Galletas de manteiga ó meu xeito

 

Ingredientes:

  • 700 g de fariña triga
  • 200 g de manteiga de leite abrandada
  • 200 g de azucre
  • 2 ovos
  • 1 cullerada de sobremesa de canela en po
  • 1 cullerada de esencia vainilla
  • O relado dun limón ou laranxa
  • ½ limón, o zume
  • 16 g (un sobre) de lévedo en po (Royal)
  • 1 chisco de sal
  • 1 xema de ovo batida e un pouco de azucre
  • 200 g de améndoas en gran para decorar.

 

Preparación:

  1. Nunha cunca fonda ou nunha amasadora botámo-la fariña, xunto cos outros ingredientes agás a xema batida e as améndoas e amasamos a man ou coa amasadora ata ter unha masa ben integrada.
  2. Logo diso, pómo-la masa, en forma de rolo, nun filme transparente e enrolámolo ata ter unha especie de chourizo duns 7 cm de diámetros que meteremos na neveira primeiro e logo uns 30 minutos no conxelador antes de comezar a corta-las galletas
  3. Acendémo-lo forno a 180 ºC para que vaia quecendo
  4. Sacámoslle o filme transparente a parte do rolo de masa e cun coitelo imos cortando rebandas de entre 7-10 mm e repartíndoas nunha bandexa das do forno cuberta con papel de enfornar ou engraxada, poden caber entre 15 a 20 galletas, deixando espazo entre elas para que non se apeguen.
  5. Antes de metelas ó forno durante 7-10 minutos, pintámolas coa xema batida mesturada cun chisco de auga e esparexémoslle unhas améndoas en gran por enriba.
  6. Entrementres están no forno preparamos outra bandexa para metela no forno ó sacar a primeira e non perder moito tempo esperando a que arrefríe para empregala de novo.
  7. Hai que vixialas cando estean no forno para sacalas cando empecen a dourar

 

Notas:

  • Podes trocar algo de fariña triga por fariña milla e engadir na masa chocolate, ou froitos secos picados.
  • Tamén lle pode facer un pequeno oco no medio e pór nel un arando, ou un chisco de marmelada
  • Para darlle forma as galletas, tamén podes facer bolas do tamaño dunha noz e chafalas un pouco para aplanalas, deste xeito ó non estaren todas iguais aparentan seren máis artesanais.

 

 

Tempo: 40 minutos                                                               Comensais:  varias persoas