Entries tagged with “Arxentina”.


Amalia Sánchez Ariño. Naceu en 1883 en Galicia e chegou a Arxentina en 1936 como actriz da compañía de Margarita Xirgu. Nas décadas seguintes converteuse na avoa por antonomasia do cinema arxentino en filmes como Honrarás a tu madre, Los Árboles mueren de pié o Los problemas de papá. O seu fillo Vicente Ariño e o seu neto Emilio Ariño tamén foron actores de éxito. Na súa derradeira película, Tierra de Nuestros Mayores, interpretou a nai emigrante do filme de Manuel Arís.

Enrique Muíño (Laracha 1881 – Bos Aires 1956). Iníciase no teatro moi novo, chegando a converterse nun dos actores máis populares de Arxentina. Nos anos vinte realiza unha extensa xira por Galicia na que recibe numerosos recoñecementos. Nos anos trinta comeza a protagonizar películas e xa nos anos corenta funda a produtora Artistas Argentinos Asociados, destacando o seu papel en El cura gaucho e La guerra gaucha.

Armando Hermida Luaces (Ribadavia 1909 – Bos Aires 1997). Marchou a Arxentina en 1929, onde traballou como mozo de almacén até aforrar o suficiente para crear o seu propio negocio. A partir dos anos 50 aproveita as súas viaxes a Galicia para filmar pequenas películas documentais que á súa volta a Bos Aires amosa aos residentes galegos. Destacan Galicia al día ou Alma Gallega.

Elixio González (Entrimo 1899 – Bos Aires 1972). Chega a Arxentina 1929, fuxindo do alistamento para a Guerra de África. Comeza a traballar nunha casa de fotografía e uns anos despois funda Celta Films, unha pequena produtora coa que realiza reportaxes sobre a vida dos emigrantes galegos en Arxentina. A súa primeira obra destacable será Galicia en Buenos Aires, que se proxecta en Galicia en numerosos cines en 1934 e que foi utilizada na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de 1936. Era coñecido como o fotógrafo da colectividade e estivo presente en todos os actos organizados por galegos en Arxentina. O valiosísimo arquivo de Elixio González non foi valorado polas sociedades que debían conservalo e perdeuse na súa meirande parte.

Ricardo Castro Ríos (Vigo 1920 – Bos Aires, 2001). Chegou con seis anos á Arxentina. Mentres estudaba Dereito interesouse polo teatro afeccionado, debutando no cinema en 1944 en La cabalgata del circo, compartindo cartel coa tamén galega Libertad Lamarque. Adoitaba realizar papeis de galán, todos eles de protagonista, en máis trinta filmes até 1976.

Gumersindo Barreiros. Emigrou a Arxentina en 1914 e comezou a traballar na nacente industria cinematográfica en 1920, ben como axudante de escenografía ou de cámara, ou como técnico de iluminación. Máis adiante especializouse da dirección de fotografía e participou en ducias de filmes, obtendo varios premios e sendo responsable, por exemplo, da fotografía de Lo que le pasó a Reynoso (1954), a primeira película en cor do cinema arxentino.

Augusto Álvarez Bermúdez (Lavadores, Vigo 1893 – Bos Aires, 1967). Emigrou a Arxentina en 1908 recomendado por Casimiro Gómez, poderoso industrial galego en Bos Aires, e comezou a traballar de reporteiro en varios xornais da capital, para pasar moi pronto a facer crítica de cine nestes medios. Xa coa súa propia empresa crea Excelsior (despois chamada Film), a decana das revistas cinematográficas de Arxentina.

Nos anos seguintes crea unha produtora de cine, e tamén unha empresa distribuidora. Álvarez & cia chegará a ser unha das meirandes empresas de espectáculos do país. Merca, constrúe e reforma teatros e cines. Participou en política de forma moi activa co Partido Radical e chegou a ser presidente do Sindicato Cinematográfico Arxentino.

Fernando Luís Iglesias Sánchez, máis coñecido polo alcume de Tacholas, naceu en Ourense o 25 de agosto de 1909 e morreu en Bos Aires o 14 de maio de 1991. Foi actor e desenvolveu a súa vida artística na emigración arxentina, onde se converteu nunha gran figura do teatro e participou en numerosas películas.

En 1929 emigrou a Arxentina, onde residían seus pais e súas irmás. En Bos Aires traballou nun obradoiro de fotografía e noutros empregos, ao tempo que se integrou na actividade cultural das sociedades galegas, en especial da Unión Provincial Oresana, da cal seu pai era tesoureiro. En 1932, convidado por Manuel Núñez Búa, comeza a actuar na radio, comezando axiña a acadar sona entre a colectividade galega. Nesta época ten orixe o alcume de Tacholas. Durante a guerra civil participou en festivais dedicados a recadar fondos para axudar á causa republicana. En 1941 funda con Maruxa Boga a Compañía de Comedias Galegas Boga-Tacholas, principal dinamizadora do teatro galego en Bos Aires xunto coa Compañía de Maruxa Villanueva. Tacholas participou na estrea da obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse o 14 de agosto de 1941 no Teatro Mayo de Bos Aires, representando á Morte no primeiro lance e a Don Ramonciño no segundo. En 1945, tamén con Maruxa Boga e Alfredo Aróstegui, funda a audición radiofónica Recordando a Galicia, programa baseado nunha idea orixinal de Castelao. En 1953 inaugurou un novo programa radiofónico: La Voz de Galicia.

A finais dos anos cincuenta comeza a traballar no cine arxentino e intégrase en diversas compañías teatrais. No eido cinematográfico negouse de forma sistemática a interpretar papeis que ridiculizasen aos galegos.

Filla de emigrantes galegos, Anisia Miranda naceu en 1932 na cidade cubana de Ciego de Ávila. Logo dunha estancia en Arxentina, de 1961 a 1992 residiu en Cuba, onde se implicou en varias publicacións periódicas da illa dedicadas ao público infantil, como Zunzún, Pionero e Bijirita. É autora dunha importante obra en galego para nenos, con títulos como A casa dos títeres, Os contos do Compay Grilo, Pardela amiga e Cantarelas. Anisia faleceu en 2009 aos 76 anos de idade. Atrás quedaron máis de 50 anos como compañeira vital e de proxectos culturais de Xosé Neira Vilas, desde que en 1957 se coñeceron en Buenos Aires. Daquela puxeron en marcha o proxecto Follas Novas, a primeira distribuidora de libros galegos en Ámerica.

Na década dos 60, a escritora Anisia Miranda atinxiu a categoría de best-seller. Foi cunha biografía sobre a infancia de Ernesto Che Guevara publicada pola revista Zunzún, na Habana. “Fixéronse catro edicións de 250.000 exemplares, un millón en total”, facía memoria en febreiro de 2008, na Feira do Libro da capital cubana. Outra das súas ocupacións traduciuse en versións galegas de poemas de Walt Whitman ou José Martí. “Anisia interesouse por aquela cousa de Galicia logo de ler un artigo titulado El idioma prohibido“, rememoraba Neira Vilas hai meses, “e contactar cos exiliados Seoane e Lorenzo Varela”.

Algunhas das súas obras
Os contos do Compay Grilo (Ediciós do Castro). Foi premio nacional de literatura para nenos en 1973, editándose en Cuba ao redor de 250 mil exemplares. Foi traducido, entre outras linguas, ao ruso e ao eslovaco.

A primeira aventura (Ediciós do Castro). Cinco contos ilustrados polo cubano Ernesto Padrón. Premio Internacional da Infancia. Un vocabulario final, ilustrado, explica aos cativos o significado dalgunhas palabras de Cuba.

A cama, a bolboreta e o paxariño (Ediciós do Castro). Trece contos nos que os animais contan anécdotas da súa vida cotiá ou explican fenómenos naturais como o ciclo da auga ou a xerminación das sementes. Ilustrados polo cubano Alfredo Gutiérrez, residente en Ourense.

O libro está composto por dezaseis relatos costumistas que teñen que ver cos galegos emigrados na Arxentina. Conta cun prólogo de Luís Seoane. Fillo de labregos, Xosé Neira Vilas estudou comercio por correspondencia. En 1949 emigrou a Arxentina e entrou en contacto con galeguistas como Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela ou Ramón de Valenzuela e en 1953 fundou as Mocedades Galeguistas. En 1957 casou coa escritora Anisia Miranda en 1957 e xuntos crearon a editorial Follas Novas. En 1961 marcharon a Cuba. Despois de trinta e un anos na illa caribeña, xa xubilados, regresaron a Galicia en 1994 para viviren en Gres. Anisia faleceu o pasado ano.

Neira Vilas escribiu numerosas obras que teñen que ver coa emigración, como a propia Historias de emigrantes (1968), Cartas a Lelo (1971), Querido Tomás (1980), Tempo novo (1987), Contos de tres mundos (1995), Relatos mariñeiros (2003), Galegos no Golfo de México (1980), A prensa galega en Cuba (1985), Na outra banda do mar (1992), Memoria da emigración (1994), Eduardo Blanco-Amor, dende Buenos Aires (1994), Memoria da emigración II (1995), A lingua galega en Cuba (1995), Galegos que loitaron pola independencia de Cuba (1998), Crónicas galegas de América I. Rolda primeira (2000), Manuel Murguía e os galegos da Habana (2000), Crónicas galegas de América II. Rolda segunda (2001), Crónicas Galegas de América III. Rolda terceira (2002), Vinte anos retornando (2006) e Presenza galega en Cuba (2010).


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.