Ensalada de bonito e patacas

Ingredientes:
• 300g. de bonito fresco (1 roda)
• 300g. de patacas pequenas
• 3 ovos
• 1 cenoria
• 1 cebola verde
• ½ pemento vermello
• ½ pemento verde
• 1 tomate maduro
• Olivas negras
• Vinagre de xerez
• Aceite
• Sal

Preparación:
1. Cocémo-la roda de bonito en auga con sal durante 20 minutos, deixámola arrefriar ma auga e logo de limpalo de peles, sangue e arganas esnacámolo en pedazos un pouco grandes. Reservámolo
2. Lavámo-las patacas e cocémolas enteiras e sen pelar en auga e sal por uns 25 minutos ou más segundo sexan de grandes. Logo de arrefrialas, pelámolas, cortámolas en cuartos ou en rodas se son algo máis grandiñas e reservámolas.
3. Xunto coas patacas cocemos tamén os ovos, picados cun alfinete pola parte gorda para que saia o aire e non rebenten, maila cenoria sen pelar. Os ovos sacámolos logo de coceren 8 minutos e a cenoria logo dos 13. Arrefriámolos.
4. Sacámoslle a casca ós ovos, pelámo-la cenoria e cortámolos en rodas. Reservámolos
5. Cortámo-los pementos, logo de lavalos e sacarlles as sementes, en anacos mediados, duns 2x2cm. Quitámoslle as sementes ó tomate e cortámolo en anacos algo máis pequenos que os pementos. Cortamos a cebola en anacos coma os do tomate. Salgámolo todo e reservámolo.
6. Mesturámolo todo, agás o ovo, nunha cunca fonda e pasámolo a unha bandexa de presentación.
7. Adornámolo cos ovos e as olivas negras e regámolo cunha vinagreta feita con 9 culleradas de aceite de oliva e 3 de vinagre
Notas:
Para esta ensalada empregamos bonito fresco (tunnus alalunga, atún branco) moi saboroso e apreciado pare este tipo de receitas; isto non quita que poidas empregar outra clase de atún, fresco, en aceite ou se che peta en vinagre; neste derradeiro caso ollo logo ó aliñar coa vinagreta.
• Os pementos son dos de asar; neste caso van crus pero podes asalos se non che gustan así.
Tempo: 1 hora
Comensais: 4 persoas