Archive for Novembro, 2017

Torta de castañas

 

Ingredientes:

Para a masa quebrada:

  • 200 g. de fariña
  • 100 g. de manteiga de leite
  • 1 ovo
  • 50 g. de azucre
  • ½ copa de brandy
  • 1 chisco de sal

Para o amoado:

  • 200 ml. de nata para montar
  • 150 g. de azucre moído
  • 4 claras de ovo
  • 20 g. de manteiga de leite
  • 1 cullerada de brandy
  • 250 g de castañas.
  • Un bo xeado

 

Preparación:

  1. Acendémo-lo forno a 180ºC para que vaia quecendo.
  2. Facémo-la masa quebrada e para iso mesturamos tódolos ingredientes e amasámolos coas mans, non ten que quedar moi amasada. Deixámola na neveira coma 30-45 minutos e logo estirámola e forramos con ela un molde redondo (uns 20cm.Ø) baixo e con ondas engraxado e enfariñado. Recortámo-lo sobrante, que reservamos, e metémolo ó forno logo de pica-la masa cun garfo, cuberta con papel de aluminio e cuns legumes secos por enriba. Témolo no forno uns 20 minutos. Logo disto deixámolo arrefriar e reservámolo.
  3. Facémoslle un corte ata a metade ás castañas e cocémolas con auga e sal durante uns 20 minutos e logo de pelalas triturámolas e facemos puré. Reservamos 6 castañas enteiras, cocidas e sen pel para adornar.
  4. Pómo-lo puré de castañas nun cazo xunto co brandy e a manteiga e cociñámolo ó baño maría uns 5 minutos; afastámolo do lume e deixámolo arrefriar.
  5. Metémo-lo puré xa frío nunha manga, facemos unha camada en espiral cubrindo o fondo da masa quebrada alisámola cunha espátula. Reservámolo.
  6. Batémo-la nata, ben fría, xunto con 75 g. azucre moído coas variñas do batedor eléctrico ata que estea ben montada.
  7. Batemos tamén as claras algo mornas e cun chisco de sal coa axuda das variñas eléctricas e cos outros 75 g. de azucre ata ter telas a piques de neve.
  8. Mesturamos cunha espátula a nata montada co merengue e logo de metelas nunha manga pasteleira botamos unha camada por enriba da crema de castañas.
  9. Decorámola coas castañas enteira e cocidas.
  10. Métese no frigorífico para que arrefríe e sérvese acompañada con xeado ó gusto.

 

 

Tempo: 60 minutos                                                   Comensais: 6-8

Biscoito de chocolate con castañas

 

Ingredientes:

  • 250g. de castañas
  • 175g de chocolate negro
  • 100g. de manteiga de leite
  • 200g. de azucre
  • 100g. de fariña
  • 1/2 sobre de fermento en po (8g)
  • 3 ovos
  • Cacao en po
  • 1 chisco de sal

 

Preparación:

  1. En primeiras acendémo-lo forno a 180ºC para que estea quente cando haxa que meter o biscoito
  2. Rachámo-las castañas cun coitelo ata a metade e cocémolas con auga e sal durante uns 20 minutos. Logo diso pelámolas e reservámolas
  3. Logo de esnacalo chocolate e cortala manteiga en dados, desfacémolos nunha cunca ó baño maría ou no microondas, póndoo os poucos para controlalo, sacándoo e remexéndoo cada vez ata que estea desfeito. Ter ollo co microondas non sexa que queime o chocolate.
  4. Nunha cunca fonda batémolo ovos cun batedor de variñas eléctrico , xunto co azucre, ata que dobre ou triplique o volume. Neste intre engadimos un belisco de sal para potenciar o sabor.
  5. Engadimos entón o chocolate desfeito e morno, mesturando cunha espátula e con movementos envolventes para que non baixe.
  6. Seguimos logo engadindo, os poucos, a fariña mesturada co fermento e coados cun coador de arame ó tempo que imos mesturando coa espátula.
  7. Esnacamos as castaña cocidas en anacos non moi pequenos e engadímolos ó amoado mesturando coa espátula.
  8. Botámo-lo amoado nun molde, mellor desmontable, engraxado e empoado con cacao en po
  9. Metémolo o forno a 180ºC polo decurso duns 25 minutos. Este tempo pode parecer pouco pero este biscoito ten que estar cocido pero ó mesmo tempo húmido.

 

Tempo: 45 minutos                                                   Comensais: 6-8

Rolo de linguado con crema de castañas

 

Ingredientes:

  • 4 linguados de ración
  • 8 liscos de touciño entrefebrado curado
  • 1 cabaciña
  • Viño branco galego
  • Caldo de peixe
  • Sal

Para gornición:

  • 2 cenorias
  • 200 g de brócoli
  • 150 g de cabaciña ( ½ cabaciña)
  • Aceite de oliva
  • Sal

Para a crema de castañas:

  • 250 g de castañas
  • 350 ml de nata líquida de cociñar
  • Pementa negra e sal

 

Preparación:

  1. Sacámoslle os filetes ós linguados ou pedimos na peixería que nos los saquen; en total 8 filetes. Salgámolos e reservámolos
  2. Facémo-lo caldo cos restos do peixe, as peles, as espiñas mailas cabezas, a parte verde dun allo porro, ½ cebola e unha cenoria cubertos lixeiramente de auga; cocémolo durante media hora, coamos e pómolo no seu punto de sal.
  3. Acendémo-lo forno a 200ºC para que vaia quecendo
  4. Entrementres coce o caldo, podemos ir preparando a crema de castañas, para iso facémoslle un corte ás castaña ata case cortalas de todo e cocémolas durante uns 20 minutos e pelámolas. Pomos nunha cazarola ó lume a nata mailas castañas esmiuzadas e logo de trituralo e botarlle o sal e un chisco de pementa, deixamos que ferva ata que espese un chisco.
  5. Tamén mentres coce, imos preparando a gornición: Pelámo-las cenoria, cortámolas en bastóns e cocémolas en auga con sal durante uns 4 minutos. Cocémolos brócoli cortado en ramiños en auga con sal durante 4 minutos e escoámolo. Cortámo-la ½ cabaciña en bastóns e cocémolos durante 3 minutos. Por último no momento de servir salteámolos un pouco nunha tixola cun chisco de aceite para quentalos.
  6. Lavámo-la cabaciña e cunha mandolina sacámoslle 8 lisco delgados. Pomos enriba dos liscos de cabaciño cadanseu filete de peixe e enrolámolos; logo diso enrolámolos en cadanseu lisco de touciño e picámolos cun palillo para que non se desfagan.
  7. Pomos estes 8 rolos nunha bandexa de levar ó forno, engadímoslle ½ vaso de viño máis outro medio de caldo e metémolos ó forno polo decurso duns 6-8 minutos.
  8. Servímolo pondo no fondo dos pratos a crema de castañas quente, enriba os rolos de peixe acompañados coa gornición.

 

Nota:

  • Podemos preparar do mesmo xeito outros peixes coma rapantes, pescada, bacallau fresco o calquera outro peixe fileteado.

 

Tempo: 40 minutos                                                  Comensais: 4

Coello con castañas

 

Ingredientes:

  • 1 coello
  • 20 castañas cocidas
  • 12 albaricoques secos
  • 1 cebola
  • 1 pemento verde italiano ( 50 g)
  • 2 tomates ben maduriños e pelados
  • 2 cenorias
  • 100 g de touciño entrefebrado
  • Caldo de carne
  • 100 ml de brandy
  • 200 ml de viño branco
  • 2 dentes de allo
  • Perexil
  • Tomiño
  • Aceite e sal

 

Preparación:

  1. En primeiras botamos nunha cunca os albaricoques secos e pómolos a remollo co brandy.
  2. Machucamos allo con perexil e sal e adubámo-lo coello cortado en talladas grandiñas.
  3. Nunha cazarola baixa e ampla con aceite engadímo-las talladas de coello e dourámolo. Cando estea afastámolo da cazarola e reservámolo
  4. Na mesma cazarola engadimos agora a cebola mailo pemento en xuliana, as cenorias picadas xunto co touciño cortado en bastonciños e facémolos a fogo maino En canto estea branda e algo dourada a cebola engadímo-los tomates relados.
  5. Logo dun par de minutos engadímo-lo coello reservado, un pouco de tomiño, o brandy de remolla-los albaricoques, o viño branco e deixamos que evapore o alcohol. Logo botamos caldo de carne ata case cubrilo e deixamos que guise todo xunto uns 25 minutos ou ata que o coello estea feito.
  6. Cinco minutos antes de rematar co guiso engadímo-las castañas mailos albaricoques.
  7. Levámolo á mesa nunha bandexa alongada adornando coas castañas e os albaricoques polo redor.

 

 

Tempo: 60 minutos                                                  Comensais: 4

Marmelada de castañas

 

Ingredientes:

  • 1 kg de castañas
  • 300 g de azucre
  • 100 g de leite condensado

 

Preparación:

  1. Facémoslle un corte ás castañas sen chegar a partilas de todo e cocémolas en auga cun chisco de sal polo decurso duns 20 minutos. Logo diso pelámolas ben sen sacalas da auga para que sexa máis doado facelo.
  2. Pasámolas un par de veces polo esmagador de purés e engadímoslle o leite condensado, o azucre xunto con algo de auga para axudar a disolvelo e cocémolo, a fogo maino, ata que o azucre estea disolvido e quede unha crema algo untuosa.
  3. Xa está pronta para comer cando arrefríe ou para metela en tarros de cristal e esterilizala nunha ola a presión por uns 10-20 minutos, dependendo do tipo de ola.

Notas:

  • Hai que pelalas ben sen deixar nada da casca interior pois logo da un sabor áspero.
  • Hai que ter coidado coa auga, e mellor botarmos de menos e logo engadirmos máis, que pasarse

Tempo: 90 minutos

Crumble de mazás

 

Ingredientes:

  • 4-5 mazás golden
  • 1 culleradiña de canela
  • 2 culleradas de azucre
  • 10 g de manteiga
  • 1 copa de brandy
  • Xeado de vainilla

Para a masa crumble:

  • 150 g de fariña triga
  • 70 g de manteiga de leite
  • 70 g de azucre
  • 70 g de fariña de castañas
  • 1 chisco de sal

 

Preparación:

  1. Acendémolo forno a 180 ºC para que vaia quecendo.
  2. Facémo-la masa crumble e para iso mesturamos as dúas fariñas, co azucre; logo engadímo-la manteiga fría e cortada en dados mesturando coas mans ó mesmo tempo que esmagamos a manteiga entre as palmas das man deslizando unha sobre outra de xeito que nos quede unha mestura areosa e solta.
  3. Pelámo-las mazás, sacámoslles o carozo e cortámolas en dados de 1-2 cm.
  4. Nunha tixola botámo-la manteiga xunto coas mazás maila canela, cociñámolas uns 3 minutos a fogo medio, engadímo-lo brandy, pegámoslle fogo e afastamos do lume.
  5. Logo diso botámo-las mazás nun molde redondo (24cm) engraxado con manteiga.
  6. Botamos a mestura crumble por enriba cubrindo ben todo e metémolo ó forno polo decurso duns 35-45 minutos ata que fique dourado.
  7. Servímolo quente acompañado co xeado.

Notas:

  • Podes empregar outra clase de mazás ou outro tipo de froitas coma pexegos, peras, uvas, etc
  • Para facer a fariña de castañas, pélaas ben, cóceas o vapor e cando estean cocidas secas tritúraas co aparello do batedor eléctrico.
  • En troques de fariña de castañas podes empregar améndoas moídas ou sen moer, noces, abelás, etc.
  • Calquera xeado lle vai ben.

Tempo: 60 minutos                                                               Comensais: 6-8

Tronco de castañas

Ingredientes:

  • 1 kg de castañas
  • 250 g de manteiga
  • 250 g de azucre
  • 10 g de azucre vainillado
  • 2 culleradas de augardente, ron ou brandy

Para a cobertura:

  • 200 g de chocolate negro
  • 40 g de manteiga de leite

 

Descrición:

    1. En primeiras temos que pela-las castañas e para iso podemos facer varias cousas; unha delas é coce-las castañas, logo de facerlles un corte, en auga fervendo durante uns 20 minutos e despois pelalas; outra é arrincarlles un anaco de casca, para que non estouren, e asalas nunha tixola a fogo forte, ata que vexamos que as podemos pelar a terceira é sacarlles a casca de fóra, logo polas nunha tixola a lume forte ata que a pel comeza a romper e pelámolas;
    2. Nos dous derradeiros casos, logo de pelalas, cocémolas ó vapor durante uns 30 minutos, e triturámolas co aparello do batedor eléctrico.
    3. Logo diso. Quentámolas no microondas ata que estean algo mornas . engadímoslles a manteiga, ós poucos, os azucres maila augardente e mesturámolo ben ata ter unha masa firme pero branda.
    4. Botamos esta masa nun molde alongado e alto cuberto de papel de enfornar, premémolo, alisámolo e metémolo na neveira durante uns 3. 4 horas.
    5. Entrementres, derretémolo chocolate ó baño maría xunto coa manteiga.
    6. Pasado o tempo da neveira desmoldámolo, sacámoslle o papel e cubrímolo co chocolate facéndolle cun garfo unhas liñas ó longo coma se fose a casca dunha árbore.
    7. Servímolo frío cortado en rebandas.Notas:
    8.  
  • A fariña que se obtén ó tritura-las castañas podes empregala noutras receitas coma biscoitos, ou calquera outra que che apeteza.
  • Tamén as podes cocer en leite ou auga pero deste último xeito perden moito sabor.
  • Podemos acompañalo cunha salsa de amorodos feita con marmelada de amorodos mesturada con auga (metade por metade) ou cun xeado do noso gusto.
  • Con esta mesma mestura de castañas podes presentalo do xeito clásico, é dicir facendo un biscoito delgado sobre unha placa, emborrachalo, enchelo coas castañas e logo cubrilo con chocolate ou con nata montadaTempo: 50 minutos                                                   Comensais: 4-6

 

Torta de castañas e améndoas

 

Ingredientes:

Para a base:

  • 200 g de galletas maría torradas
  • 150 g de manteiga de leite
  • 50 g de fariña de améndoas
  • 1 grolo de brandy

Para o recheo:

  • 4 ovos grandes
  • 4 culleradas de azucre
  • 1 cullerada de azucre vainillado
  • 300 ml de nata líquida
  • 100 g de fariña de castañas
  • 6 ou máis biscoitos de soletilla
  • 1 copiña de brandy
  • 100 g de améndoas picadas e torradas
  • 100 g de castañas cocidas enteiras
  • 10 castañas asadas e cortadas en cuartos
  • Almibre lixeiro (100 ml de auga+50 g de azucre)

 

Preparación:

  1. En primeiras acendémo-lo forno a 180ºC para que vai quecendo
  2. No aparello picador do batedor eléctrico picamos, trituramos por separado as galletas maría, os 50 g de améndoas mailos 100 g de castañas cocidas para deixalas coma fariña.
  3. Nunha cunca mesturámo-las galletas trituradas coa fariña de améndoas maila manteiga abrandada e o grolo de brandy; mesturamos coas mans e cubrimos con esta mestura o forno dun molde redondo, que metemos ó forno durante uns 5 minutos.
  4. Noutra cunca pomos os ovos mailos azucres e batémolos coas variñas eléctricas ata que branquexen e escumen un pouco.
  5. Logo diso engadímoslle a nata, a fariña de castañas, as améndoas picadas os biscoitos de soletilla, máis unha copiña de brandy e mesturámolos ben ata ter un amoado espeso.
  6. Botamos este amoado no molde frío e repartimos por enriba os anacos de castañas tendo coidado que non afundan.
  7. Metémo-lo molde ó forno polo decurso duns 45 minutos ata que a torta estea dourada por arriba.
  8. Quitámola do forno, deixámola arrefriar e pintámola co almibre para que colla brillo.

 

Notas:

  • Se non atopas castañas peladas podes mercalas ó natural, sacarlles a casca de fóra e logo polas nunha tixola a fogo forte ata que poidas afastarlles a pel de dentro.
  • Para facer fariña de castañas coces as castañas peladas o vapor durante uns 30 minutos e logo de secas e frías podes trituralas co aparello do batedor eléctrico.

 

 

Tempo: 90 minutos                                                   Comensais: 6-8