Marmita ou marmitako de bonito

Ingredientes:
• 500 g de bonito fresco ou atún
• 6 patacas medianas
• 200 g pementos verdes
• 200 g pemento vermello
• 2 cebolas vermellas
• 2 pementos secos ou pemento doce
• 2 dentes de allo
• Caldo de peixe
• Aceite de oliva e sal

Preparación:
1. Sacámoslle a pel, as arganas e a parte negra ó bonito, cortámolo en anacos medianos e reservámolo.
2. Facemos un caldo de peixe coa pel, arganas, e a parte negra mais unha cebola, porro, cenoria e allo.
3. Pomos a remollo os pementos secos en auga ben quente durante unha media hora e reservámo-la polpa logo de sacarlla rascando cun coitelo.
4. Nunha cazarola de tamaño medio con uns 50 ml de aceite botamos a cebola picada, un pouco de sal e amolecémola ben, cando xa estea mol engadímo-los pementos mailos dentes de allo picados todos miúdos e deixamos que se fagan ata que estean brandos; no último momento engadimos a polpa dos pementos secos. Podemos tritura-la cebola e os pementos cando xa estean feitos.
5. Entanto, pelamos, limpamos e escachámolas patacas (non as cortamos) en anacos do tamaño dunha noz e engadímolas a cazarola e refogámolas uns minutos coas verduras.
6. Engadímolo caldo de peixe quente cubrindo as patacas con 1-2 dedos de auga non máis; ten que quedar caldoso para comer con culler e deixamos cocer uns 25-30 minutos ata que as patacas comecen a esfarelarse un pouco e a engorda-lo caldo.
7. Afastámolo do lume e seguido engadímo-lo bonito.
8. Deixámolo repousar 10 minutos e arranxámolo de sal antes de servilo quente.
Notas:
• A marmita ou marmitako de bonito é un prato de pescadores do vascos que se estendeu por toda a costa; o máis enxebre é o de bonito, pero pódese facer con outros peixes, como bacallau, xurelo, cabala, pescada, luras, etc
• Podemos engadir 2 tomates ben maduros ou salsa de tomate fritido en troques dos pementos secos; mais deste xeito o marmitako di algo máis acedo.

Tempo: 45 minutos
Comensais: 4