Mar 9 Xuñ 2020
Alcachofas recheas con champiñóns, paté e ovos de paspallás
Posted by Crisanto under Caldos, cocidos e verduras, Cociña galega
No Comments
Alcachofas recheas con champiñóns, paté e ovos de paspallás
Ingredientes:
- 12 alcachofas frescas
- 100 g de champiñóns
- 50 g de cebola tenra
- 1 dente de allo
- 30 g de paté
- 12 ovos de paspallás
- 20 g de queixo relado
- 1 grolo de vinagre
- Perexil
- Pementa negra moída
- Aceite de oliva e sal
Para o bechamel:
- 20 g de fariña
- 15 g de manteiga
- 250 ml de leite gordo
Preparación:
- Acendémolo forno a 180ºC para que vaia quecendo.
- Lavámolas alcachofas, sacámoslle o pé e asámolas no forno polo decurso unha hora.
- Entrementres, picámolos champiñóns en anacos miúdos e refogámolos xunto coa cebola e o allo, picados, nunha tixola con aceite. Cando estean pómolos no seu punto de sal e pementa e reservámolos.
- Mentres tamén, facemos o bechamel e para iso desfacémo-la manteiga nunha cazarola; despois, botamos a fariña que cociñamos durante uns 2-3 minutos para sacarlle o gusto a fariña crúa; logo diso, engadímo-lo leite quente e remexemos deseguido coas variñas de man, a fogo medio durante uns 3 minutos, ata que espese. Pómolo no seu punto de sal. Ten que ficar algo lixeira.
- Logo de ter asadas as alcachofas, sacámoslle as follas duras, cortámoslle a cabeza case pola metade, baleirámo-lo corazón cunha culleriña e dámoslle un pequeno corte na base para que se teñan en pé.
- Reenchémolas cos champiñóns reservados e por enriba pomos algo de paté.
- Agora escalfámo-los ovos de paspallás e para iso pomos ó lume forte unha cazarola cun dedo e medio de auga co grolo de vinagre e cando ferva con forza botamos no centro cadanseu ovo cascado e cando a clara este callada por fora afastámolos.
- Pómo-los ovos escalfados en cadansúa alcachofa; por último cubrímolas co bechamel e empoámolas co queixo relado.
- Metémolas ó forno a grellar durante uns 5 minutos ata que colla algo de cor dourada
- Servímolas en pratos chairos decoradas con folliñas de perexil.
Nota:
- Os ovos de paspallás tamén os podes pór fritidos.
- Os pés das alcachofas pelámolos e gardámolos para outra ocasión
Tempo: 80 minutos Comensais: 4
No Responses to “ Alcachofas recheas con champiñóns, paté e ovos de paspallás ”