Albóndegas con ovos agochados

 

Ingredientes:

Para as albóndegas

  • 8 ovos
  • 400 g de carne picada de porco
  • 1 cebola nova (100g)
  • 1 allo porro, a parte branca
  • 1 dente de allo
  • 1 cullerada de perexil picado
  • 1 ovo
  • Pementa branca
  • Fariña, ovo e pan relado para rebozar
  • Aceite de oliva e sal

 

Para o prebe:

  • 1 cebola grande (300g)
  • 1 pemento verde italiano (100g)
  • ½ pemento vermello (150g)
  • 1 allo porro, a parte verde
  • 1 cenoria
  • 2 culleradas de tomate fritido
  • Caldo de carne

 

 

 

Elaboración:

  1. Pomos a cocer os ovos en auga con sal polo decurso duns 8 minutos; logo diso arrefriámolos, sacámoslles a casca e reservámolos.
  2. Namentres, picamos miudiños a cebola nova mailo allo porro e amolecémolos nunha tixola cun fondo de aceite e un chisco de sal.
  3. Logo diso mesturámolos coa carne picada mailo allo sen o xermolo para que non repita mailo perexil moi picadiños, o ovo batido, o sal necesario, pementa ó gusto e amasamos coas mans ben limpas.
  4. Afastamos uns 50 g desta mestura e co resto facemos 16 partes iguais.
  5. Cortámo-los ovos pola metade ó longo, sacámoslle a xema, mesturámola cos 50 g de carne afastada e reenchemos os ocos dos ovos.
  6. Esmagamos os 16 anacos de carne picada que temos reservados, facemos obleas redondas coas que envolvemos os ovos reenchidos e facemos 16 albóndegas
  7. Rebozámolas en fariña, e ovo e fritímolas en aceite ben quente; logo diso botarémoslles o prebe que faremos despois e deixarémolas cocer nel durante uns 5 minutos.
  8. Para facer o prebe, amolecemos, nuns 50 ml do mesmo aceite de fritirmos as albóndegas, a cebola, os pementos verde e vermello, a cenoria e a parte verde do allo porro, todos eles picados; cando estean moles, engadímo-lo tomate mailo caldo e deixamos cocer durante uns 15 minutos; logo diso triturámolo e botámolo nas albóndegas cos ovos agochados. Deixamos que cozan xuntos uns 2 minutos.

 

Nota:

  • Se o prebe ficara pouco espeso podemos espesalo desfacendo maicena en aceite e engadirlla  ó prebe. Tamén podemos botar, sempre coada, fariña desfeita en auga fría.
  • O mellor é comelas logo de darlles unhas horas ou ata 1 día de repouso.
  • Tamén podemos trocar o prebe por unha fritada de cebola e pemento verde italiano cortado en tiras e pemento vermello asado, tamén en tiras e algo de tomate fritido

 

 

  • Tempo: 50 minutos                                       Comensais: 4 persoas