Mér 1 Nov 2017
Crumble de mazás
Posted by Crisanto under Cociña galega, Sobremesas
Comentarios desactivados en Crumble de mazás
Crumble de mazás
Ingredientes:
- 4-5 mazás golden
- 1 culleradiña de canela
- 2 culleradas de azucre
- 10 g de manteiga
- 1 copa de brandy
- Xeado de vainilla
Para a masa crumble:
- 150 g de fariña triga
- 70 g de manteiga de leite
- 70 g de azucre
- 70 g de fariña de castañas
- 1 chisco de sal
Preparación:
- Acendémolo forno a 180 ºC para que vaia quecendo.
- Facémo-la masa crumble e para iso mesturamos as dúas fariñas, co azucre; logo engadímo-la manteiga fría e cortada en dados mesturando coas mans ó mesmo tempo que esmagamos a manteiga entre as palmas das man deslizando unha sobre outra de xeito que nos quede unha mestura areosa e solta.
- Pelámo-las mazás, sacámoslles o carozo e cortámolas en dados de 1-2 cm.
- Nunha tixola botámo-la manteiga xunto coas mazás maila canela, cociñámolas uns 3 minutos a fogo medio, engadímo-lo brandy, pegámoslle fogo e afastamos do lume.
- Logo diso botámo-las mazás nun molde redondo (24cm) engraxado con manteiga.
- Botamos a mestura crumble por enriba cubrindo ben todo e metémolo ó forno polo decurso duns 35-45 minutos ata que fique dourado.
- Servímolo quente acompañado co xeado.
Notas:
- Podes empregar outra clase de mazás ou outro tipo de froitas coma pexegos, peras, uvas, etc
- Para facer a fariña de castañas, pélaas ben, cóceas o vapor e cando estean cocidas secas tritúraas co aparello do batedor eléctrico.
- En troques de fariña de castañas podes empregar améndoas moídas ou sen moer, noces, abelás, etc.
- Calquera xeado lle vai ben.
Tempo: 60 minutos Comensais: 6-8
No Responses to “ Crumble de mazás ”
Sorry, comments for this entry are closed at this time.