Mediaslúas ou “croissants” 2

(Receita sinxela)

 

Ingredientes:

  • 550 g de fariña triga
  • 200 ml de leite
  • 25 g de lévedo de panadería
  • 1 ovo “L”
  • 140 g azucre
  • 1 cullerada de mel
  • 1 culleradiña de sal (uns 5 g)
  • 130 g manteiga de leite
  • 1 cullerada de esencia de vainilla
  • 1 ovo para pintar

 

Preparación:

  1. En primeiras imos a activar o levedo e para iso  botámolo esmigallado nunha cunca xunto  cunha cullerada colme de fariña, outra de azucre, mais 100 ml de leite morno e batémolo coas variñas ata que non teña grumos e deixámolo repousar uns 15 minutos.
  2. Pasado este tempo, pómo-lo resto da fariña, mailo sal mesturado, nunha cunca grande e logo de facer un oco no medio, botamos nel o ovo batido, o resto do azucre, o mel, o lévedo o resto do leite morno e mesturamos un pouco; logo diso engadímo-la manteiga derretida e morna, e mesturámolo.
  3. Logo botámo-la mestura no mesado enfariñado e amasámolo ben polo menos10 minutos.
  4. Deixámola levedar, nunha cunca untada de aceite e tapada cun pano de cociña, nun sitio tépedo por unhas 3 horas.
  5. Acendémo-lo forno a 180º C con calor arriba e abaixo e sen ventilador para que vaia quecendo.
  6. Para facer xa as mediaslúas, estirámo-la masa para poder facer un rectángulo duns 20-30 cm de ancho(isto depende do tamaños das mediaslúas) por 5 mm de groso e logo de recortar cun coitelo os bordos, para deixalo deses 20-30 cm, partímolo primeiro pola metade ó longo  e destas metades facemos triángulos duns 6 a 10 cm de base, dependendo do tamaño.
  7. Enrolámo-los triángulos comezando pola parte ancha (estiramos primeiro un pouco as puntas da base) cara a ó vértice oposto e pómolos nunha bandexa do forno cuberto con papel de enfornar curvándoos un pouco para darlles forma de media lúa. Deixámolas repousar uns 30 minutos antes de metelos ó forno, tapadas cun pano de cociña limpo.
  8. Pintámolas con ovo batido e metémolas no segundo nivel do forno, quente, polo decurso duns 15 minutos ou ata que estean douradas.
  9. Logo de sacalas do forno podes empoalas con azucre moído ou darlles brillo con xelatina.

 

Notas:

  • Se a masa ficase un pouco branda botariámoslle máis fariña e se fora ó revés botariámoslle leite ou auga.
  • Estas mediaslúas non saen coma as compradas, é dicir non saen con follado, teñen a forma pero son coma as bolas de leite.

 

 

Tempo: 40 minutos                                                               Comensais: segundo as pezas que saian