Entries tagged with “aceite”.
Did you find what you wanted?
Mar 9 Xuñ 2020
Biscoito esponxoso
Ingredientes:
- 5 ovos
- 250 g de azucre
- 250 g de fariña triga
- 50 ml de auga
- 25 ml de aceite de oliva ou xirasol
- 8 g de lévedo químico en po
- 1 chisco de sal
- 1 cullerada de esencia de vainilla
- 1 limón, o relado
- Manteiga para engraxar
Preparación:
- Acendémolo forno a 175ºC para que vaia quecendo
- Por outra banda engraxamos un molde desmontable de 22 cm e cubrímo-la base con papel antiadherente de enfornar.
- Afastámo-las claras das xemas e montámolas a piques de neve cun chisco de sal coa axuda das variñas do batedor eléctrico; cando estean a medio montar engadímoslle 125 g de azucre e seguimos montando ata que estean firmes. Reservámolas.
- Nunha cunca botamos as xemas de ovo xunto coa auga, o aceite, o resto do azucre maila esencia de vainilla e batémolas ben coas variñas do batedor eléctrico; logo diso mesturamos a fariña co lévedo, peneirámola cun coador de arame e incorporámola ós poucos ás xemas. Agora botamos ós poucos as claras, nunhas 3 veces, e mesturámolas devagar con movementos envolventes coa axuda dunha espátula para que non escape o aire atrapado nelas.
- Logo diso botamos o amoado no molde engraxado e metémolo, centrado en altura, no forno xa quente, polo decurso de 55 minutos. Comprobamos que estea cocido picándoo cun espeto de madeira; se sae limpo xa está cocido.
- Sacámolo do forno e desmoldámolo cando aínda estea algo morno.
Nota :
- Esta receita é para un molde de 22 cm. e 55 minutos de forno se fora distinto, o tempo de forno variaría. Máis diámetro menos tempo.
- As cantidades son por cada ovo, 50 g de fariña, 50 g de azucre e 15 ml de liquido. Os líquidos poden ser auga, zumes, leite, aceite, manteiga ou margarina fundidas, licores, etc. sos ou mesturados pero sempre 15 ml por ovo.
- Se o biscoito sae abombado é que o forno está moi quente e tés que baixalo. Cada forno é un mundo, tés que facer probas ata conseguir que coza en 55 minutos.
- Se o fixeches ben e queres que o biscoito quede chairo por arriba dálle a volta sobre o mesado antes de desmoldalo.
- Podes decoralo empoándoo con azucre moído.
Tempo: 30 minutos Comensais: 48
Etiquetas: aceite, auga, azucre, biscoito, fariña triga, levedo en po, manteiga, ovo, relado de limón, sal, vainilla
Mér 27 Dec 2017
Peixe sapo con berberechos
Ingredientes:
- 1 Kg de peixe sapo (a cola coa espiña)
- 400 g de berberechos
- 4 dentes de allo
- 100 g de cebola nova
- 100 g de pemento piquillo asado
- 50 ml de viño branco
- 200 ml de caldo de peixe
- 1 pementa de Caiena
- 2 culleradas de perexil picado
- Pementa negra moída
- Aceite
- Sal
Preparación
- Pómo-los berberechos en auga con sal durante unha hora para que solten ben a area.
- Logo diso lavámolos e escoámolos. Pomos unha tixola con aceite ó lume e salteamos nela os berberechos que imos afastando segundo vaia abrindo. Reservámo-los berberechos mailo caldo que soltaron.
- Cortámo-la cola do peixe sapo en rodas e salgámolas, botámoslle pementa moída e enfariñámolas. Facémolas nunha tixola cun chisco de aceite case á prancha para que douren por fora pero queden crúas por dentro. Reservámolas nunha pota ampla e baixa
- Logo, na mesma tixola e botando algo máis de aceite amolecémo-la cebola xunto cos dentes de allo moi picadiños durante uns 5 minutos a fogo maino sen que se queime, cando estea a medio amolecer, engadímoslle o viño branco, o caldo dos berberechos, o caldo de peixe, a pementa de Caiena en anacos miúdos e unha cullerada de perexil picado. Deixamos que se faga e concentre durante uns 10 minutos.
- Botamos sobre o peixe sapo reservado, este prebe, os berberechos, os pementos de piquillo cortados en aros; dámoslle un fervedela duns minutos para que se faga o peixe e servímolo quente empoado con perexil picado e fresco
Comensais: 4 Tempo: 20 minutos
Etiquetas: aceite, allo, berberechos, caldo de peixe, cebola, Peixe sapo, pementa de Caiena, pementa moida, pemento de piquillo, perexil, sal, viño branco
Mér 27 Dec 2017
Peixe sapo con salsa de ourizos
Ingredientes:
- 1 Kg de peixe sapo (a cola coa espiña)
- 5 ourizos de mar
- 1 cebola mediana
- 50 ml de viño branco
- 200 ml de caldo de peixe
- 100 ml de nata
- Aceite
- Sal
Preparación
- Cortámo-la cola do peixe sapo en rodas e salgámolas e enfariñámolas.
- Facémolas nunha tixola cun chisco de aceite á prancha para que douren por fora pero queden crúas por dentro. Reservámolas nunha pota ampla e baixa
- Logo, na mesma tixola e botando algo máis de aceite amolecémo-la cebola picada durante uns 5 minutos a fogo maino sen que se queime, para evitalo engadímoslle o viño branco cando estea a medio amolecer
- Entrementres abrímolos ourizos , sacámoslle a carne e reservamos tamén o celme interior.
- Cando a cebola estea brandiña engadímoslle a carne dos ourizos mailo zume e refogámolos; logo engadímoslle o caldo e deixamos cocer un uns 10 minutos máis. Logo diso triturámolo co batedor, engadímoslle a nata e deixamos que se fagan xuntos a fogo maino durante uns minutos.
- Metemos agora o peixe sapo reservado, dámoslle un fervedela duns 3 minutos e servímolo quente.
Comensais: 4 Tempo: 20 minutos
Sáb 31 Dec 2011
Posted by Crisanto under Caldos, cocidos e verduras, Cociña galega, Peixes e outros produtos do mar
Comentarios desactivados en Fabas brancas con luras
Fabas brancas con luras
Ingredientes:
- 300g de fabas brancas
- 12 luras pequenas
- 2 cebolas
- 1 porro
- 1 dente de allo
- 3 culleres de prebe de tomate
- 1 culler de pemento
- Aceite
- Sal
Descrición:
- Limpa-las fabas e deixalas a remollo en auga fría de véspera.
- Botalas nunha pota con ½ cebola, o porro, o allo mailo sal e 1 ½ de auga fría.
- Pola a cocer polo decurso de 2 horas a fogo medio, “asustándoas” de cando en vez; é dicir botarlles un pouco de auga fría para que paren de ferver.
- Namentres se fan as fabas preparamos as luras.
- Limpámo-las luras sacándolles a pel, as tripas a pluma que teñen, dámoslles a volta e metémoslle dentro os tentáculos da cabeza.
- Nunha tixola con 6 culleres de aceite amolecemos a cebola restante picada en anacos pequenos cun chisco de sal e tapada cun testo para que non seque e non se torre a cebola.
- Cando estea branda engadimos as luras, as culleres de tomate e o pemento e deixamos facer ata que as luras espeten ben; é dicir estean feitas. Sempre tapadas co testo.
- Cando as fabas estean xa cocidas sacamos a cebola mailo porro e engadímoslles as luras coa súa cebola
- Remexemos un chisco de vagar e deixamos repousar uns 20 minutos antes de servilo nos pratos.
Tempo: 90 minutos
Comensais: 4 persoas
Sáb 31 Dec 2011
Posted by Crisanto under Caldos, cocidos e verduras, Cociña galega, Peixes e outros produtos do mar
Comentarios desactivados en Patacas con ameixas
Patacas con ameixas
Ingredientes:
- 700g de patacas
- 350g de ameixas
- 1 cebola
- 1 tomate maduro
- 1 pemento vermello seco
- 1 porro (só o branco)
- 2 dentes de allo
- 4 pólas de perexil
- 1/2 vaso de viño branco
- 1 folla de loureiro
- Aceite
- Sal
- Fariña e ovo para rebozar
Descrición:
- Amolecémo-lo pemento seco limpo e sen pebidas en auga quente durante 1 hora. Logo disto raspámoslle a carne e reservámola
- Picámo-la cebola, o porro mailo allo miúdos e pómolos nunha tixola con aceite para que amolezan a fogo baixo. Logo imos engadindo a carne do pemento e o tomate pelado e sen semente. Deixamos que se faga todo ben.
- Namentres, pelámo-las patacas e facemos lasca delgadas como de 5 milímetros.
- Rebozamos as lascas de pataca en fariña e ovo e fritímolas en abondoso aceite.
- Abrimos as ameixas nunha pota a fogo forte cun chisco de viño branco e a folla de loureiro. Reservamos as ameixas maila auga que soltaron, coada.
- Pómo-las patacas fritidas estendidas nunha pota ampla, botámoslle a fritada de verdura, a auga das ameixas, se cómpre engadimos auga quente ata cubrilas, e pómolas a coceren polo decurso de 15 minutos.
- Cando queden 5 minutos de coceren as patacas engadímo-las ameixas, repartíndoas pola pota, e esparexemos o perexil picado por riba.
- Deixamos repousar 5 minutos e servímolas quentes
Tempo: 40 minutos
Comensais: 4 persoas
Etiquetas: aceite, allo, ameixas, cebola, fariña, loureiro, ovo, pataca, pemento vermello seco, perexil, porro, sal, tomate maduro, viño branco
Mér 14 Dec 2011
Posted by Crisanto under Cociña galega, Tapas
Comentarios desactivados en Bocadiño de xamón e verduras
Bocadiño de xamón e verduras
Ingredientes:
- 4 rodas de berenxena
- 4 rodas de cabaciño
- 4 rodas de tomate
- 2 lascas de queixo
- 4 panciños pequenos
- 4 lascas de xamón
- Aceite de oliva
- Sal
Descrición:
- Salgámo-las rodas de berenxena, cabaciño e o tomate, sen pebidas, e facémolas á prancha, ben nunha tixola ou ben nunha prancha de cociñar cun chisco de aceite. Primeiro facemos polas dúas caras a berenxena mailo cabaciño e deixamos o tomate para ó final.
- Cortámo-lo pan ó longo pola metade e torrámolo un chisco, non moito só para que trisque un pouco ó mordelo, pomos primeiro as verduras quentes, por riba media lasca de queixo e por riba de todo unha lasca de xamón.
- Tapamos coa outra metade de pan deixando que se vexa por fora o que vai dentro do pan.
Nota:
- Podémolo presentar tamén sobre medio pan torrado espetado cun pauciño
Tempo: 15 minutos
Tapas: 4
Mér 14 Dec 2011
Posted by Crisanto under Cociña galega, Tapas
Comentarios desactivados en Zamburiñas á prancha
Zamburiñas á prancha
Ingredientes:
- 4 zamburiñas
- 100 g. de cabaza dourada
- 1 pataca
- 2 porros (só a parte branca)
- ½ cebola
- 50 ml de nata
- 1 lasca de xamón
- Aceite
- Sal
Descrición:
- Limpámo-lo branco dun porro, cortámolo ó través e picámolo en xuliana, é dicir en tiras delgadiñas, que fritimos nunha tixola con aceite. Ata que fiquen lixeiramente douradas.
- Para deshidratar o xamón metémo-la lasca no forno entre dúas placas de forno, ou entre dous pratos chairos e deixámolo uns minutos ata que estea deshidratado e poidámolo esnaquizar coas mans.
- Coa cabaza, a pataca, o outro porro maila cebola facemos unha crema que coamos por un coador para que quede ben fina engadimos a nata e mesturamos
- Pomos unha culler de crema nas cunchas das zamburiñas e enriba delas a carne da zamburiña feita a prancha.
- Adornámolo todo co porro fritido e co xamón deshidratado e esnaquizado.
Nota:
- Podemos empregar para esta tapa vieiras no lugar das zamburiñas. As zamburiñas saen mellor de prezo.
Tempo: 30 minutos
Tapas: 4
Lun 5 Dec 2011
Posted by Crisanto under Cociña galega, Tapas
1 Comment
Tortilla emparedada
Ingredientes:
- 6 ovos
- 4 follas de leituga
- 1 tomate maduro
- 3 lascas de friame de xamón cocido
- 150 g de bonito en aceite (peso enxoito)
- Maionesa
- Queixo en lascas
- Aceite
- Sal
Descrición:
- Facemos 2 tortillas redondas de 3 ovos cada unha. Reservámolas
- Escorrémo-lo bonito, esmigallámolo e mesturámolo coa maionesa ata formar unha masa.
- Montámo-la tortilla: Pomos unha das tortillas que fixeramos nun prato, untámola ben con maionesa. Logo imos pondo a capas: 2 follas de leituga, o xamón cocido; o esmigallado de bonito, o tomate cortado en lascas, o queixo en lascas e rematamos cunha capa de 2 follas de leituga antes de tapar coa outra tortilla.
- Servímola fría
Notas:
- Esta tortilla é coma un emparedado pero trocamos os pans de molde por tortillas de ovo.
- Os ingredientes podédelos cambiar e combinalos ó gusto de cada un.
Tempo: 15 minutos
Tapas: 4
Lun 5 Dec 2011
Posted by Crisanto under Cociña galega, Peixes e outros produtos do mar
Comentarios desactivados en Ventrisca de bonito con salsa de pementos
Ventrisca de bonito con salsa de pementos
Ingredientes:
- 1 ventrisca de bonito (600 g)
- 2 cebola
- 4 pementos verdes (100g)
- 1 dente de allo
- 1 vaso de caldo de peixe
- Aceite
- Sal
Descrición:
- Picámo-la cebola mailo allo e amolecémolos nunha tixola con aceite a fogo baixo.
- Cando estea un pouco brando engadimos os pementos limpos e picados.
- Deixamos facer uns minutos ata que doure un chisco e logo de engadir o vaso de caldo de peixe, deixámolo cocer todo xunto polo decurso de uns 15 minutos.
- Logo disto triturámolo, pómolo a punto de sal, coámolo cun coador ou un chino e reservámolo.
- Salgamos a ventrisca e facémola a prancha nunha tixola cun chisco de aceite a fogo forte durante uns 3 minutos.
- Pasado ese tempo, afastámola do lume e sacámoslle a pel ou tea verde que ten pola parte de dentro. Tamén con moito coidado e cunha espátula ou coitelo afastamos a carne da pel do peixe sen esnaquizala.
- Nunha pota ampla para que caiba a ventrisca pomos a metade do prebe, enriba a ventrisca e cubrímolo co resto de prebe de pementos e deixamos que se fagan xuntos polo decurso de uns 4 minutos sen remexelo só movendo a cazola.
Nota:
En troques dos pementos verdes podemos empregar pementos do piquillo vermellos ou pementos de asar. O sabor do prebe cambia segundo os pementos que empreguemos.
Tempo: 30 minutos
Comensais: 4 persoas
Lun 14 Nov 2011
Posted by Crisanto under Cociña galega, Tapas
Comentarios desactivados en Ovos recheos de gambas
Ovos recheos de gambas
Ingredientes:
- 2 ovos cocidos
- 4 rebandadas de pan
- Bechamel
- 12 gambas
- ¼ de ceboleta
- ¼ dente de allo
- Ovo batido + fariña + pan relado
- Aceite
- Sal
Descrición:
- Facemos a bechamel que nos faga falla coas seguintes proporcións: 125 g de manteiga de leite, 125 g de fariña e 1 litro de leite
- Pelámo-los ovos, e partímolos ó longo facendo dúas metades.
- Picámo-la cebola mailo allo moi finos e amolecémolos nunha tixola con 2 cullerada de aceite, logo engadímo-las gambas peladas, as xemas dos ovos e un pouco de bechamel para ligalo todo e obtermos unha masa un pouco forte coa que encher os ovos.
- Coa masa que fixemos, arrefriada, enchémo-los ovos e rebozámolos en fariña, ovo batido e pan relado.
- Fritimos los ovos en abundante aceite quente.
- Sérvense quentes sobre unha rebandada de pan.
Tempo: 25 minutos
Tapas: 4