Mar 12 Set 2017
Boliños de pataca e bacallau
Posted by Crisanto under Cociña galega, Entrantes
Comentarios desactivados en Boliños de pataca e bacallau
Boliños de pataca e bacallau
Ingredientes:
- 300 g patacas
- 300 g de bacallau desalgado
- 1 cebola branca (uns 300g)
- 1 dente de allo
- 1 ovo
- 7-8 poliñas de perexil
- Ovo e pan relado para rebozar
- Aceite de oliva virxe
- Sal
Preparación:
- Nunha cazarola cocémo-las patacas con pel en auga e so un chisco de sal, non moita; uns 30 minutos.
- Noutra cazarola cocemos por 5 minutos o bacallau cun pouco de perexil, un cuarto da cebola e un chisco de aceite. Pasados este tempo quitámo-lo bacallau da auga e cando arrefríe sacámoslle as arganas maila pel e esmigallámolo.
- En tanto cocen as patacas, nunha tixola con aceite amolecémo-lo resto da cebola picada miudiña a fogo maino cun chisco de sal ata que comece a dourar.
- Pasado o tempo quitámo-las patacas e logo de que arrefríen pelámolas e esmagámo-las cun garfo.
- Nunha cunca fonda mesturámo-lo bacallau coas patacas, o perexil picado, mailo ovo e cebola escoada, sen aceite. Probamos de sal e engadímoslle se cómpre.
- Coa axuda de dúas culleres facémolos boliños, rebozámolos en pan relado, ovo batido e pan relado; logo diso fritímolos nunha tixola con abondoso aceite ben quente ata que estean de cor dourada. Ao quitalos do aceite pousámolos en papel absorbente para que escoen o aceite.
- Presentámolos nunha bandexa alongada adornados cunhas poliñas de perexil.
Tempo: 50 minutos Comensais: 4 persoas