Entries tagged with “améndoas”.


 

Torta de mazá e crema de améndoas

 

Ingredientes:

Para a base:

  • 340g de fariña triga
  • 170g de manteiga sen sal
  • 170g de azucre
  • 4 ovos, as claras
  • 1-2 culleradas de auga fría
  • 1 chisco de sal

Para o crema de améndoas:

  • 250g améndoas moídas
  • 200g de manteiga sen sal
  • 150 g de azucre
  • 60 g de fariña triga
  • 4 ovos, as xemas
  • 2 culleradas de nata de montar

Para o recheo de mazá:

  • 4 mazás
  • 20g de manteiga
  • 3 culleradas de azucre
  • 4 mazás máis

Preparación:

  1. En primeiras acendémolo forno a 200ºC para que vaia quecendo.
  2. Facémo-la base mesturando nunha cunca a fariña coa manteiga fría cortada en liscos pequenos, o azucre, mailas claras e o sal; mesturámolo todo esmagándoo entre as palmas das mans ata ter unha masa homoxénea pero non moi traballada engadíndolle a auga  entrementres a amasamos.
  3. Pisamos a masa ata deixala duns 2-3 cm de groso, deste xeito arrefría mellor, envolvémola en filme transparente e deixámola na neveira arrefriando coma uns 30-40 minutos.
  4. Entrementres arrefría, facémo-la crema de eméndoas e para iso mesturamos nunha cunca, coa axuda das variñas de man, tódolos ingredientes da mesma e reservámola.
  5. Entrementres tamén, facémo-lo recheo de mazá: pelámo-las mazás, sacámoslles as pebidas e nunha cazarola facemos unha compota xunto co azucre e a manteiga. Reservámola
  6. Pelámolas outras 4 sacámoslles as pebidas e cortámolas en medias lúas. Reservámolas.
  7. Montámola torta e para iso sacámola masa da neveira, partímola cun coitelo en dúas partes deixando unha delas un pouco máis grande que a outra e estriámolas co rolete ata deixalas delgadiñas, duns 2 mm de groso.
  8. Cubrimos coa parte máis grande o fondo mailas paredes dun molde redondo, desmontable, engraxado e enfariñado; recortamos o sobrante. Dentro do molde botamos a crema de améndoas ben repartida,; logo repartimos a compota ó redor facendo unha coroa e arrombámolas lúas de mazá cubrindo toda a torta de xeito radial. Tapamos todo coa outra masa que tiñamos estirada e recortamos o que sobra polo redor.
  9. Por último, metémola ó forno polo decurso duns 40 minutos ata que doure.
  10. Logo diso quitámola do forno e cando amorne sacámola do molde e empoámola con azucre moído.

Nota:

  • Se tés ocasión e dispós de nata caseira, obtida de ferver ó leite, podes empregala; é moito máis sabedeira que a nata industrial.

 

 

Tempo: 90 minutos                                                  Comensais: 6 ou máis

Torta de castañas e améndoas

 

Ingredientes:

Para a base:

  • 200 g de galletas maría torradas
  • 150 g de manteiga de leite
  • 50 g de fariña de améndoas
  • 1 grolo de brandy

Para o recheo:

  • 4 ovos grandes
  • 4 culleradas de azucre
  • 1 cullerada de azucre vainillado
  • 300 ml de nata líquida
  • 100 g de fariña de castañas
  • 6 ou máis biscoitos de soletilla
  • 1 copiña de brandy
  • 100 g de améndoas picadas e torradas
  • 100 g de castañas cocidas enteiras
  • 10 castañas asadas e cortadas en cuartos
  • Almibre lixeiro (100 ml de auga+50 g de azucre)

 

Preparación:

  1. En primeiras acendémo-lo forno a 180ºC para que vai quecendo
  2. No aparello picador do batedor eléctrico picamos, trituramos por separado as galletas maría, os 50 g de améndoas mailos 100 g de castañas cocidas para deixalas coma fariña.
  3. Nunha cunca mesturámo-las galletas trituradas coa fariña de améndoas maila manteiga abrandada e o grolo de brandy; mesturamos coas mans e cubrimos con esta mestura o forno dun molde redondo, que metemos ó forno durante uns 5 minutos.
  4. Noutra cunca pomos os ovos mailos azucres e batémolos coas variñas eléctricas ata que branquexen e escumen un pouco.
  5. Logo diso engadímoslle a nata, a fariña de castañas, as améndoas picadas os biscoitos de soletilla, máis unha copiña de brandy e mesturámolos ben ata ter un amoado espeso.
  6. Botamos este amoado no molde frío e repartimos por enriba os anacos de castañas tendo coidado que non afundan.
  7. Metémo-lo molde ó forno polo decurso duns 45 minutos ata que a torta estea dourada por arriba.
  8. Quitámola do forno, deixámola arrefriar e pintámola co almibre para que colla brillo.

 

Notas:

  • Se non atopas castañas peladas podes mercalas ó natural, sacarlles a casca de fóra e logo polas nunha tixola a fogo forte ata que poidas afastarlles a pel de dentro.
  • Para facer fariña de castañas coces as castañas peladas o vapor durante uns 30 minutos e logo de secas e frías podes trituralas co aparello do batedor eléctrico.

 

 

Tempo: 90 minutos                                                   Comensais: 6-8

Formigos (2)

Ingredientes:

  • 250 g de azucre
  • ½ vaso de auga
  • 4 rebandadas de pan de molde sen codia
  • ½ vaso de leite
  • 75 g de améndoas picadas
  • 25 g de piñóns
  • 50 g de pasas de corinto (pasas sen semente)
  • 4 xemas de ovo
  • 3 culleres de Viño do Porto
  • Canela

Descrición:

  1. Pomos a ferver o azucre coa auga sen moito lume para que non se queime e deixamos facer o xarope ata punto de bola, é dicir ó retirarmos a culler de pau da pota o xarope que pinga forma ó caer unha pequena bola.
  2. Remollámo-lo pan nun pouco de leite morno durante uns 2 minutos. Deixámolo escorrer.
  3. Engadímo-lo pan remollado ao xarope botando tamén os froitos secos mailas pasas remolladas e remexemos polo decurso de 2 minutos a fogo baixo.
  4. Afastámolo do lume e engadímo-las xemas batidas e mesturadas co viño do Porto.
  5. Pomos de novo ó lume baixo para espesar.
  6. Servímolo nun prato empoado con canela.

Tempo: 30 minutos

Comensais: 4

Nota:

Galletas de améndoas e noces

Ingredientes:

Para a base

  • 100 g. de fariña
  • 100 g. de noces moídas
  • 1 ovo
  • 100 g. de azucre
  • 20 g. de fermento do pan
  • 1 vaso de leite
  • Sal

Para pór enriba

  • 100 g de biscoitos de “soletilla” desfeitos
  • 100 g. de améndoas moídas
  • 1 xema de ovo
  • 50 g. de fariña de millo (maizena)
  • Azucre moído
  • Canela en po

Descrición:

  1. Facemos unha masa mai: desfacémolo fermento en algo de leite e botámoslle un pouco de fariña máis outro de azucre ata ter unha masa de consistencia normal. Deixamos levedar nun sitio morno.
  2. Mesturámo-la  fariña restante coa masa xa levedada, engadímoslle o ovo, o azucre restante, as noces moídas e amasamos, botándolle auga se cómpre, ata que a masa non se apegue as mans. Deixamos levedar ½ hora.
  3. Namentres, mesturámo-los biscoitos, as améndoas, a maizena maila xema e amasámolos, se cómpre bótaselle algo de leite ou auga para ter unha masa só un pouco espesa Collemos agora a masa levedada e estirámola cun rolo ata deixala de 1 cm. de groso aproximadamente e cun vaso imos cortando círculos (7 cm. de diámetro aprox.).
  4. Enriba de estes círculos pomos un montonciño de biscoitos e améndoas.
  5. Pómolas galletas nunha bandexa de forno engraxada e deixamos fermentar de novo. (½ hora)
  6. Metémolas galletas ó forno quente a 180ºC polo decurso de 20 minutos
  7. Ó sacalas do forno empoámolas con azucre moído mesturado coa canela.

Tempo: 1 hora

Comensais: 4 ou máis

Tellas

Ingredientes:

  • 350 g de améndoas moídas en gran
  • 3 ovos
  • 300 g de azucre
  • 75 g de fariña

Descrición:

  1. Nunha cunca fonda botámo-las améndoas, o azucre, a fariña, mailos ovos batidos e mesturámolos con espátula de madeira.
  2. Untamos unha bandexa do forno con aceite, ou pomos un papel de silicona, pra que non se apeguen as tellas.
  3. Botamos unhas culleradas de masa repartidas pola bandexa. (1 por tella)
  4. Esmagamos cun garfo os montóns para estendelos, coidando que non se toquen uns os outros.
  5. Metémola bandexa ó forno quente a 180ºC polo decurso de 7 minutos,
  6. Sacámolas quentes da bandexa, pómolas enriba dun rolo de cociña ou unha botella e dámoslles forma de tella obrigándoas coa man.

Nota:

  • Se non se comen logo, gardámolas nunha bolsa de plástico para que non abranden.
  • Namentres se fai unha bandexa no forno, podemos ir preparando outra e así a cousa vai máis de seguido.

Tempo: 10 minutos

Comensais: 4 ou máis

Capón de Vilalba en pepitoria

Ingredientes:

  • 1 capón en anacos
  • Fariña
  • 2 cebolas
  • 1 porro (a parte branca)
  • 2 cenorias
  • 2 dentes de allo
  • 20 améndoas crus
  • 1 culler de piñóns
  • 1 vaso grande de viño branco
  • Caldo de ave
  • Azafrán
  • Perexil
  • 3 xemas de ovo cocido
  • Aceite
  • Sal

Descrición:

1        Salgámo-los anacos de capón, envolvémolos en fariña e fritímolos nunha tixola en abundante aceite quente. Logo de fritilos pasámolos a unha pota con testo.

2        Sacamos parte do aceite da tixola e botamos nela a cebola, a cenoria, o porro, o perexil mailo allo picados e deixamos facer ata que estean brandos. Logo engadímolos á pota co capón.

3        Torramos un chisco as améndoa os piñóns mailo azafrán , pasámolos polo morteiro e engadímolos tamén á pota.

4        Botámo-lo viño branco e deixamos a cocer uns minutos, antes de engadírmo-lo caldo, xusto ata cubrir

5        Deixamos cocer todo a fogo baixo, co testo posta para que non evapore, polo decurso de 1 hora ou ata que o capón estea tenro.

6        Sacámo-las talladas, engadímo-las xemas, triturámo-la salsa e coámola cun chino ou un coador de arame.

7        Engadimos de novo as talladas e deixamos cocer un chisco, remexendo, ata que espese a salsa.

Tempo: 90 minutos

Comensais: 4

Receita: Amendoados de Allariz

Ingredentes

  • 500 g. de améndoas peladas e moídas
  • 500 g. de azucre
  • 8 claras de ovo
  • papel de forno ou obleas
  • canela en po

(máis…)

Receita: Torta Costrada

Ingredentes

  • 500 g. de améndoas peladas e moídas
  • 200 g. de améndoas peladas e abertas á metade
  • 600 g. de azucre
  • 10 claras de ovo
  • canela en po

(máis…)

Receita: Torta de Améndoas

Ingredentes

  • 250 g. de améndoas moídas
  • 200 g. de azucre branco
  • 6 ovos
  • 1 limón ( as raspaduras)
  • 1/2 copa de licor de laranxa
  • 1 culleradiña de fermento en po (Royal).
  • Azucre glas

(máis…)

Receita: Torta de Améndoas e Flan

Ingredentes

  • 6 ovos,
  • 250 g. de améndoas moídas,
  • 500 g. de azucre,
  • 750 g. de leite
  • 1 limón (a raspadura)
  • 21 galletas maría trituradas.

(máis…)