Dom 24 Mai 2020
Bacallau con brandada e pementos asado
Posted by Crisanto under Cociña galega, Peixes e outros produtos do mar, Sen categorizar
No Comments
Bacallau con brandada e pementos asados
Ingredientes:
- 400 g de bacallau salgado (lombo)
- 1 pemento vermello de asar (300g)
Para a brandada:
- 200 g de bacallau salgado (lombo)
- 2 dentes de allo
- Leite gordo
- Nata de montar
- Aceite de oliva
- Perexil picado
- Unhas poliñas de perexil
- Sal
Preparación:
- En primeiras pomos de mollo o bacallau polo decurso de 36 horas dentro da neveira. Durante ese tempo faremos 4 cambios de auga; as dúas primeiras cada 8 horas e as outra cada 10. Pasado o tempo escoámo-lo bacallau, secámolo ben con panos de cociña, sacámoslle as arganas e escamámolo.
- Acendémo-lo forno a 200ºC e asamos nel, por uns 20 minutos, (10 por cada lado) o pemento vermello, untado cun chisco de aceite e sal. logo diso quitámolo do forno e tapámolo cun pano de cociña, ou papel de aluminio, para que súe; logo duns 20 minutos, pelámolo, cortámolo en tiras e facémolo un pouco nunha tixola con aceite, allo, sal e a mesma cantidade de azucre. Reservámolo
- Facémo-la brandada e para iso cocémo-lo bacallau a fogo maino cuberto con leite durante uns 8 minutos; logo diso sacámoslle a pel mailas arganas, se ficara algunha, e esmiuzámolo.
- Nunha cazarola pomos a quentar unhas 3 culleradas de aceite, engadímoslle o allo picado e cando comece a dourar engadímo-lo bacallau esmiuzado e ímolo remexendo e desfacéndoo máis cun garfo ó mesmo tempo que lle engadimos, ós poucos, nata e aceite a partes iguais ata deixar unha mestura cremosa coma un puré algo lixeiro. Engadímoslle tamén perexil picado para darlle un chisco de cor á brandada.
- No mesmo leite pomos o outro bacallau e cando comece a ferver afastámolo do lume e deixámolo repousar uns 5 minutos dentro do leite. Logo diso sacámoslle a pel e as arganas, se as houber, e desfacémolo en lascas.
- Servímolo pondo no fondo do prato unhas culleradas de brandada por enriba unhas tiras de pemento e as lascas de bacallau coroadas cunha culleradiña da brandada, decorado cunhas folliñas de perexil.
Tempo: 30 minutos Comensais: 4