Bacallau ó forno con prebe de mexillóns
Ingredientes:
· 4 lombos de bacallau (800 g)
· 150 g de gulas
· 3-4 patacas
· Cebola (uns 300-400g)
· 2 dentes de allo
· 1 pementa de Caiena
· Perexil picado
· Aceite de oliva e sal |
Para o prebe
· 400 g de mexillóns
· 1 allo porro
· 2 dentes de allo
· Aceite de oliva e sal
|
Preparación:
- Desalgámo-lo bacallau e para iso pómolo a remollo en auga, dentro da neveira, polo decurso de 36 horas cambiándolle de auga cada 9 horas. Logo diso escamámolo sacámoslle as arganas e secámolo ben cun pano de cociña.
- Pelámo-las patacas e cortámolas en rebandas duns 5-8 mm de groso e confeitámolas xunto cun dente de allo nunha tixola con aceite dabondo para cubrilas, a uns 80 ºC ata que estean feitas. Isto pode levarche unha ½ hora.
- Entrementres, noutra tixola cun chisco de aceite amolecémo-la cebola cortada en xuliana a fogo maino e cun chisco de sal para que amoleza mellor.
- Para face-lo prebe de mexillóns primeiro amolecemos nunha tixola con aceite, a fogo maino o allo porro mailos dentes de allo picados miúdos.
- Entrementres amolece, limpamos e abrímo-los mexillóns nunha cazarola cun chisco de auga; logo diso sacámoslle a vianda e coámo-lo caldo de coceren.
- Cando o allo porro estea brando engadímo-las viandas dos mexillóns, o caldo máis 1 vaso de auga e deixámolos coceren xuntos uns 10-12 minutos; log diso triturámolos co batedor e pasámolo polo coador de arame. Se ficara espeso engadiriámoslle algo mais de auga.
- Pómo-las patacas confeitadas nunha bandexa de levar ó forno ou na mesma bandexa do forno, cubrímolas coa cebola, pomos enriba os lombos de bacallau regados cun chisco de aceite. Acendemos só a grella do forno a máxima potencia e metémolo, o máis cerca posible da grella, polo decurso duns 10-15 minutos deixando que doure un chisco por riba o bacallau.
- Entanto está o bacallau no forno salteámo-las gulas nunha tixola con aceite un dente de allo e unha pementa de Caiena.
- Servímolo en bandexas travesas, pondo nunha banda as patacas coa cebola, na outra o lombo de bacallau coas gulas por enriba e regado todo co prebe de mexillóns. Decorámolo cun chisco de perexil picado
Nota:
- Tamén o podes facer con bacallau fresco skrei
- Podes mercar o bacallau desalgado que o hai e moi bo.
- Eu acostumo fritir as patacas e polas na bandexa do forno coa cebola amolecida por enriba, deste xeito as patacas non absorben tanto aceite; ou pólas asadas, no forno con papel de aluminio, abertas pola metade e empoadas con sal en escamas; neste caso cómprenche 4 patacas non moi grandes;1 por comensal.
- Cando fagas a cama de patacas e cebola para asar o bacallau, tés que cubri-la cama coas talladas ou senón tapar as partes non cubertas con papel de aluminio para que non se torre.
Tempo: 60 minutos Comensais: 4
(sen contar o tempo de desalgado)
Ingredientes:
- 8 vieiras
- 125g de cebola tenra
- ½ parte branca de allo porro (uns 50g)
- 30g de manteiga
- 125 g de touciño entrefebrado de media cura
- 300 g de patacas cocidas con pel e peladas
- 250ml de nata
- 50ml de caldo de peixe ou de salsa americana
- 1 cullerada de sobremesa colme de mostaza
- 50ml de vinagre de balsámico
- 100ml de aceite de oliva virxe
- Sal
Para a decoración
- Un chisco de pemento moído
- Unhas folliñas de perexil
Preparación:
- Abrímo-las vieira aproveitamos para recoller o liquido interior e desbotamos as partes negra e dicir as tripas. Lavámo-lo resto en auga e reservamos por unha banda a vianda branca, por outra os corais e por outra as peles do manto. Reservamos tamén as cunchas fondas para encher e presentar.
- Cocémo-las peles do manto reservadas nuns 100 ml de auga, incluída a auga das vieiras, por uns 10 minutos. Logo diso coámolo e reservamos uns 50 ml. Se mercaramos as vieiras xa limpas entón botariamos man do caldo de peixe ou da salsa americana. Reservamos.
- Facémolo fondo e para siso, picamos miudiños os allos porros maila cebola, e amolecémolos nunha tixola coa manteiga a fogo baixiño para non queimalos por uns 10 minutos. Logo diso engadímoslle o touciño cortada en dados pequenos e refogámola para que colla algo de cor. Engadimos agora as patacas cortadas tamén en dados pequenos xunto coa nata e deixamos cocer de vagar sen remexer moito para non desfacer as patacas e que espese un pouco, ten que ficar caldoso pero algo espeso. Reservámolo.
- Agora imos facer a vinagreta e para iso salteamos, por uns segundos, nunha tixola cunha pingada de aceite os corais; sacámolos e deixamos que arrefríen. Botamos no vaso do batedor eléctrico os corais, o caldo de peixe, o vinagre maila mostaza e triturámolo á máxima potencia engadindo o aceite nun fío delgadiño para emulsionar; pómolo no seu punto de sal e reservámolo.
- Cortamos cada noz de vieira en dúas ou tres rodas e facémolas por uns segundos a prancha cunha pingada de aceite.
- Presentámo-lo prato pondo dúas cunchas recheas con 1-2 culleradas de do fondo reservado, enriba del as viandas de vieira e regado todo coa vinagreta. Empoamos cun chisco de pemento moído e decoramos cunhas folliñas de perexil.
Notas:
- En troques de vieiras podemos empregar zamburiñas, algo máis pequenas, e polo tanto poríamos 4 pezas por persoa.
- Tamén as podemos presentar en volováns de follado ou sobre tosta de follado feita no forno entre dúas bandexas.
Tempo: 30 minutos Comensais: 4 persoas
Posted by Crisanto under Carnes, Cociña galega
Comentarios desactivados en Albóndegas con ovos agochados
Albóndegas con ovos agochados
Ingredientes:
Para as albóndegas
- 8 ovos
- 400 g de carne picada de porco
- 1 cebola nova (100g)
- 1 allo porro, a parte branca
- 1 dente de allo
- 1 cullerada de perexil picado
- 1 ovo
- Pementa branca
- Fariña, ovo e pan relado para rebozar
- Aceite de oliva e sal
|
Para o prebe:
- 1 cebola grande (300g)
- 1 pemento verde italiano (100g)
- ½ pemento vermello (150g)
- 1 allo porro, a parte verde
- 1 cenoria
- 2 culleradas de tomate fritido
- Caldo de carne
|
Elaboración:
- Pomos a cocer os ovos en auga con sal polo decurso duns 8 minutos; logo diso arrefriámolos, sacámoslles a casca e reservámolos.
- Namentres, picamos miudiños a cebola nova mailo allo porro e amolecémolos nunha tixola cun fondo de aceite e un chisco de sal.
- Logo diso mesturámolos coa carne picada mailo allo sen o xermolo para que non repita mailo perexil moi picadiños, o ovo batido, o sal necesario, pementa ó gusto e amasamos coas mans ben limpas.
- Afastamos uns 50 g desta mestura e co resto facemos 16 partes iguais.
- Cortámo-los ovos pola metade ó longo, sacámoslle a xema, mesturámola cos 50 g de carne afastada e reenchemos os ocos dos ovos.
- Esmagamos os 16 anacos de carne picada que temos reservados, facemos obleas redondas coas que envolvemos os ovos reenchidos e facemos 16 albóndegas
- Rebozámolas en fariña, e ovo e fritímolas en aceite ben quente; logo diso botarémoslles o prebe que faremos despois e deixarémolas cocer nel durante uns 5 minutos.
- Para facer o prebe, amolecemos, nuns 50 ml do mesmo aceite de fritirmos as albóndegas, a cebola, os pementos verde e vermello, a cenoria e a parte verde do allo porro, todos eles picados; cando estean moles, engadímo-lo tomate mailo caldo e deixamos cocer durante uns 15 minutos; logo diso triturámolo e botámolo nas albóndegas cos ovos agochados. Deixamos que cozan xuntos uns 2 minutos.
Nota:
- Se o prebe ficara pouco espeso podemos espesalo desfacendo maicena en aceite e engadirlla ó prebe. Tamén podemos botar, sempre coada, fariña desfeita en auga fría.
- O mellor é comelas logo de darlles unhas horas ou ata 1 día de repouso.
- Tamén podemos trocar o prebe por unha fritada de cebola e pemento verde italiano cortado en tiras e pemento vermello asado, tamén en tiras e algo de tomate fritido
- Tempo: 50 minutos Comensais: 4 persoas
Posted by Crisanto under Cociña galega, Peixes e outros produtos do mar
Comentarios desactivados en Pastel de bonito
Pastel de bonito
Ingredientes:
• 300g. de bonito do norte (Thunnus alalunga)
• 4 pementos do piquillo
• 5 culleradas de tomate fritido
• 4 ovos
• 100ml. de nata líquida
• ½ parte branca dun allo porro
• ½ cebola nova
• Manteiga e pan relado
• Pementa branca
• Aceite de oliva e sal
Para a maionesa
• 1 ovo
• 200 ml de aceite de mirasol
• ½ Limón (o zume)
• sal
Para o prebe rosa
• Maionesa
• 2 culleradasde zume de laranxa
• 1 cullerada de ketchup
• 1 cullerada de brandy
Preparación:
1. Cocémo-lo bonito en auga con sal polo decurso de ½ hora. Sacámolo, arrefriámolo e logo de limpalo, esmigallámolo. Tamén podemos facelo con conserva de bonito en aceite.
2. Picámo-la cebola mailo allo porro e amolecémolos, a fogo maino, ata dourar, sen torralo, nunha tixola con aceite. Logo disto engadímo-los pementos, triturámolos, arrefriámolos e reservámolos.
3. Batémo-los ovos e mesturamos nunha cunca fonda coa nata, o bonito, o tomate fritido, un chisco de pementa branca e o triturado de cebola e pementos.
4. Untamos un molde rectangular con manteiga e empoámolo con pan relado.
5. Vertemos todo dentro do molde e metémolo ó forno xa quentado a 180ºC ó baño maría polo decurso de 90 minuto,s a media altura. Probamos se está feito, picando cunha agulla, se sae limpa xa o está. Deixámolo arrefriar ben antes de sacalo do molde.
6. Facémo-la maionesa botando no vaso do batedoiro eléctrico, o ovo mailo zume de limón, uns 100 ml de aceite e un chisco de sal; batémolo coas coitelas, sen mover o batedoiro do fondo e cando comece a ligar xa podemos move-lo batedoiro darriba abaixo e mentres seguimos batendo imos engadindo aceite ós poucos e de seguido ata o espesor axeitado. Rectificamos de sal se o precisa..
7. Facémo-lo prebe rosa tomando a metade da maionesa feita e engadíndolle o zume de laranxa, o brandy mailo ketchup.
8. Cortámolo en rebandadas e servímolo frío acompañado cos dous prebes.
9. Tamén o podemos servir quente acompañado cunha salsa coma esta:
• Nunha tixola con aceite Amolecemos 1 cebola, un dente de allo e 200 g de pementos verdes, engadíndolle logo cando estean brandos 5 pementos de piquillo. Botámoslle logo un vaso de caldo de peixe e cociñamos ata que espese un chisco. Triturámolo todo e coámolo co chino. Pomos no seu punto de sal.
Tempo: 1 ½ hora
Comensais: 4 ou máis
Etiquetas: aceite de oliva, allo porro, bonito, cebola, maionesa, manteiga, nata, ovos, pan relado, pementa branca, pementos, prebe rosa, tomate fritido