Mediaslúas ou “croissants”

 

Ingredientes:

  • 500 g de fariña triga  (½ forza + ½ normal)
  • 225ml de leite
  • 25 g de lévedo de pan fresco ou 9 seco
  • 1 ovo “L”
  • 80 g azucre
  • 1 cullerada de mel
  • 1 culleradiña de sal (uns 5 g)
  • 240 g manteiga de leite
  • 25 g de fariña para o empaste
  • 1 ovo para pintar

 

Preparación:

  1. En primeiras, nunha cunca botámo-lo lévedo esmigallado xunto  cunha cullerada colme de fariña, outra de azucre, mais 100 ml de leite morno e batémolo coas variñas ata deixalo sen grumos e deixámolo repousar uns 15 minutos.
  2. Pasado este tempo, pómo-lo resto da fariña, mailo sal mesturado, nunha cunca grande e logo de facer un oco no medio, botamos nel o ovo batido, o resto do azucre, o mel, o lévedo mailo resto do leite morno e mesturámolo
  3. Logo botámo-la mestura no mesado enfariñado e amasámolo ben polo menos10 minutos.
  4. Deixámola levedar, tapada cun pano de cociña, nun sitio tépedo por unha hora.
  5. Entrementres, mesturamos ben a manteiga cos 25 g de fariña para facer o empaste.
  6. Pasado o tempo estirámola masa ata deixala duns 5 mm de groso por uns 30 cm de ancho e o longo que saia.
  7. Pondo a parte estreita paralela a nós repartímolo empaste no terzo central dela e dobrámo-los laterais a terzos sobre o empaste, estirámola un pouquiño e dobramos un terzo cara nós e o outro  terzo sobre o primeiro.
  8. Metémolo na neveira uns 60 minutos; logo diso, xirámo-la masa 90º de como a tiñamos antes de arrefriala e estirámola facendo un cadrado que dobramos despois a terzos de esquerda a dereita e o rectángulo formado dobrámolo en terzos cara nós. Metémolo de novo a neveira.
  9. Repetimos isto unha 4-5 veces máis.
  10. Acendémo-lo forno a 180º C para que vaia quecendo.
  11. Para facer xa as mediaslúas, estirámo-la masa para poder facer un rectángulo duns 20-30 cm de ancho (isto depende do tamaños das mediaslúas) por 5 mm de groso e logo de recortar cun coitelo os bordos, para deixalo deses 20-30 cm, partímolo primeiro pola metade ó longo  e destas metades facemos triángulos duns 6 a 8 cm de base, dependendo do tamaño.
  12. Enrolámo-los triángulos comezando pola parte ancha (estiramos primeiro un pouco as puntas da base) cara a ó vértice oposto e pómolos nunha bandexa do forno cuberto con papel de enfornar curvándoos un pouco para darlles forma de media lúa.
  13. Pintámolas con ovo batido e metémolas no segundo nivel do forno, quente, polo decurso duns 15 minutos ou ata que estean douradas.
  14. Logo de sacalas do forno podes empoalas con azucre moído ou darlles brillo con xelatina ou marmelada.

 

Notas:

  • Se a masa ficase un pouco branda botariámoslle máis fariña e se fora ó revés botariámoslle leite ou auga.
  • Estas mediaslúas saen coma as compradas é dicir con follado
  • Como o follado leva moito tempo convén telo feito de antes e conservado na neveira.

 

 

Tempo: 40 minutos                                                                Comensais: segundo as pezas que saian

Sen contar os tempos de espera do follado