Entries tagged with “Anisia Miranda”.


Filla de emigrantes galegos, Anisia Miranda naceu en 1932 na cidade cubana de Ciego de Ávila. Logo dunha estancia en Arxentina, de 1961 a 1992 residiu en Cuba, onde se implicou en varias publicacións periódicas da illa dedicadas ao público infantil, como Zunzún, Pionero e Bijirita. É autora dunha importante obra en galego para nenos, con títulos como A casa dos títeres, Os contos do Compay Grilo, Pardela amiga e Cantarelas. Anisia faleceu en 2009 aos 76 anos de idade. Atrás quedaron máis de 50 anos como compañeira vital e de proxectos culturais de Xosé Neira Vilas, desde que en 1957 se coñeceron en Buenos Aires. Daquela puxeron en marcha o proxecto Follas Novas, a primeira distribuidora de libros galegos en Ámerica.

Na década dos 60, a escritora Anisia Miranda atinxiu a categoría de best-seller. Foi cunha biografía sobre a infancia de Ernesto Che Guevara publicada pola revista Zunzún, na Habana. “Fixéronse catro edicións de 250.000 exemplares, un millón en total”, facía memoria en febreiro de 2008, na Feira do Libro da capital cubana. Outra das súas ocupacións traduciuse en versións galegas de poemas de Walt Whitman ou José Martí. “Anisia interesouse por aquela cousa de Galicia logo de ler un artigo titulado El idioma prohibido“, rememoraba Neira Vilas hai meses, “e contactar cos exiliados Seoane e Lorenzo Varela”.

Algunhas das súas obras
Os contos do Compay Grilo (Ediciós do Castro). Foi premio nacional de literatura para nenos en 1973, editándose en Cuba ao redor de 250 mil exemplares. Foi traducido, entre outras linguas, ao ruso e ao eslovaco.

A primeira aventura (Ediciós do Castro). Cinco contos ilustrados polo cubano Ernesto Padrón. Premio Internacional da Infancia. Un vocabulario final, ilustrado, explica aos cativos o significado dalgunhas palabras de Cuba.

A cama, a bolboreta e o paxariño (Ediciós do Castro). Trece contos nos que os animais contan anécdotas da súa vida cotiá ou explican fenómenos naturais como o ciclo da auga ou a xerminación das sementes. Ilustrados polo cubano Alfredo Gutiérrez, residente en Ourense.

As bolboretas Yin e Bibí, que falan á mesma vez, pedíronlle a Compay Grilo:
-Cóntenos un conto de fadas, reis, princesas, castelos e todo eso…
-Ben, pois contarei un conto de todo eso. Aquí vai:
-O avó, do avó, do avó de meu avó, que non nacera en Cuba senón nun país lonxano, coñeceu a un rei que vivía nun castelo que esta na cima dun coto.

(máis…)

Xosé Neira Vilas, creador galego na emigración(Escritor)
Nado en Gres (Vilar de Cruces, Pontevedra), é un clásico da literatura galega do século XX. Emigrou con 21 anos para Bos Aires onde se formou en contacto coa intelectualidade galega alí exiliada.

(máis…)

Anisia Miranda, filla de galegos(Xornalista)

Filla de emigrantes galegos, nada en Ciego de Ávila (Cuba) en 1932. En Bos Aires, onde estudou xornalismo, coñeceu a Xosé Neira Vilas con quen casa e se tralada para a Cuba revolucionaria en 1961. Foi cofundadora da editorial Follas Novas en Bos Aires, ademais de varias revistas para nenos en Cuba. Activista pola difusión da cultura galega, xornalista e escritora, destaca especialmente a súa obra na literatura infantil.