
  • Podemos tamén botarlle canela moída por riba logo de sacala do molde

 

 

Tempo: 3 horas

Comensais: 8 ou máis

A festa do Entroido posúe un acentuado carácter gastronómico: é momento de fartura e de abundancia na mesa, antítese do tempo de prohibición que se aveciña, a Coresma. Celébranse comidas familiares e veciñais, festas gastronómicas, peticións de alimentos polas casas, agasallos e invitacións mutuas. A gran comida ten lugar Martes de Entroido ou Lardeiro (de lardo = graxa do porco); nalgunhas zonas trasládase ó Domingo Lardeiro ou ó xoves anterior, chamado tamén Xoves Lardeiro.

(máis…)