Mar 9 Nov 2010
Galiza en Suíza. Aspectos dunha emigración
Posted by zerovacas under Fillos de Galicia, Historia e ensaio, Libros recomendados
Comentarios desactivados en Galiza en Suíza. Aspectos dunha emigración
O libro Galiza en Suíza. Aspectos dunha emigración aparece con motivo do 50 aniversario da emigración galega á Confederación e analiza a historia e os aspectos persoais que marcaron as vidas destas persoas procedentes do norte de España. Máis de 40.000 galegos residen actualmente en Suíza, unha cantidade que supón o 60% do total de españois presentes no país. Proba diso é que o galego se sitúa en quinto lugar entre as linguas estranxeiras máis faladas en Suíza, conclúe o traballo. Os primeiros galegos chegaron a Suíza en 1958 e 1959 para abastecer ás fábricas da parte de lingua alemá que producían sen cesar. Cunha Europa devastada pola Segunda Guerra Mundial e en plena reconstrución, as factorías suízas -que quedaran intactas no conflito- mantiñan un alto ritmo industrial grazas á emigración italiana chegada con anterioridade. Pouco despois, en 1961, Suíza e España subscribían un acordo para a contratación de man de obra.
A viaxe a Suíza supuxo a moitos saír do franquismo e da escaseza. “O choque máis grande que viviron nas súas vidas. Viron por primeira vez un supermercado, leite en envase de tetrabrik”, di Xurxo Martínez Crespo, autor da obra, cuxo avó cambiou a costa de Ferrol pola vila de Baden, onde traballou nunha fábrica. Os coches dos emigrantes co distintivo helvético ‘CH’, os veraneos na terra, os retornados ou os miles de bares con nomes suízos forman parte da paisaxe de Galicia. Suíza foi e segue sendo unha parte importantísima da historia galega polo moito que representa entre a sociedade da rexión, pola calidade e cantidade dos migrantes que ademais fomentou influencias culturais moi importantes.
Até finais dos anos 60, o éxodo laboral galego saíu do mundo industrial e os novos emigrantes chegaron á Suíza francófona para ocupar empregos no sector turístico. O fluxo de traballadores galegos mantívose constante até 1985-86. Unha realidade que tamén foi moi traumática xa que moitos homes deixaron aos seus fillos ou mulleres en Galicia para viaxar a Suíza a traballar. O afastamento da familia estaba moi presente. Dos que regresaron, nos anos 70 e 80, algúns se atoparon que non había familia nin nada, moitos fogares quedaron destruídos.
Hai tamén unha segunda xeración de galegos, que no libro non se inclúen na cifra de emigrantes, e son cualificados de suízos de orixe galega. Os secondos, os fillos da primeira onda nada en Suíza, están integrados totalmente, criáronse en Suíza e coñecen algunha das linguas oficiais. Na terceira xeración as dificultades de integración dilúense. Este grupo queda no país de acollida e non volve a Galicia, como era o soño dos seus pais. Os que volven atópanse inadaptados e se infravalora a súa formación e coñecemento de idiomas.
A pesar disto, segue resultando difícil que un fillo de estranxeiro faga carreira en certos niveis en Suíza; houbo campañas con tinguiduras xenófobas (votacións para limitar o número de estranxeiros) e aínda aínda hai prexuízos, o mesmo que ocorre cos matrimonios mixtos. Os secondos de orixe galega están mellor formados que os seus proxenitores. Ademais, os naturalizados alcanzan en media un nivel de formación non só máis elevado que os galegos non naturalizados, senón superior ao dos seus compañeiros suízos. Aínda así, obter a cidadanía suíza non é fácil. Sen ela non poden votar e por tanto non poden ser cidadáns de pleno dereito.
Galiza en Suíza. Aspectos dunha emigración
Xurxo Martínez Crespo
CIG

grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.