Historia e ensaio


O libro Galiza en Suíza. Aspectos dunha emigración aparece con motivo do 50 aniversario da emigración galega á Confederación e analiza a historia e os aspectos persoais que marcaron as vidas destas persoas procedentes do norte de España. Máis de 40.000 galegos residen actualmente en Suíza, unha cantidade que supón o 60% do total de españois presentes no país. Proba diso é que o galego se sitúa en quinto lugar entre as linguas estranxeiras máis faladas en Suíza, conclúe o traballo. Os primeiros galegos chegaron a Suíza en 1958 e 1959 para abastecer ás fábricas da parte de lingua alemá que producían sen cesar. Cunha Europa devastada pola Segunda Guerra Mundial e en plena reconstrución, as factorías suízas -que quedaran intactas no conflito- mantiñan un alto ritmo industrial grazas á emigración italiana chegada con anterioridade. Pouco despois, en 1961, Suíza e España subscribían un acordo para a contratación de man de obra.

A viaxe a Suíza supuxo a moitos saír do franquismo e da escaseza. “O choque máis grande que viviron nas súas vidas. Viron por primeira vez un supermercado, leite en envase de tetrabrik”, di Xurxo Martínez Crespo, autor da obra, cuxo avó cambiou a costa de Ferrol pola vila de Baden, onde traballou nunha fábrica. Os coches dos emigrantes co distintivo helvético ‘CH’, os veraneos na terra, os retornados ou os miles de bares con nomes suízos forman parte da paisaxe de Galicia. Suíza foi e segue sendo unha parte importantísima da historia galega polo moito que representa entre a sociedade da rexión, pola calidade e cantidade dos migrantes que ademais fomentou influencias culturais moi importantes.

Até finais dos anos 60, o éxodo laboral galego saíu do mundo industrial e os novos emigrantes chegaron á Suíza francófona para ocupar empregos no sector turístico. O fluxo de traballadores galegos mantívose constante até 1985-86. Unha realidade que tamén foi moi traumática xa que moitos homes deixaron aos seus fillos ou mulleres en Galicia para viaxar a Suíza a traballar. O afastamento da familia estaba moi presente. Dos que regresaron, nos anos 70 e 80, algúns se atoparon que non había familia nin nada, moitos fogares quedaron destruídos.

Hai tamén unha segunda xeración de galegos, que no libro non se inclúen na cifra de emigrantes, e son cualificados de suízos de orixe galega. Os secondos, os fillos da primeira onda nada en Suíza, están integrados totalmente, criáronse en Suíza e coñecen algunha das linguas oficiais. Na terceira xeración as dificultades de integración dilúense. Este grupo queda no país de acollida e non volve a Galicia, como era o soño dos seus pais. Os que volven atópanse inadaptados e se infravalora a súa formación e coñecemento de idiomas.

A pesar disto, segue resultando difícil que un fillo de estranxeiro faga carreira en certos niveis en Suíza; houbo campañas con tinguiduras xenófobas (votacións para limitar o número de estranxeiros) e aínda aínda hai prexuízos, o mesmo que ocorre cos matrimonios mixtos. Os secondos de orixe galega están mellor formados que os seus proxenitores. Ademais, os naturalizados alcanzan en media un nivel de formación non só máis elevado que os galegos non naturalizados, senón superior ao dos seus compañeiros suízos. Aínda así, obter a cidadanía suíza non é fácil. Sen ela non poden votar e por tanto non poden ser cidadáns de pleno dereito.

Galiza en Suíza. Aspectos dunha emigración
Xurxo Martínez Crespo
CIG


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

Relatos mariñeiros componse dunha vintena de narracións curtas que teñen como referencia e inspiración a comunidade de pescadores galegos das Mariñas, asentados na Habana durante os anos trinta, corenta e cincuenta do seculo XX. Vinte historias de mariñeiros e emigrantes galegos no Golfo que reconstrúen vidas anónimas penduradas dun fío, fuxindo dos feros ciclóns e doutras situacións arrepiantes; vidas ancoradas na saudade da terra e das xentes que abandonaron. Relatos de vidas de mariñeiros artistas como o Leandro, o corpudo gaiteiro que levaba todo un país no fol, o Mariano que tocaba o saxofón, o Xan o Cativo, moi mañoso no seu vello acordeón, ou o Santiago, que co seu lapis de cores retrataba a cada un dos compañeiros de tripulación. Mariñeiros namorados e comprometidos como o Daniel, aquel mozote de Camariñas que nunca esquecerá a súa namorada primeira; o Xaquín, o vello pescador da Malata que sentía polo mar unha mestura de amor e xenreira; o negro Eliseo, un Goliat antillano que cos galegos da Casa Branca aprendeu a fala nosa; ou o Xoán Barreiro, dirixente do Sindicato de Viveiristas que promoveu os setes meses de folga do ano trinta e un… Relatos mariñeiros, pola súa complexa e premeditada brevidade, pola súa prosa cristalina, polo seu esforzo de destilación léxica, e pola construcción dunhas tramas enchidas de emoción, apoiadas nas ilustracións narrativas de Xaquín Marín, constitúe unha das máis valiosas achegas dun dos clásicos vivos da literatura galega.

Relatos mariñeiros
Xosé Neira Vilas
Xerais
128 páxinas – 13,90€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

A emigración como rito de paso, como narración sacrificial na que o tempo está retido e o presente aprazado. O libro parte da lembranza idealizada dun lugar e dun tempo pasado, e da volta a un paraíso perdido, para analizar a patoloxía que agroma cando esa fantasía ou obxecto máxico é negada. O retorno como fenómeno silandeiro no que a sociedade galega debe esculcar atentamente para integralo como experiencia ricaz. “Estar emigrado é coma estar na cadea. O tempo detense. Un garda na cabeza a idea que tiña do país, dos amigos, dos fillos que deixou un día. Pero cando volve, vive o desencontro de que nada sexa como antes”. Así describe o psiquiatra vigués Alexandre García-Caballero as máis de 70 historias de emigrantes galegos retornados das que naceu Psicopatoloxía do retorno.

Psicopatoloxía do retorno
Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo
Galaxia
134 páxinas – 14,40€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

A obra documenta a biografía de 109 galegos que loitaron na guerra de independencia da illa nos últimos anos do século XIX. Moitos galegos uníronse aos insurrectos e loitaron contra a metrópole. Andando o tempo outros moitos adoptarían conscientemente a mesma actitude, ao longo do século XX, participando na loita social en xeral e até na rebelión que conduciu ao triunfo popular en 1959.

Galegos que loitaron pola independencia de Cuba
Xosé Neira Vilas
Ediciós do Castro
246 páxinas


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

O libro reflite unha investigación de varios anos e profunda na historia e o aspecto humano dunha gran cantidade de galegos que foron activos protagonistas do movemento insurxente máis importante de América Latina e da Revolución Cubana. Por exemplo, na vida de Óscar Fernández Mel, fillo de emigrantes galegos a Cuba, hoxe de 87 anos, que con tan só 25 se incorporou á columna guerrilleira comandada polo Che, sendo amigo persoal do mesmo na súa etapa cubana. Tamén participou co Che na misión internacionalista de solidariedade no Congo. Foi xefe do exercito de occidente das FAR de Cuba e posteriormente foi Presidente do poder popular da Habana, logo embaixador de Cuba en varios destinos.

Cuba, los gallegos y el Che
Lois Pérez Leira
Grupo de Comunicación de Galicia en el Mundo
304 páxinas

Galegos no sindicalismo americano é unha escolma de sete personaxes representativos das loitas dos traballadores galegos conscienciados política e socialmente que chegaron a América a finais do século XIX e comezos do XX. Sete biografados pouco coñecidos ou totalmente descoñecidos na Galicia que son hoxe referentes dentro das loitas obreiras e do sindicalismo latinoamericano. Manuel Fandiño, Santiago Iglesias Pantín, José María Montero, Francisco Pérez Leirós, Xosé Rego López, Antonio Soto Canalejo e Adrián Troitiño conforman esta escolma de revolucionarios galegos en América.

Estes loitadores, fundadores de sindicatos, de xornais obreiros que sufriron cárcere e exilio, que viviron na clandestinidade e en movemento incesante entre as fronteiras da Arxentina, Brasil, Uruguai, Cuba, Porto Rico e Chile. Se cadra, a importancia destes loitadores galegos en América é a de importar ideas políticas descoñecidas e avanzadas para a época. Xunto aos galegos foron importantes as comunidades conscienciadas de italianos formados no sindicalismo de finais do século XIX e comezos do XX, entre ambos grupos de emigrados, galegos e italianos, deron inicio a moitos movementos políticos arxentinos e uruguaios de esquerda. Cómpre dicir que o Partido Comunista máis antigo de América, é precisamente o arxentino.

Unha serie de leis restritivas, como a Lei de Residencia, perseguían e reprimían as ideas anarquistas e comunistas. Foron moitos os expulsados da Arxentina, do Brasil, de Uruguai, a meirande parte galegos, en aplicación desta lei. Estas ideas que foron sementadas en América, foron, despois reforzadas coa chegada da II República española. Así un lider obreiro como o sadense Ramón Suárez Picallo, é elixido deputado pola emigración nas Cortes republicanas en 1931. Suárez Picallo fundara na Arxentina o Sindicato de Empregados de Comercio. Moitos destes loitadores galegos máis tarde foron vítimas dos distintos gobernos militares xenocidas de América, uns como os arxentinos das revoltas na Patagonia ou nas desaparicións dos setenta dos gobernos do Río da Prata, Brasil e Chile.

Galegos no sindicalismo americano
Lois Pérez Leira
Asociación Galega de Emigrantes Retornados
72 páxinas


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

Os moitos emigrantes galegos, coas súas historias individuais, contribuíron a que fose xustamente a emigración galega -como acontece en moitas outras latitudes- a máis significativa entre a comunidade española de Río de Xaneiro, na que o conxunto dos españois ocupa o terceiro lugar como estranxeiros en Brasil, despois dos portugueses e italianos. Esas historias anónimas só poden ser reconstruídas dentro dun conxunto de factores que van desde a saída da terra natal até a chegada e a vida desas persoas na sociedade receptora. Mais semella que a presenza deses emigrantes non foi suficiente para merecer un estudo histórico detallado. Estiveron e están en Río de Xaneiro, pero non aparecen, están ausentes dos traballos académicos, dos libros, e que quixer saber a súa historia como continxente migratorio ten que buscar información en textos que abordan a emigración desde unha perspectiva xeral. Este volume corrixe esa situación, pois nel analízanse as datas e as causas da marcha -e do regreso, cando o houbo-, así como os lugares de orixe, a formación profesional, a ocupación, as idades, o sexo ou a integración dos emigrantes galegos na cidade de Río. E todo iso sobre a base dun rigoroso estudo documental e da realización de entrevistas persoais, o que nos mostra a cara máis humana e persoal, con nomes concretos, do fenómeno migratorio.

A formación laboral dos galegos á hora da partida, maioritariamente labregos, e como se labran un futuro no sector terciario da economía brasileira tamén é posto en valor por este traballo. Así mesmo, hai referencias moi interesantes ás relacións persoais como a integración na sociedade receptora, a sindicalización ou o sexo, “Nos barrios e nas rúas do centro instaláronse emigrantes galegos que buscaban medrar economicamente detrás dos mostradores dos bares”. Este traballo ven a complementar aos existentes sobre as outras repúblicas sudamericanas receptoras de emigrantes galegos desde finais do século XIX. A editorial xalleira TresCtres confirma, deste xeito, o seu compromiso coa recente historia galega e descúbrenos un Brasil descoñecido, agora máis preto.

O outro Río. A emigración galega a Río de Xaneiro
Érica Sarmiento da Silva
TresCtres
224 páxinas – 17,10€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

Quere este libro, ante todo, erixirse en portavoz dos emigrantes galegos espallados polo mundo, e no sentido máis literal da palabra: Olegario Sotelo Blanco foi onda eles vivían, escoitou os seus testemuños e achegou as súas voces aquí, transcritas nestas páxinas, co obxecto de rehabilitar un pouco os lazos que deberían unir sempre os irmáns, sobre todo na distancia, co interese de combater o esquecemento.

Porque este esquecemento é a ferida que aínda sangra no corazón do emigrante: ese desinterese por eles, por quen son, os seus desexos e inquietudes, sen recoñecer a súa contribución á mellora da economía e da cultura galegas. Fundaron escolas, mandaron divisas, rehabilitaron leiras, sen deixar de loitar pola mellora das condicións de vida dos galegos (e non só galegos) nos mesmos países de acollida, ben a través de centros que funcionaron como potentes sociedades de instrución, ademais de mutualidades sanitarias, axencias laborais ou academias da lingua, ben integrándose plenamente nas sociedades nas que se instalaron, contribuíndo con isto ao seu desenvolvemento ou, ás veces, participando nas súas loitas políticas. Ao final son homes anónimos os que levantan os países, aínda que non sempre o sexan os que os arruínan. Un dos emigrantes entrevistados conclúe: “Creo que un home debe fuxir dos territorios onde a mediocridade o ten atrapado. Eu obrei con arranxo a este pensamento que aínda hoxe manteño”. De todo isto e moitas cousas máis fala este libro. Polo menos, ante as dificultades da vida, debidas a causas que debaterán sen desmaio os especialistas, non nos esquezamos de darlles voz aos verdadeiros protagonistas da mesma, e de transmitir a súa palabra.

Sotelo Blanco elabora unha verdadeira memoria viva da emigración, con nomes propios, entre os que se atopan Antonio Cougil Fernández, que afirma: “Son de Celanova, provincia de Ourense. Cheguei a Cuba o 6 de xuño de 1954, despois dun mes de viaxe no `Loriga´. Saímos de Vigo e pasamos pola Coruña, por Canarias, Venezuela, Xamaica e por fin Cuba. Foi unha viaxe longa e dura, pero paseino moi ben nela. Aquí non tiña familia, vin á aventura, como vén todo o mundo, para facérmonos ricos, aínda que logo nunca chegamos a selo. Empecei a traballar limpando pisos, máis tarde nun restaurante e despois durante corenta anos cos curas e as Fillas da Caridade. Empecei con eles de chofer e acabei sendo administrador, labor que realicei ao longo de trinta e cinco anos”.

Demetrio Fermiñán Taboada lembra que naceu o 28 de outubro do ano 1930, na pequena aldea de Valdemiotos, de Fitoiro, no Concello de Chandrexa. Y sinala: “Fun só algúns meses á escola, porque aos nove anos marchei con meu pai e cun tío facer as cordas por Huesca e Lleida”. E engade: “Era pequeniño. Tíñanme que poñer un coxín debaixo para poder comer coa xente á mesa”. En canto á tarefa laboral que desempeñou, lembra: “Nós faciamos cordas e eu dáballe á roda. A roda de facer as cordas, de fiar, e eles ían fiando. Dábannos a comida nas casas nas que traballabamos. E despois, ao acabar as cordas, dependendo de como fose alí a colleita, facíanse máis cordas”.

Antonio Pérez Huerta, natural de Sas de Penelas, apunta: “Meu pai era de Sas de Penelas e miña nai de San Silvestre. Os dous eran fillos únicos e ningún quería ir vivir para a casa do outro. Entón, en parte por necesidade e por se abriren camiño, foron para Barcelona”. Cando lle comentaron que no estranxeiro tería máis opcións, marcharon para Francia, a unha zona fronteiriza con Suiza.”Estouche falando dos anos 59, 60. Eran os tempos da emigración, cando se fundaron os primeiros centros galegos en Suíza, en concreto o de Berna, na capital. Meus pais colaboraron na fundación de varios deles, porque naquel momento non existía ningún”.

A voz do emigrante
Olegario Sotelo Blanco
Sotelo Blanco
608 páxinas


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

A través das biografías de catro homes, o autor relata unha parte substancial desa epopea, do destino dos galegos que tiveron que procurar un país de adopción na América do Sur. Velaquí a historia de Antón Crestar Faraldo, Xosé Lage Sierra “Pepe Montoya”, Eduardo Martínez Filgueira “O Cañotas” e Isidoro Manuel García García. O gran coñecedor do mundo do libro que é Manuel Losa achéganos unha obra sobre a vida de catro galegos na diáspora, distintos entre si pero que teñen unha raíz común. Dous deles, Crestar e Montoya, cunha vinculación moi importante cos centros culturais da súa época. Crestar, actuando ademais en forma destacada no aspecto político. Os outros dous, Martínez e García, emigrantes cunha vida que xirou en torno ao mundo laboral.

Dúas das historias contadas nestas páxinas, as de Isidoro García e Eduardo Martínez, desenvólvense
a partir da década de 1950. Pola súa banda, as outras dúas, as de Antón Crestar e José Lage, son de época anterior, o primeiro vinculado co galeguismo, tivo estreita relación con Castelao, Suárez Picallo, Xesús Canabal, Manuel Meilán, Lois Tobío, Alfredo Somoza e outros destacados galeguistas e republicanos, e propiciou unha actividade intensa e de grande relevancia en tempos da Guerra Civil e a posguerra. Participando tamén, de forma sobranceira, na vida artística, parte do libro céntrase na historia do bailarín Xosé Lage, coñecido polo seu nome artístico, Pepe Montoya.

Catro historias de emigrantes
Manuel Losa
Galaxia
210 páxinas – 22€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

Xesús Alonso Montero recolle neste libro cento vinte cartas de republicanos galegos escritas despois de que recibiran oficialmente a noticia de que foran condenados á pena de morte. É o momento en que algúns deciden despedirse, por escrito, dos seus: dos pais, dos irmáns, da muller, da noiva, dos amigos… Nalgúns casos, especialmente entre comunistas, do Partido. Ningún xénero literario expresa con máis emoción o drama da Guerra Civil (e das súas consecuencias) que este tipo de cartas escritas polos republicanos nun momento en que toda esperanza estaba perdida. Hai, ademais, despedidas que son especialmente conmovedoras, e outras, dun certo nivel literario, e todas, e cada unha, un documento histórico que nos fai deplorar as que xa se perderon para sempre e as que, por torpeza ou incuria nosa, aínda non foron exhumadas. Un libro clave no proceso de construción da memoria republicana de Galicia que, ademais, constitúe o primeiro corpus epistolar deste xénero, territorio e período que se publica.

Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948)
Xesús Alonso Montero
Xerais
560 páxinas – 22,45€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

Páxina seguinte »