Torta de mazá e crema de améndoas

 

Ingredientes:

Para a base:

  • 340g de fariña triga
  • 170g de manteiga sen sal
  • 170g de azucre
  • 4 ovos, as claras
  • 1-2 culleradas de auga fría
  • 1 chisco de sal

Para o crema de améndoas:

  • 250g améndoas moídas
  • 200g de manteiga sen sal
  • 150 g de azucre
  • 60 g de fariña triga
  • 4 ovos, as xemas
  • 2 culleradas de nata de montar

Para o recheo de mazá:

  • 4 mazás
  • 20g de manteiga
  • 3 culleradas de azucre
  • 4 mazás máis

Preparación:

  1. En primeiras acendémolo forno a 200ºC para que vaia quecendo.
  2. Facémo-la base mesturando nunha cunca a fariña coa manteiga fría cortada en liscos pequenos, o azucre, mailas claras e o sal; mesturámolo todo esmagándoo entre as palmas das mans ata ter unha masa homoxénea pero non moi traballada engadíndolle a auga  entrementres a amasamos.
  3. Pisamos a masa ata deixala duns 2-3 cm de groso, deste xeito arrefría mellor, envolvémola en filme transparente e deixámola na neveira arrefriando coma uns 30-40 minutos.
  4. Entrementres arrefría, facémo-la crema de eméndoas e para iso mesturamos nunha cunca, coa axuda das variñas de man, tódolos ingredientes da mesma e reservámola.
  5. Entrementres tamén, facémo-lo recheo de mazá: pelámo-las mazás, sacámoslles as pebidas e nunha cazarola facemos unha compota xunto co azucre e a manteiga. Reservámola
  6. Pelámolas outras 4 sacámoslles as pebidas e cortámolas en medias lúas. Reservámolas.
  7. Montámola torta e para iso sacámola masa da neveira, partímola cun coitelo en dúas partes deixando unha delas un pouco máis grande que a outra e estriámolas co rolete ata deixalas delgadiñas, duns 2 mm de groso.
  8. Cubrimos coa parte máis grande o fondo mailas paredes dun molde redondo, desmontable, engraxado e enfariñado; recortamos o sobrante. Dentro do molde botamos a crema de améndoas ben repartida,; logo repartimos a compota ó redor facendo unha coroa e arrombámolas lúas de mazá cubrindo toda a torta de xeito radial. Tapamos todo coa outra masa que tiñamos estirada e recortamos o que sobra polo redor.
  9. Por último, metémola ó forno polo decurso duns 40 minutos ata que doure.
  10. Logo diso quitámola do forno e cando amorne sacámola do molde e empoámola con azucre moído.

Nota:

  • Se tés ocasión e dispós de nata caseira, obtida de ferver ó leite, podes empregala; é moito máis sabedeira que a nata industrial.

 

 

Tempo: 90 minutos                                                  Comensais: 6 ou máis