Marmelada de cabaza amarela e laranxa

 

Ingredientes:

  • 1 kg de cabaza limpa
  • 500 g de laranxa limpa
  • 600 g de azucre
  • 1 limón (o zume)
  • A casca das laranxas
  • 1 vaíña de vainilla
  • 1 cravo de olor

 

Descrición:

  1. Sacámoslle a casca mailas pebidas a cabaza e cortámola en anacos pequenos.
  2. Lavamos y pelámo-las laranxas cun pelador para obter a pel o máis delgadiña posible, sen a parte branca, logo desbotamos a parte branca, abrímolas en cuarteiróns e picámo-las sacándollas pebidas, se as tiveran.
  3. Cortámo-las cascas en tiras finiñas e cocémolas en 3 augas diferentes polo decurso de 5 minutos cada vez. Deste xeito sacámoslles o amargor que tiveran. Reservámolas para engadírmolas cando a marmelada estea feita.
  4. Botamos a polpa das laranxas nunha cazarola xunto coa vainilla mailo cravo de olor e por enriba delas o azucre as cascas, se prefires que lle dean amargor, mailo zume de limón e deixámolo, tapado co testo ou con filme transparente, repousando na neveira ou nun sitio fresco durante unhas 8 horas. Logo diso decataraste que na cazarola hai moito zume, que o soltaron a cabaza mailas laranxas pola acción do azucre.
  5. Pasado o tempo de repouso, pómolo a cocer polo decurso de aproximadamente de 1 hora, ata que estea no seu punto. Cara ó final teremos que deixalo a lume maino e remexer case de seguido para que non salpique nin se apegue. Non esquezas retira-lo cravo de olor
  6. A marmelada está no seu punto cando botando marmelada nun prato, esta non esbarre e o pasar a culler pola marmelada do prato facendo un suco, este non baixe, entón é cando a afastamos do fogo e a deixamos que arrefríe un chisco.
  7. Aínda quente, metémola en tarros de cristal ben esterilizados xunto coas tapas en auga fervendo e logo tapámolos coas tapas algo quentes para que cerren mellor.

 

Notas:

  • Se as laranxas son de tenda hai que fregalas ben con auga quente e un estropallo, pois as veces réganas con cera para darlles lustre.
  • Para conservar a marmelada podemos metela en tarros de cristal coa súa correspondente tapa e conxelalos ou metelos ó baño maría polo decurso de polo menos 40 minutos, se o facemos en cazarola con testo normal, ou 10 minutos en ola rápida, co marcador ó máximo, deixando logo arrefriar, en ámbolos dous casos, enriba do lume apagado.
  • Se che gusta a marmelada algo amarga non cozas as peles aparte ou cóceas menos veces.

 

Tempo: 60 minutos sen contar o repousado e o esterilizado