Alcachofas recheas de xamón

 

Ingredientes:

  • 16 alcachofas
  • 300 g xamón en liscos de 3-4 mm de groso
  • 2 cebolas novas
  • 1 dentes de allo pequeno
  • 2 ovos
  • 100 ml de viño branco galego
  • Pan relado
  • Aceite de oliva, sal e perexil

 

Preparación:

  1. Limpámo-las alcachofas das folla duras de fora e cortámolas pola metade ó través ata chegar ó corazón tenro. Untámolas con limón e metémolas en auga con zume de limón pata que non oxiden entanto as limpamos. Aproveitamos tamén os talos que pelamos e cocemos xunto coas alcachofas en auga con sal e unha poliña de perexil, polo decurso duns 20-25 minutos. Afastámolas do lume escoámolas ben e cando arrefríen  baleirámolas cunha culleriña no medio e facémoslle un corte liso na base para que se manteñan de pe.
  2. Pómo-los ovos a cocer por uns 8 minutos, logo diso arrefriámolos pelámolos e picámolos.
  3. Acendémolo forno a 220-240ºC para que vaia quecendo.
  4. Amolecemos a cebola moi picadiña nunha tixola con aceite e cando estea ben mol engadímo-lo xamón picado e logo de refogalo un pouco botámo-lo viño branco e deixamos reducir. Logo diso botámo-lo ovo picado mailos talos e restos das alcachofas tamén picados
  5. Pómo-las alcachofas baleiradas nunha bandexa de levar ó forno e enchémolas coa zaragallada anterior; picamos moi miudiño o dente de allo mesturámolo co pan relado e empoamos con esta mestura as alcachofas antes de metelas ó forno durante uns 5 minutos.
  6. Servímolas decoradas cunhas folliñas de perexil

 

 

Tempo: 40  minutos                                      Comensais: 4