Archive for Agosto 4th, 2020

Galletas de manteiga ó meu xeito

 

Ingredientes:

  • 700 g de fariña triga
  • 200 g de manteiga de leite abrandada
  • 200 g de azucre
  • 2 ovos
  • 1 cullerada de sobremesa de canela en po
  • 1 cullerada de esencia vainilla
  • O relado dun limón ou laranxa
  • ½ limón, o zume
  • 16 g (un sobre) de lévedo en po (Royal)
  • 1 chisco de sal
  • 1 xema de ovo batida e un pouco de azucre
  • 200 g de améndoas en gran para decorar.

 

Preparación:

  1. Nunha cunca fonda ou nunha amasadora botámo-la fariña, xunto cos outros ingredientes agás a xema batida e as améndoas e amasamos a man ou coa amasadora ata ter unha masa ben integrada.
  2. Logo diso, pómo-la masa, en forma de rolo, nun filme transparente e enrolámolo ata ter unha especie de chourizo duns 7 cm de diámetros que meteremos na neveira primeiro e logo uns 30 minutos no conxelador antes de comezar a corta-las galletas
  3. Acendémo-lo forno a 180 ºC para que vaia quecendo
  4. Sacámoslle o filme transparente a parte do rolo de masa e cun coitelo imos cortando rebandas de entre 7-10 mm e repartíndoas nunha bandexa das do forno cuberta con papel de enfornar ou engraxada, poden caber entre 15 a 20 galletas, deixando espazo entre elas para que non se apeguen.
  5. Antes de metelas ó forno durante 7-10 minutos, pintámolas coa xema batida mesturada cun chisco de auga e esparexémoslle unhas améndoas en gran por enriba.
  6. Entrementres están no forno preparamos outra bandexa para metela no forno ó sacar a primeira e non perder moito tempo esperando a que arrefríe para empregala de novo.
  7. Hai que vixialas cando estean no forno para sacalas cando empecen a dourar

 

Notas:

  • Podes trocar algo de fariña triga por fariña milla e engadir na masa chocolate, ou froitos secos picados.
  • Tamén lle pode facer un pequeno oco no medio e pór nel un arando, ou un chisco de marmelada
  • Para darlle forma as galletas, tamén podes facer bolas do tamaño dunha noz e chafalas un pouco para aplanalas, deste xeito ó non estaren todas iguais aparentan seren máis artesanais.

 

 

Tempo: 40 minutos                                                               Comensais:  varias persoas

Vitela asada con verduras

 

Ingredientes:

  • 1 peza de “espaldilla” 2 kg.
  • 6 cenorias
  • 1 cabaciño
  • 150 pemento vermello
  • 150 g de pemento verde
  • 200 g de cebola francesa ou “chalotas”
  • 6 patacas medianas
  • Tomiño
  • Pementa negra moída
  • 100 ml de Brandy
  • 100 ml de viño branco
  • 2 culleradas de vinagre branco
  • 300 ml de caldo de ósos
  • Aceite de oliva
  • Sal

Para o adubo

  • Unhas pólas de Perexil
  • 3 dentes de allo

Para o prebe

  • 25 g de queixo azul
  • 20 g de manteiga de leite
  • 250 g de nata de montar
  • Pementa moída

 

Preparación:

  1. En primeiras preparámo-la carne sacándolle cun coitelo moi ben afiado a tea que o cobre por unha das partes.
  2. Preparámo-las verduras e para iso cortámo-las cenorias en rodas, o cabaciño en anacos medianos, os pementos en bastóns, as cebolas en anacos medianos e as patacas pelámolas e cortámolas en cuartos.
  3. Acendémo-lo forno a 200ºC para que vaia quecendo.
  4. Logo diso machucámo-lo perexil xunto co sal e o allo e con iso adubámola carne.
  5. Deseguido, selámola nunha tixola grande cuns 100 ml de aceite de oliva.
  6. Cando a carne estea selada, colocámola na bandexa do forno.
  7. Logo diso, metémo-las verduras na tixola e refogámolas xunto coas patacas.
  8. Botamos agora as verduras xunto coas patacas na bandexa ó redor da carne, empoámolo todo cun chisco de sal e pementa moída; regámolo co brandy, o vinagre, o viño branco máis os 300 ml de caldo de osos e metémo-lo ó forno polo decurso duns 50-60 minutos. Vixiade que non se vos queime se así fora póndelle un papel de aluminio por enriba.
  9. Entrementres asa a vitela, facémo-lo prebe e para iso desfacemos o queixo nunha tixola cuns 20 g de manteiga, logo diso engadímola nata e empoámolo coa pementa moída, ó noso gusto, e deixamos que espese un chico.
  10. O sacala do forno cortámo-la peza en rebandas e servímola coas verduras acompañada co prebe para que cada quen se sirva.

 

Nota:

  • A “espaldilla” e un corte de carne que se atopa na parte alta da pa ou omoplata da res.
  • Un truco para que non seque e meter unha cunca con auga no forno para que deprenda vapor.

 

Tempo: 80 minutos                                                   Comensais: 6 persoas

Goxúa

 

 

Ingredientes:

Para o biscoito:

  • 150 g. de manteiga de leite en pomada
  • 250g. de azucre
  • 4 ovos + as claras da crema pasteleira
  • 250g de fariña triga
  • 1 sobre de lévedo en po

Para a nata montada:

  • 250 ml de nata de montar
  • 1 cullerada colme de azucre moído

Para a crema pasteleira

  • 4 xemas de ovo
  • 4 culleradas colmes de azucre
  • ½ l de leite gordo
  • 1 casca de limón ó gusto
  • 1 culleradiña de esencia de vainilla
  • 50 g de maicena

 

Preparación:

  1. En primeiras farémo-lo biscoito e para iso acendémo-lo forno a 180ºC para que estea quente cando metámo-lo biscoito
  2. Batémo-la manteiga en pomada xunto co azucre empregando as variñas de batedor eléctrico
  3. Cando estea ben mesturado botámo-los ovos mailas claras e seguimos batendo ata que dobren o seu volume e a mestura estea esponxosa.
  4. Mesturamos a fariña co lévedo e botámola peneirada cun coador de arame sobre a amoado mentres o mesturamos cunha culler, unhas variñas de man ou unha espátula, con movementos envolventes, ata que a mestura estea homoxénea.
  5. Botámo-lo amoado nunha bandexa do forno cuberta con papel de enfornar ou engraxada e enfariñada.
  6. Metémolo molde ó forno durante por uns 10-15 minutos; comprobamos cun espeto de madeira ou cun garfo que está cocido.
  7. Sacámolo do forno e logo de que arrefríe desmoldámolo. E reservámolo.
  8. Entrementres esta no forno montámola nata ben fría, se cadra metémola uns 20-30 minutos no conxelador, coas variñas eléctricas e a medio montar engadímoslle o azucre moído. Reservámola.
  9. Para a crema pasteleira pomos a quentar case todo e leite reservando coma ¼ xunto coa esencia de vainilla e a casca de limón sen que chegue a ferver. Entrementres nunha cunca ampla mesturamos, coas variñas de man, as xemas de ovo co azucre; logo diso botámola maicena, mesturamos coas variñas e engadímo-lo leite reservado e mesturamos ben.
  10. Logo diso vertemos, ós poucos o leite quente, sen a casca mentres seguimos mesturándoo coas variñas.
  11. Botamos agora todo na cazarola de quentar o leite e pómolo á lume medio alto, remexendo deseguido, sen que ferva, ata que a crema espese. Sacámola do lume e reservámola.
  12. Agora imos montar esta sobremesa e para iso collemos unhas copas ou tarteiras pequenas e pomos no fondo unhas culleradas de nata por enriba o biscoito cortado en redondo cun aro, cubrímolo  cunhas culleradas de crema pasteleira que empoamos con bastante azucre en gran e torramos cun soprete.
  13. Servímolo frío.

 

 

Nota:

  • O Goxúa é unha sobremesa tipicamente vasca
  • A crema se a mantemos moito tempo no lume vai espesar máis.
  • Se temos biscoito feito podemos empregalo esmigallado.

 

 

Tempo: 80 minutos                                                   Comensais: 6 persoas