Xov 30 Abr 2020
Alcachofas reenchidas de bacallau
Posted by Crisanto under Cociña galega, Peixes e outros produtos do mar
No Comments
Alcachofas reenchidas de bacallau
Ingredientes:
- 24 alcachofas
- 1 limón
Para o recheo
- 400 g de bacallau
- 200g de cebola branca
- 2 pementos do piquillo
- 1 pemento verde italiano (100g)
- 2 dentes de allo
- Aceite de oliva virxe e sal
Para a salsa
- 1 cebola (300g)
- 1 dente de allo
- 2 pementos chouriceiros secos
- 500 ml de caldo de peixe
- Aceite de oliva virxe e sal
Preparación:
- Se o bacallau non está desalgado metémolo en auga dentro da neveira, entre 24, 36 e 48 horas segundo sexa de groso e mudándolla a auga cada 8 horas, logo diso secámolo, sacámoslle as arganas maila pel e cortámolo en dados de 1cm. aproximadamente
- Limpámo-las alcachofas sacándolle as follas de fora ata que saian tenras, cortámoslles algo máis da metade cara a punta, e metémolas en auga con zume de limón para que non oxiden.
- Cocémo-las alcachofas en auga con sal e unha cullerada de fariña, durante uns 15-18 minutos; cando rematen de coceren metémolas en auga ben fría, para cortar a cocción; escoámolas e cunha culleriña baleirámolas polo centro, para facer o oco onde meter o recheo, facémoslle un corte no cu para que se teñan en pé. Reservámolas
- Ó mesmo tempo facémo-la salsa e para iso limpámolos pementos chouriceiros e pómolos a remollo en auga quente. Cando estean moles afastámo-la carne da pel cun coitelo e reservámo-la carne esmiuzada.
- Nunha tixola cun chisco de aceite amolecémo-la cebola mailo dente de allo picadiños, a fogo maino e cun chisco de sal.
- Cando estean ben moles engadímo-la carne dos chouriceiros1 cullerada de fariña e logo de refogala, botámo-lo caldo e deixamos cocer durante 20 minutos. Logo diso triturámolo e reservámolo. Se ficara espesa demais diluímola con auga. Reservamos esta salsa
- Facémo-lo amoado para o recheo Nunha tixola cun fondo de aceite amolecémo-la cebola mailo allo picados; logo diso engadímo-los pementos do piquillo picados mailo bacallau e deixámolo refogar durante uns minutos. Rematamos engadíndolle unhas culleradas da salsa e reservámolo.
- Reenchemos con este amoado as alcachofas, arrombámolas nunha bandexa de levar ó forno, regámolas coa salsa e metémolas ó forno a 200 ºC ata que estean quentes.
- Servímolas en pratos chairos decorados cun fío de aceite de perexil.
Tempo: 45 minutos Comensais: 4-6