Entries tagged with “azucre”.
Did you find what you wanted?
Mar 4 Ago 2020
Goxúa
Ingredientes:
Para o biscoito:
- 150 g. de manteiga de leite en pomada
- 250g. de azucre
- 4 ovos + as claras da crema pasteleira
- 250g de fariña triga
- 1 sobre de lévedo en po
Para a nata montada:
- 250 ml de nata de montar
- 1 cullerada colme de azucre moído
Para a crema pasteleira
- 4 xemas de ovo
- 4 culleradas colmes de azucre
- ½ l de leite gordo
- 1 casca de limón ó gusto
- 1 culleradiña de esencia de vainilla
- 50 g de maicena
Preparación:
- En primeiras farémo-lo biscoito e para iso acendémo-lo forno a 180ºC para que estea quente cando metámo-lo biscoito
- Batémo-la manteiga en pomada xunto co azucre empregando as variñas de batedor eléctrico
- Cando estea ben mesturado botámo-los ovos mailas claras e seguimos batendo ata que dobren o seu volume e a mestura estea esponxosa.
- Mesturamos a fariña co lévedo e botámola peneirada cun coador de arame sobre a amoado mentres o mesturamos cunha culler, unhas variñas de man ou unha espátula, con movementos envolventes, ata que a mestura estea homoxénea.
- Botámo-lo amoado nunha bandexa do forno cuberta con papel de enfornar ou engraxada e enfariñada.
- Metémolo molde ó forno durante por uns 10-15 minutos; comprobamos cun espeto de madeira ou cun garfo que está cocido.
- Sacámolo do forno e logo de que arrefríe desmoldámolo. E reservámolo.
- Entrementres esta no forno montámola nata ben fría, se cadra metémola uns 20-30 minutos no conxelador, coas variñas eléctricas e a medio montar engadímoslle o azucre moído. Reservámola.
- Para a crema pasteleira pomos a quentar case todo e leite reservando coma ¼ xunto coa esencia de vainilla e a casca de limón sen que chegue a ferver. Entrementres nunha cunca ampla mesturamos, coas variñas de man, as xemas de ovo co azucre; logo diso botámola maicena, mesturamos coas variñas e engadímo-lo leite reservado e mesturamos ben.
- Logo diso vertemos, ós poucos o leite quente, sen a casca mentres seguimos mesturándoo coas variñas.
- Botamos agora todo na cazarola de quentar o leite e pómolo á lume medio alto, remexendo deseguido, sen que ferva, ata que a crema espese. Sacámola do lume e reservámola.
- Agora imos montar esta sobremesa e para iso collemos unhas copas ou tarteiras pequenas e pomos no fondo unhas culleradas de nata por enriba o biscoito cortado en redondo cun aro, cubrímolo cunhas culleradas de crema pasteleira que empoamos con bastante azucre en gran e torramos cun soprete.
- Servímolo frío.
Nota:
- O Goxúa é unha sobremesa tipicamente vasca
- A crema se a mantemos moito tempo no lume vai espesar máis.
- Se temos biscoito feito podemos empregalo esmigallado.
Tempo: 80 minutos Comensais: 6 persoas
Etiquetas: azucre, biscoito, casca de limón, crema pasteleira, fariñatriga, leitegordo, levedo en po, maicena, manteiga, nata, nata montada, ovos, vainilla, xemas deovo
Lun 13 Xul 2020
Mediaslúas ou “croissants” 2
(Receita sinxela)
Ingredientes:
- 550 g de fariña triga
- 200 ml de leite
- 25 g de lévedo de panadería
- 1 ovo “L”
- 140 g azucre
- 1 cullerada de mel
- 1 culleradiña de sal (uns 5 g)
- 130 g manteiga de leite
- 1 cullerada de esencia de vainilla
- 1 ovo para pintar
Preparación:
- En primeiras imos a activar o levedo e para iso botámolo esmigallado nunha cunca xunto cunha cullerada colme de fariña, outra de azucre, mais 100 ml de leite morno e batémolo coas variñas ata que non teña grumos e deixámolo repousar uns 15 minutos.
- Pasado este tempo, pómo-lo resto da fariña, mailo sal mesturado, nunha cunca grande e logo de facer un oco no medio, botamos nel o ovo batido, o resto do azucre, o mel, o lévedo o resto do leite morno e mesturamos un pouco; logo diso engadímo-la manteiga derretida e morna, e mesturámolo.
- Logo botámo-la mestura no mesado enfariñado e amasámolo ben polo menos10 minutos.
- Deixámola levedar, nunha cunca untada de aceite e tapada cun pano de cociña, nun sitio tépedo por unhas 3 horas.
- Acendémo-lo forno a 180º C con calor arriba e abaixo e sen ventilador para que vaia quecendo.
- Para facer xa as mediaslúas, estirámo-la masa para poder facer un rectángulo duns 20-30 cm de ancho(isto depende do tamaños das mediaslúas) por 5 mm de groso e logo de recortar cun coitelo os bordos, para deixalo deses 20-30 cm, partímolo primeiro pola metade ó longo e destas metades facemos triángulos duns 6 a 10 cm de base, dependendo do tamaño.
- Enrolámo-los triángulos comezando pola parte ancha (estiramos primeiro un pouco as puntas da base) cara a ó vértice oposto e pómolos nunha bandexa do forno cuberto con papel de enfornar curvándoos un pouco para darlles forma de media lúa. Deixámolas repousar uns 30 minutos antes de metelos ó forno, tapadas cun pano de cociña limpo.
- Pintámolas con ovo batido e metémolas no segundo nivel do forno, quente, polo decurso duns 15 minutos ou ata que estean douradas.
- Logo de sacalas do forno podes empoalas con azucre moído ou darlles brillo con xelatina.
Notas:
- Se a masa ficase un pouco branda botariámoslle máis fariña e se fora ó revés botariámoslle leite ou auga.
- Estas mediaslúas non saen coma as compradas, é dicir non saen con follado, teñen a forma pero son coma as bolas de leite.
Tempo: 40 minutos Comensais: segundo as pezas que saian
Lun 13 Xul 2020
Mediaslúas ou “croissants”
Ingredientes:
- 500 g de fariña triga (½ forza + ½ normal)
- 225ml de leite
- 25 g de lévedo de pan fresco ou 9 seco
- 1 ovo “L”
- 80 g azucre
- 1 cullerada de mel
- 1 culleradiña de sal (uns 5 g)
- 240 g manteiga de leite
- 25 g de fariña para o empaste
- 1 ovo para pintar
Preparación:
- En primeiras, nunha cunca botámo-lo lévedo esmigallado xunto cunha cullerada colme de fariña, outra de azucre, mais 100 ml de leite morno e batémolo coas variñas ata deixalo sen grumos e deixámolo repousar uns 15 minutos.
- Pasado este tempo, pómo-lo resto da fariña, mailo sal mesturado, nunha cunca grande e logo de facer un oco no medio, botamos nel o ovo batido, o resto do azucre, o mel, o lévedo mailo resto do leite morno e mesturámolo
- Logo botámo-la mestura no mesado enfariñado e amasámolo ben polo menos10 minutos.
- Deixámola levedar, tapada cun pano de cociña, nun sitio tépedo por unha hora.
- Entrementres, mesturamos ben a manteiga cos 25 g de fariña para facer o empaste.
- Pasado o tempo estirámola masa ata deixala duns 5 mm de groso por uns 30 cm de ancho e o longo que saia.
- Pondo a parte estreita paralela a nós repartímolo empaste no terzo central dela e dobrámo-los laterais a terzos sobre o empaste, estirámola un pouquiño e dobramos un terzo cara nós e o outro terzo sobre o primeiro.
- Metémolo na neveira uns 60 minutos; logo diso, xirámo-la masa 90º de como a tiñamos antes de arrefriala e estirámola facendo un cadrado que dobramos despois a terzos de esquerda a dereita e o rectángulo formado dobrámolo en terzos cara nós. Metémolo de novo a neveira.
- Repetimos isto unha 4-5 veces máis.
- Acendémo-lo forno a 180º C para que vaia quecendo.
- Para facer xa as mediaslúas, estirámo-la masa para poder facer un rectángulo duns 20-30 cm de ancho (isto depende do tamaños das mediaslúas) por 5 mm de groso e logo de recortar cun coitelo os bordos, para deixalo deses 20-30 cm, partímolo primeiro pola metade ó longo e destas metades facemos triángulos duns 6 a 8 cm de base, dependendo do tamaño.
- Enrolámo-los triángulos comezando pola parte ancha (estiramos primeiro un pouco as puntas da base) cara a ó vértice oposto e pómolos nunha bandexa do forno cuberto con papel de enfornar curvándoos un pouco para darlles forma de media lúa.
- Pintámolas con ovo batido e metémolas no segundo nivel do forno, quente, polo decurso duns 15 minutos ou ata que estean douradas.
- Logo de sacalas do forno podes empoalas con azucre moído ou darlles brillo con xelatina ou marmelada.
Notas:
- Se a masa ficase un pouco branda botariámoslle máis fariña e se fora ó revés botariámoslle leite ou auga.
- Estas mediaslúas saen coma as compradas é dicir con follado
- Como o follado leva moito tempo convén telo feito de antes e conservado na neveira.
Tempo: 40 minutos Comensais: segundo as pezas que saian
Sen contar os tempos de espera do follado
Dom 5 Xul 2020
Torta ou flan de pan e queixo
Ingredientes:
- 300 g de pan reseso o miolo
- 4 ovos tamaño L
- 125 g de azucre
- ½ litro de leite gordo
- 250 g de queixo de untar
Para o caramelo:
- 100 g de azucre
- 50 ml de auga
- Unha chisco de zume de limón
Preparación:
- En primeiras quentámo-lo leite e metemos nel o pan en anacos e deixámolo repousar para que se molle ben.
- Entrementres facémo-lo caramelo nun cazo ou nunha tixola cos 100 g de azucre maila auga e, sen remexer, deixamos que doure ata que teña a cor que nos guste.
- Logo disto botámolo no molde escollido, redondo, alongado ou mesmo en molde de flan, repartímolo polas paredes e reservámolo.
- Antes do seguinte paso acendémolo forno, con fogo arriba e abaixo, a 200 ºC para que vaia quecendo
- Pasado o tempo e cando a pan estea frío botamos enriba del o azucre, os ovos mailo queixo e triturámolo, ben co as variñas eléctricas ou ben cun batedor de vaso.
- Botamos este amoado no molde e metémolo ó baño maría, dentro dunha bandexa con auga quente, no forno de xeito que fique centrado, por uns 45-50 minutos ata que estea dourado. Probamos cunha agulla de madeira, se o cravala sae limpa é que está a torta cocida.
Notas:
- Podes empregar outros queixos ou mesturas deles: un chisco de queixo azul vaille moi ben se vos gusta que se note o sabor a queixo.
Tempo: Uns 90 minutos Comensais: 8 ou mais
Dom 5 Xul 2020
Torta ou flan de pan e queixo
Ingredientes:
- 300 g de pan reseso
- 4 ovos tamaño L
- 125 g de azucre
- ½ litro de leite gordo
- 250 g de queixo de untar
Para o caramelo:
- 100 g de azucre
- 50 ml de auga
- Unha chisco de zume de limón
Preparación:
- En primeiras quentámo-lo leite e metemos nel o pan en anacos e deixámolo repousar para que se molle ben.
- Entrementres facémo-lo caramelo nun cazo ou nunha tixola cos 100 g de azucre maila auga e, sen remexer, deixamos que doure ata que teña a cor que nos guste.
- Logo disto botámolo no molde escollido, redondo, alongado ou mesmo en molde de flan, repartímolo polas paredes e reservámolo.
- Antes do seguinte paso acendémolo forno, con fogo arriba e abaixo, a 190 ºC para que vaia quecendo
- Pasado o tempo e cando a pan estea frío botamos enriba del o azucre, os ovos mailo queixo e triturámolo, ben co as variñas eléctricas ou ben cun batedor de vaso.
- Botamos este amoado no molde e metémolo ó baño maría, dentro dunha bandexa con auga quente, no forno de xeito que fique centrado, por uns 45 -50 minutos ata que estea dourado e metendo un espeto de pau este saia limpo.
Notas:
- Se o pan e de fogaza de codia grosa, o mellor e empregar só o miolo pero se o pan e de barra e de codia é delgadiña non precisamos sacala.
- Podes empregar outros queixos ou mesturas deles: un chisco de queixo azul vaille moi ben se vos gusta que se note o sabor a queixo.
- Se non che apetece o sabor a queixo sácao; podes engadirlle un pauciño de canela e unha casca de limón cando quénte-lo leite ou engadirlle unha culleradiña de esencia de vainilla
Tempo: Uns 90 minutos Comensais: 8 ou mais
Dom 5 Xul 2020
Torta de queixo ó forno
Ingredientes:
- 500 g de queixo de untar
- 250 g de nata de montar
- 200 g de azucre
- 4 ovos
- 1 cullerada colme de fariña
- 1 belisco de sal
Preparación:
- En primeiras acendémo-lo forno a 200 ºC con calor arriba e abaixo para que vaia quecendo.
- Nunha cunca fonda botámo-lo queixo mailo azucre xunto co belisco de sal e mesturámolo coas variñas eléctricas ou de man.
- Logo diso, engadímo-los ovos e mesturámolos tamén coas variñas
- Agora vertémo-la nata mentres seguimos batendo ata tela ben integrada.
- Agora toca engadir a fariña peneirada cun coador de arame e mesturala coas variñas.
- Preparamos un molde redondo, desmontable duns 20 cm de diámetro por uns 6 cm de alto e para iso mollamos papel de enfornar e logo de escoalo cubrimos con el o molde, sen furalo para que non escape o amoado.
- Botamos agora o amoado no molde e metémolo ó forno quente, de xeito que fique centrada en altura, polo decurso duns 40-45 minutos.
- Sacámola torta do forno, verás que treme coma se fora un flan pero é así, e deixámola arrefriar ben antes de desmoldala, primeiro volteámola sobre un prato e despois sobre a bandexa de presentación.
- Podes cubrila con marmelada de framboesa ou botar unha cullerada dela sobre a ración ó servila.
Nota:
- Podes servila fría da neveira ou morna, do tempo
- Se che gusta que saiba máis a queixo bátalle un chisco de queixo azul ou algo de queixo curado ou media curación de cabra ou ovella.
Tempo: 1 hora Comensais: 8 ou máis
Mar 9 Xuñ 2020
Biscoito esponxoso
Ingredientes:
- 5 ovos
- 250 g de azucre
- 250 g de fariña triga
- 50 ml de auga
- 25 ml de aceite de oliva ou xirasol
- 8 g de lévedo químico en po
- 1 chisco de sal
- 1 cullerada de esencia de vainilla
- 1 limón, o relado
- Manteiga para engraxar
Preparación:
- Acendémolo forno a 175ºC para que vaia quecendo
- Por outra banda engraxamos un molde desmontable de 22 cm e cubrímo-la base con papel antiadherente de enfornar.
- Afastámo-las claras das xemas e montámolas a piques de neve cun chisco de sal coa axuda das variñas do batedor eléctrico; cando estean a medio montar engadímoslle 125 g de azucre e seguimos montando ata que estean firmes. Reservámolas.
- Nunha cunca botamos as xemas de ovo xunto coa auga, o aceite, o resto do azucre maila esencia de vainilla e batémolas ben coas variñas do batedor eléctrico; logo diso mesturamos a fariña co lévedo, peneirámola cun coador de arame e incorporámola ós poucos ás xemas. Agora botamos ós poucos as claras, nunhas 3 veces, e mesturámolas devagar con movementos envolventes coa axuda dunha espátula para que non escape o aire atrapado nelas.
- Logo diso botamos o amoado no molde engraxado e metémolo, centrado en altura, no forno xa quente, polo decurso de 55 minutos. Comprobamos que estea cocido picándoo cun espeto de madeira; se sae limpo xa está cocido.
- Sacámolo do forno e desmoldámolo cando aínda estea algo morno.
Nota :
- Esta receita é para un molde de 22 cm. e 55 minutos de forno se fora distinto, o tempo de forno variaría. Máis diámetro menos tempo.
- As cantidades son por cada ovo, 50 g de fariña, 50 g de azucre e 15 ml de liquido. Os líquidos poden ser auga, zumes, leite, aceite, manteiga ou margarina fundidas, licores, etc. sos ou mesturados pero sempre 15 ml por ovo.
- Se o biscoito sae abombado é que o forno está moi quente e tés que baixalo. Cada forno é un mundo, tés que facer probas ata conseguir que coza en 55 minutos.
- Se o fixeches ben e queres que o biscoito quede chairo por arriba dálle a volta sobre o mesado antes de desmoldalo.
- Podes decoralo empoándoo con azucre moído.
Tempo: 30 minutos Comensais: 48
Etiquetas: aceite, auga, azucre, biscoito, fariña triga, levedo en po, manteiga, ovo, relado de limón, sal, vainilla
Dom 24 Mai 2020
Marmelada de cabaza e laranxa
Ingredientes:
- 1 kg de cabaza limpa
- 500 g de laranxa limpa
- 600 g de azucre
- 1 limón (o zume)
- A casca das laranxas
- 1 vaíña de vainilla
- 1 cravo de olor
Descrición:
- Sacámoslle a casca mailas pebidas á cabaza e cortámola en anacos pequenos.
- Lavamos y pelámo-las laranxas cun pelador para obter a pel o máis delgadiña posible, sen a parte branca, logo desbotamos a parte branca, abrímolas en cuarteiróns e picámo-las, sacándollas pebidas, se as tiveran.
- Cortámo-las cascas en tiras finiñas e cocémolas en 3 augas diferentes polo decurso de 5 minutos cada vez. Deste xeito sacámoslles o amargor que tiveran. Reservámolas para engadírmolas cando a marmelada estea feita.
- Botamos a polpa das laranxas nunha cazarola xunto coa vainilla mailo cravo de olor e por enriba delas o azucre, as cascas se prefires que lle dean amargor, mailo zume de limón e deixámolo, tapado co testo ou con filme transparente, repousando na neveira ou nun sitio fresco durante unhas Logo diso decataraste que na cazarola hai moito zume, soltárono a cabaza mailas laranxas pola acción do azucre.
- Pasado o tempo de repouso, pómolo a cocer polo decurso de aproximadamente de 1 hora, ata que estea no seu punto. Cara ó final teremos que deixalo a lume maino e remexer case de seguido para que non salpique nin se apegue. Non esquezas retira-lo cravo de olor
- A marmelada está no seu punto cando botando marmelada nun prato, esta non esbarre e o pasar a culler pola marmelada do prato facendo un suco, este non baixe, entón é cando a afastamos do fogo e a deixamos que arrefríe un chisco.
- Aínda quente, metémola en tarros de cristal e as súas tapas, ben esterilizados en auga fervendo e logo tapámolos coas tapas algo quentes para que cerren mellor.
Notas:
- Se as laranxas son de tenda hai que fregalas ben con auga quente e un estropallo, pois as veces réganas con cera para darlles lustre.
- Para conservar a marmelada podemos metela en tarros de cristal coa súa correspondente tapa e conxelalos ou metelos ó baño maría polo decurso de polo menos 40 minutos, se o facemos en cazarola con testo normal, ou 10 minutos en ola rápida, co marcador ó máximo, deixando logo arrefriar, en ámbolos dous casos, enriba do lume apagado.
- Se che gusta a marmelada algo amarga non cozas as peles aparte ou cóceas menos veces.
- Podes botar esencia líquida de vainilla
Tempo: 60 minutos sen contar o repousado e o esterilizado
Dom 24 Mai 2020
Torta larpeira
Ingredientes:
Para a masa:
· 400 g de fariña triga de forza
· 100 ml de leite gordo
· 30 g de lévedo de panadaría
· 60 g de azucre
· 2 ovos tamaño L
· 50 ml de anís
· 60 g de manteiga morna en dados
· 1 culleradiña das de té de sal
· 1 limón, o relado
Para a crema pasteleira:
· 1 ovo
· 125 ml de leite gordo |
· 35 g de azucre
· 10 g de maicena
· 1 pau de canela
· 1 casca de limón e outra de laranxa
· 1 culleradiña de vainilla ou 10 g de azucre vainillado
Para o xarope:
· 50 ml de auga
· 50 ml de anís
· 50 g de azucre
Para a decoración:
· 50 g de azucre
· 2 culleradas de auga |
Preparación:
- En primeiras desfacémo-lo lévedo no leite morno
- Logo facémo-la masa e para iso botamos na cunca do robot de cociña tódolos ingredientes agás a manteiga e amasámolo co trebello amasador por uns 5 minutos; logo diso engadímo-la manteiga, botándoa ós poucos para darlle tempo a que a absorba. Cando estea ben amasada pómo-la masa nunha bandexa das do forno, cuberta con papel de enfornar ou engraxada con manteiga, e estendémola de xeito circular coa man aceitada ata deixala duns 2-3 cm de groso.
- Tapámola cun pano e deixámola levedar por unhas 1,5-2 horas nun sitio tépedo.
- Entrementres leveda, facémo-la crema pasteleira e para iso mesturamos o ovo mailo azucre e batémolos ben. Por outra banda, afastamos nunha cunca un terzo do leite e nel desfacémo-la maicena; o resto do leite botámolo nun cazo coa canela, a vainilla mailas cascas de limón e laranxa e pómolo a quentar sen que ferva forte para que colla sabor pero non faga tona.
- Deixamos arrefriar un pouco o leite, sacámoslle as cascas mailo pau de canela e botámolo sobre a mestura de azucre e ovo, mentres remexemos para que non calle o ovo; logo diso botámoslle a maicena co leite e pómolo de novo ó lume remexéndoo de seguido para que non se apegue nin faga grumos. Cando comece a espesar apagámo-lo lume e seguimos batendo un rato pois adoita apegarse se non remexemos. Pasamos a crema a unha cunca e logo de tapala cun filme transparente metémola na neveira a arrefriar ata que teñamos que empregala.
- Acendémo-lo forno a 180ºC para que vaia quecendo
- Pasado o tempo de levedado, imos decorar a torta e para iso pintámo-la masa con ovo batido e cun coitelo ben afiado, facemos na masa uns cortes, duns 2 cm de fondo, ó longo e ó través formando cadrados. Enchemos estes cortes coa crema pasteleira coa axuda dunha manga pasteleira e logo de mesturar o azucre coa auga repartímola por enriba dos cadrados.
- Metémo-la torta a cocer polo decurso duns 25-35 minutos. Comprobamos cun espeto que estea cocida, se sae limpo é que o está.
- Entrementres coce, preparámo-lo xarope: mesturamos tódolos ingredientes nun cazo e pómolo ó lume durante uns minutos ata que espese un pouco.
- Logo de sacala e aínda morna mollámola co xarope preparado
- Servímola fría
Notas:
- Con robot vas tardar uns 8-10 minutos en face-la-la masa pero se o fas a man tés que votar tódolos ingredientes xuntos e tardarías uns 15 minutos.
- Os cataláns fan a “Coca de San Xoán” que é coma a esta pero decorada con piñóns e guindas
Tempo: 1 hora Comensais: 6-8 persoas
Sen contar o tempo de levedar
Etiquetas: anís, azucre, canela, fariña triga, leite gordo, lévedo de pan, limón, maicena, manteiga, ovos, sal
Sáb 25 Abr 2020
Marmelada de cabaza amarela e laranxa
Ingredientes:
- 1 kg de cabaza limpa
- 500 g de laranxa limpa
- 600 g de azucre
- 1 limón (o zume)
- A casca das laranxas
- 1 vaíña de vainilla
- 1 cravo de olor
Descrición:
- Sacámoslle a casca mailas pebidas a cabaza e cortámola en anacos pequenos.
- Lavamos y pelámo-las laranxas cun pelador para obter a pel o máis delgadiña posible, sen a parte branca, logo desbotamos a parte branca, abrímolas en cuarteiróns e picámo-las sacándollas pebidas, se as tiveran.
- Cortámo-las cascas en tiras finiñas e cocémolas en 3 augas diferentes polo decurso de 5 minutos cada vez. Deste xeito sacámoslles o amargor que tiveran. Reservámolas para engadírmolas cando a marmelada estea feita.
- Botamos a polpa das laranxas nunha cazarola xunto coa vainilla mailo cravo de olor e por enriba delas o azucre as cascas, se prefires que lle dean amargor, mailo zume de limón e deixámolo, tapado co testo ou con filme transparente, repousando na neveira ou nun sitio fresco durante unhas 8 horas. Logo diso decataraste que na cazarola hai moito zume, que o soltaron a cabaza mailas laranxas pola acción do azucre.
- Pasado o tempo de repouso, pómolo a cocer polo decurso de aproximadamente de 1 hora, ata que estea no seu punto. Cara ó final teremos que deixalo a lume maino e remexer case de seguido para que non salpique nin se apegue. Non esquezas retira-lo cravo de olor
- A marmelada está no seu punto cando botando marmelada nun prato, esta non esbarre e o pasar a culler pola marmelada do prato facendo un suco, este non baixe, entón é cando a afastamos do fogo e a deixamos que arrefríe un chisco.
- Aínda quente, metémola en tarros de cristal ben esterilizados xunto coas tapas en auga fervendo e logo tapámolos coas tapas algo quentes para que cerren mellor.
Notas:
- Se as laranxas son de tenda hai que fregalas ben con auga quente e un estropallo, pois as veces réganas con cera para darlles lustre.
- Para conservar a marmelada podemos metela en tarros de cristal coa súa correspondente tapa e conxelalos ou metelos ó baño maría polo decurso de polo menos 40 minutos, se o facemos en cazarola con testo normal, ou 10 minutos en ola rápida, co marcador ó máximo, deixando logo arrefriar, en ámbolos dous casos, enriba do lume apagado.
- Se che gusta a marmelada algo amarga non cozas as peles aparte ou cóceas menos veces.
Tempo: 60 minutos sen contar o repousado e o esterilizado