Sáb 18 Xul 2009
Xesús Alonso Montero: Escolma-18 de xullo de 1936
Posted by rubi under Historia de Galicia, Literatura galega
Comentarios desactivados en Xesús Alonso Montero: Escolma-18 de xullo de 1936
Pasaron sesenta anos. Ese dezaoito de xullo eu cumpría sete anos, sete meses e vinte días. Era un neno, pois. Tiña esa idade na que un sabe moi pouco e comprende aínda menos, razón poda cal, se hai treboada, un respira con máis angustia. E había temporal, que acababa de aparecer coa súa música de barbarie e violencia. Eu vivía, daquela, en Vigo, na taberna de meus pais, “El Recreo”, na rúa Urzaiz. No “Recreo” tomaban o vaso, á noitiña, os zapateiros, os mozos da estación, os tranviarios… e, nun reservado, un grupo escolleito de socialistas vigueses: don Emilio Martínez (alcalde da cidade), don Eugenio Arbones (médico, que operou á miña nai), don Heraclio Botana (líder sindical), don Pastor Rodríguez (que era o máis novo)… Así é como os aseñoraba meu pai, campesino “apolítico” e iletrado que agora exercía de taberneiro urbano. Meu pai, obviamente, non seleccionaba a clientela, pero meu pai, naquela modesta taberna, ofrecía a todos (ós do reservado e ós do mostrador) un viño que ardía nun candil: viño do Ribeiro, que meu pai mesmo traballaba nunhas cantas viñas que tiñamos na aldea. Meu pai faláballes ás cepas.