Peixe sapo con berberechos

 

Ingredientes:

 

  • 1 Kg de peixe sapo (a cola coa espiña)
  • 400 g de berberechos
  • 4 dentes de allo
  • 100 g de cebola nova
  • 100 g de pemento piquillo asado
  • 50 ml de viño branco
  • 200 ml de caldo de peixe
  • 1 pementa de Caiena
  • 2 culleradas de perexil picado
  • Pementa negra moída
  • Aceite
  • Sal

 

Preparación        

 

  1. Pómo-los berberechos en auga con sal durante unha hora para que solten ben a area.
  2. Logo diso lavámolos e escoámolos. Pomos unha tixola con aceite ó lume e salteamos nela os berberechos que imos afastando segundo vaia abrindo. Reservámo-los berberechos mailo caldo que soltaron.
  3. Cortámo-la cola do peixe sapo en rodas e salgámolas, botámoslle pementa moída e enfariñámolas. Facémolas nunha tixola cun chisco de aceite case á prancha para que douren por fora pero queden crúas por dentro. Reservámolas nunha pota ampla e baixa
  4. Logo, na mesma tixola e botando algo máis de aceite amolecémo-la cebola xunto cos dentes de allo moi picadiños durante uns 5 minutos a fogo maino sen que se queime, cando estea a medio amolecer, engadímoslle o viño branco, o caldo dos berberechos, o caldo de peixe, a pementa de Caiena en anacos miúdos e unha cullerada de perexil picado. Deixamos que se faga e concentre durante uns 10 minutos.
  5. Botamos  sobre o peixe sapo reservado, este prebe, os berberechos, os pementos de piquillo cortados en aros; dámoslle un fervedela duns minutos para que se faga o peixe e servímolo quente empoado con perexil picado e fresco

 

 

Comensais: 4                                                Tempo: 20 minutos