Fillos de Galicia


O libro Galiza en Suíza. Aspectos dunha emigración aparece con motivo do 50 aniversario da emigración galega á Confederación e analiza a historia e os aspectos persoais que marcaron as vidas destas persoas procedentes do norte de España. Máis de 40.000 galegos residen actualmente en Suíza, unha cantidade que supón o 60% do total de españois presentes no país. Proba diso é que o galego se sitúa en quinto lugar entre as linguas estranxeiras máis faladas en Suíza, conclúe o traballo. Os primeiros galegos chegaron a Suíza en 1958 e 1959 para abastecer ás fábricas da parte de lingua alemá que producían sen cesar. Cunha Europa devastada pola Segunda Guerra Mundial e en plena reconstrución, as factorías suízas -que quedaran intactas no conflito- mantiñan un alto ritmo industrial grazas á emigración italiana chegada con anterioridade. Pouco despois, en 1961, Suíza e España subscribían un acordo para a contratación de man de obra.

A viaxe a Suíza supuxo a moitos saír do franquismo e da escaseza. “O choque máis grande que viviron nas súas vidas. Viron por primeira vez un supermercado, leite en envase de tetrabrik”, di Xurxo Martínez Crespo, autor da obra, cuxo avó cambiou a costa de Ferrol pola vila de Baden, onde traballou nunha fábrica. Os coches dos emigrantes co distintivo helvético ‘CH’, os veraneos na terra, os retornados ou os miles de bares con nomes suízos forman parte da paisaxe de Galicia. Suíza foi e segue sendo unha parte importantísima da historia galega polo moito que representa entre a sociedade da rexión, pola calidade e cantidade dos migrantes que ademais fomentou influencias culturais moi importantes.

Até finais dos anos 60, o éxodo laboral galego saíu do mundo industrial e os novos emigrantes chegaron á Suíza francófona para ocupar empregos no sector turístico. O fluxo de traballadores galegos mantívose constante até 1985-86. Unha realidade que tamén foi moi traumática xa que moitos homes deixaron aos seus fillos ou mulleres en Galicia para viaxar a Suíza a traballar. O afastamento da familia estaba moi presente. Dos que regresaron, nos anos 70 e 80, algúns se atoparon que non había familia nin nada, moitos fogares quedaron destruídos.

Hai tamén unha segunda xeración de galegos, que no libro non se inclúen na cifra de emigrantes, e son cualificados de suízos de orixe galega. Os secondos, os fillos da primeira onda nada en Suíza, están integrados totalmente, criáronse en Suíza e coñecen algunha das linguas oficiais. Na terceira xeración as dificultades de integración dilúense. Este grupo queda no país de acollida e non volve a Galicia, como era o soño dos seus pais. Os que volven atópanse inadaptados e se infravalora a súa formación e coñecemento de idiomas.

A pesar disto, segue resultando difícil que un fillo de estranxeiro faga carreira en certos niveis en Suíza; houbo campañas con tinguiduras xenófobas (votacións para limitar o número de estranxeiros) e aínda aínda hai prexuízos, o mesmo que ocorre cos matrimonios mixtos. Os secondos de orixe galega están mellor formados que os seus proxenitores. Ademais, os naturalizados alcanzan en media un nivel de formación non só máis elevado que os galegos non naturalizados, senón superior ao dos seus compañeiros suízos. Aínda así, obter a cidadanía suíza non é fácil. Sen ela non poden votar e por tanto non poden ser cidadáns de pleno dereito.

Galiza en Suíza. Aspectos dunha emigración
Xurxo Martínez Crespo
CIG


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

A Asociación Galega de Emigrantes Retornados (AGER) presenta o libro Catro vidas do exilio galego en Venezuela. Xurxo Martínez Crespo achega nestas páxinas a historia decatro vidas que son unha mostra dos centos de galegos que tiveron a sorte de ser acollidos nun dos poucos países que abriu as súas fronteiras aos exiliados galegos, vascos, cataláns e españois. Castelao, que pola súa condición de exiliado tiña prohibida a entrada á Arxentina de Perón, tivo que facer uso do seu antigo visado como residente na Arxentina para poder exiliarse. Galiza ten unha débeda histórica con Rómulo Gallegos Freire, que pasara varios meses exiliado en Beluso, e con Andrés Eloy Blanco, presidente e misnistro de Asuntos Exteriores de Venezuela en 1948, respectivamente. Estas catro vidas (Mario Granell, José María Mosqueira Manso, Alberto Puente García e Alejandro Tejero Cuenca) son un claro exemplo, non do que gañou Venezuela ao acollelos, senón do que perdeu Galiza ao non telos a eles e a milleiros como eles.

Catro vidas do exilio galego en Venezuela
Xurxo Martínez Crespo
Asociación Galega de Emigrantes Retornados
84 páxinas – 6€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

Membro dunha estirpe de médicos –o seu pai, o padronés Ánxel Baltar Cortés, foi director do Hospital de Santiago e pioneiro en técnicas cirúrxicas, ademais de protector da familia Castelao, e o seu irmán Ramón, pai tamén de dous cirurxiáns, foi director do Sanatorio Baltar e do Gran Hospital de Santiago-, Antonio Baltar Domínguez naceu en Santiago en 1906, onde estudou Medicina, aínda que tamén o fixo en París atraído pola escola de Histopatoloxía e na Universidade Complutense de Madrid, onde se licenciou. Entre 1934 e 1936 desempeñou o cargo de profesor auxiliar de Histoloxía e Anatomía Patolóxica da Universidade de Santiago, ao mesmo tempo que concentraba as súas inquedanzas na creación da “Agrupación al Servicio de la República” de Compostela e na elaboración dos seus escritos publicados da Revista P.A.N. (Poetas Andantes e Navegantes) co pseudónimo de Antón Martín.

Ao iniciarse a Guerra Civil, Antonio Baltar foi suspendido de emprego e soldo na Facultade de Medicina e vendo o futuro incerto que o agardaba por ter sido colaborador da República e declarado enemigo de la patria preferiu exiliarse a América, onde a súa muller, Mireia Dieste, filla e sobriña respectivamente dos escritores Eduardo e Rafael Dieste, tiña casa familiar. Tras dous meses en Montevideo, o matrimonio trasládase a Arxentina e participa nas actividades dos intelectuais galeguistas exiliados. En 1937 revalidou o título de doutor en Medicina na Universidade da Prata e funda un sanatorio en Avellaneda co tamén santiagués Gumersindo Sánchez Guisande, catedrático de Anatomía que tivera que seguir o camiño paralelo do exilio en 1936, que dirixiu o tratamento clínico no tramo final da enfermidade de Castelao e, por designación do goberno da República no exilio, pronunciou o discurso necrolóxico na Chacarita.

De 1939 a 1947, Baltar organiza o Laboratorio de Anatomía Patolóxica do Centro Galego de Bos Aires, funda o Hogar Gallego para Ancianos en Donselaar, a 50 quilómetros da capital federal, institución que Baltar ideara para axudar aos compatriotas que envellecidos e desvalidos na Arxentina, ao mesmo tempo publicaba varios artigos sobre Ciencia e Cultura. Entre 1952 e 1953 exerce de secretario na Dirección Xeral de sanidade do Sur (Baía Branca). Ao ano seguinte é nomeado catedrático de Anatomía Patolóxica na Universidade de Cuyo (Mendoza), onde dirixiu o Laboratorio Anatomopatolóxico, pero en 1954 abandona a cátedra por atraerlle máis o aspecto social que desde o Ministerio de Sanidade pode exercer como director xeral de Sanidade de Cuyo na rama de medicina sanitaria e a loita anticancerosa. Logo traballou como patólogo en Bos Aires e aínda se especializou en Medicina Social da Organización Mundial da Saúde.

Nos seus trinta anos de exiliado, o seu traballo profesional e científico non o arredou da constante preocupación polos valores culturais e do futuro político e social de Galicia. Relacionouse intimamente cos intelectuais galegos exiliados na Arxentina, sobre todo con Rafael Dieste con quen, máis alá da relación familiar polo casamento con Mireia, o unía unha grande amizade desde a mocidade, cando coincidían en Rianxo. Así, en 1956 presidiu a Asociación Gallega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA), que organizou cursos de xeografía, historia, lingua e literatura galega, unha homenaxe a María Casares, coloquios sobre os problemas de Galicia coas intervencións de Paz Andrade, Rafael Dieste, Alberto Vilanova, Núñez Búa ou Ramón de Valenzuela. Pouco despois da celebración do Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires en 1956, organizado polo Consello de Galiza, no que presentou un relatorio titulado A Emigración Galega e a Cultura, Antonio Baltar viaxa a Galicia co encargo da AGUEA de poñer en marcha un proxecto que, como continuador do Seminario de Estudos Galegos, se dedicase á investigación socio económica. As xestións de Baltar non foron ben acollidas polos intelectuais do interior e, ademais, a policía aconselloulle aos familiares de Baltar que, para evitar problemas, o convencesen de que abandonase Galicia.

Antonio Baltar Domínguez morreu dun paro cardíaco en setembro de 1970 no Hospital Ribadavia de Bos Aires, a onde o trasladaran poucas horas desde Córdoba para ser intervido. “A mi me ha quedado una gran tristeza, pero de esas tristezas que construyen”, díxolle Eladio Dieste ao seu irmán Rafael en carta datada en Montevideo poucos días despois da morte do amigo e marido da sobriña de ambos.

Antonio Baltar e o compromiso do exilio
María Díaz Rey
Ediciós do Castro