Archive for Xuño 28th, 2015

Marmita ou marmitako de bonito

Ingredientes:
• 500 g de bonito fresco ou atún
• 6 patacas medianas
• 200 g pementos verdes
• 200 g pemento vermello
• 2 cebolas vermellas
• 2 pementos secos ou pemento doce
• 2 dentes de allo
• Caldo de peixe
• Aceite de oliva e sal

Preparación:
1. Sacámoslle a pel, as arganas e a parte negra ó bonito, cortámolo en anacos medianos e reservámolo.
2. Facemos un caldo de peixe coa pel, arganas, e a parte negra mais unha cebola, porro, cenoria e allo.
3. Pomos a remollo os pementos secos en auga ben quente durante unha media hora e reservámo-la polpa logo de sacarlla rascando cun coitelo.
4. Nunha cazarola de tamaño medio con uns 50 ml de aceite botamos a cebola picada, un pouco de sal e amolecémola ben, cando xa estea mol engadímo-los pementos mailos dentes de allo picados todos miúdos e deixamos que se fagan ata que estean brandos; no último momento engadimos a polpa dos pementos secos. Podemos tritura-la cebola e os pementos cando xa estean feitos.
5. Entanto, pelamos, limpamos e escachámolas patacas (non as cortamos) en anacos do tamaño dunha noz e engadímolas a cazarola e refogámolas uns minutos coas verduras.
6. Engadímolo caldo de peixe quente cubrindo as patacas con 1-2 dedos de auga non máis; ten que quedar caldoso para comer con culler e deixamos cocer uns 25-30 minutos ata que as patacas comecen a esfarelarse un pouco e a engorda-lo caldo.
7. Afastámolo do lume e seguido engadímo-lo bonito.
8. Deixámolo repousar 10 minutos e arranxámolo de sal antes de servilo quente.
Notas:
• A marmita ou marmitako de bonito é un prato de pescadores do vascos que se estendeu por toda a costa; o máis enxebre é o de bonito, pero pódese facer con outros peixes, como bacallau, xurelo, cabala, pescada, luras, etc
• Podemos engadir 2 tomates ben maduros ou salsa de tomate fritido en troques dos pementos secos; mais deste xeito o marmitako di algo máis acedo.

Tempo: 45 minutos
Comensais: 4

Ensalada de bonito e patacas

Ingredientes:
• 300g. de bonito fresco (1 roda)
• 300g. de patacas pequenas
• 3 ovos
• 1 cenoria
• 1 cebola verde
• ½ pemento vermello
• ½ pemento verde
• 1 tomate maduro
• Olivas negras
• Vinagre de xerez
• Aceite
• Sal

Preparación:
1. Cocémo-la roda de bonito en auga con sal durante 20 minutos, deixámola arrefriar ma auga e logo de limpalo de peles, sangue e arganas esnacámolo en pedazos un pouco grandes. Reservámolo
2. Lavámo-las patacas e cocémolas enteiras e sen pelar en auga e sal por uns 25 minutos ou más segundo sexan de grandes. Logo de arrefrialas, pelámolas, cortámolas en cuartos ou en rodas se son algo máis grandiñas e reservámolas.
3. Xunto coas patacas cocemos tamén os ovos, picados cun alfinete pola parte gorda para que saia o aire e non rebenten, maila cenoria sen pelar. Os ovos sacámolos logo de coceren 8 minutos e a cenoria logo dos 13. Arrefriámolos.
4. Sacámoslle a casca ós ovos, pelámo-la cenoria e cortámolos en rodas. Reservámolos
5. Cortámo-los pementos, logo de lavalos e sacarlles as sementes, en anacos mediados, duns 2x2cm. Quitámoslle as sementes ó tomate e cortámolo en anacos algo máis pequenos que os pementos. Cortamos a cebola en anacos coma os do tomate. Salgámolo todo e reservámolo.
6. Mesturámolo todo, agás o ovo, nunha cunca fonda e pasámolo a unha bandexa de presentación.
7. Adornámolo cos ovos e as olivas negras e regámolo cunha vinagreta feita con 9 culleradas de aceite de oliva e 3 de vinagre
Notas:
Para esta ensalada empregamos bonito fresco (tunnus alalunga, atún branco) moi saboroso e apreciado pare este tipo de receitas; isto non quita que poidas empregar outra clase de atún, fresco, en aceite ou se che peta en vinagre; neste derradeiro caso ollo logo ó aliñar coa vinagreta.
• Os pementos son dos de asar; neste caso van crus pero podes asalos se non che gustan así.
Tempo: 1 hora
Comensais: 4 persoas

Bonito con tomate

Ingredientes:
• 2 toros de bonito duns 2-3 cm. de groso
• 1 cebola branca
• 1 pemento verde (100 g.)
• 1 lata de tomate fritido (450 g.)

Descrición:
1. Limpámo-los toros de bonito sacándolles a pel, as arganas a carne negra e salgámolos. Quedarán 8 anacos triangulares.
2. Picámo-la cebola mailo pemento en anacos pequenos e pómolos a amolecer, a fogo maino nunha tixola con aceite. Cando estean feitos engadímo-lo tomate fritido. Non o trituramos.
3. En tanto noutra tixola con aceite a fogo forte, marcámo-las talladas de bonito por cadansúas bandas só para que selen; teñen que quedar crúas por dentro.
4. Pómo-lo bonito nunha tarteira de barro e regámolas co prebe de tomate quente e deixámolos que se fagan xuntos 1 minuto.
5. Deixámo-lo repousar 5 minutos mais, para que termine de facerse por dentro, e servímolo quente.

Notas:
O tomate fritido podes mercalo feito ou facelo ti mesmo con tomates cebola e pemento.
• A min gústame encontrar anacos de cebola e pemento no prebe, pero se queres podes trituralo.

Tempo: 15 minutos
Comensais: 4

Ovos recheos de bonito

Ingredientes:
• 8 ovos
• ½ cebola nova
• ½ pemento doce italiano
• 100 g de bonito en aceite
• 2 culleradas de maionesa
• 1 cullerada de ketchup
• 2 follas de leituga

Preparación:
1. Cun alfinete ou cunha agulla picámo-los ovos na punta grosa para que perdan o aire que teñen alí e non rebenten ó cocelos.
2. Cocémolos ovos en auga con sal uns 8 minutos, arrefriámolos en auga e pelámolos.
3. Cortámolos pola metade ó longo e sacámoslles a xemas. Reservamos as xemas de 2 ovos para adornar.
4. Entanto cocen, amolecemos, a fogo baixo, nunha tixola cun chisco de aceite a cebola picada. Salgamos para que amoleza mellor.
5. Cando estea branda, engadímo-lo pemento picadiño e deixamos que se faga ben. Deixamos arrefriar.
6. Mesturamos a cebola e o pemento coas xemas restantes mailo bonito sen aceite, a maionesa e o ketchup.
7. Enchemos con esta mestura os medios ovos e esparexemos as xemas reservadas pasadas polo pasador de puré..
8. Colocámo-los ovos nunha bandexa de presentación sobre unha cama de leituga picada en xuliana decorándoos cun fío de ketchup por cima dos ovos.

Tempo: 20 minutos
Comensais: 4

Tapa de pemento recheo de bonito

Ingredientes:
• 4 pementos de “piquillo” enteiros para encher
• 100 g. de ventrecha de bonito en aceite
• ¼ de cebola nova doce
• ¼ de pemento verde
• Vinagre de Módena
• Aceite de oliva virxe e sal

Preparación:
1. Sacámoslle o aceite ó bonito e esmigallámolo en anacos pequenos coma un garavanzo e reservámolo
2. Picámo-la cebola mailo pemento miudiños e facemos unha vinagreta con 3 partes de aceite e 1 de vinagre que engadimos ó picado. Deixamos repousar uns 30 minutos.
3. Nunha tixola con aceite facemos un pouco os pementos botándolle un chisco de sal e outro de azucre.
4. Mesturamos o bonito con 1-2 culleres da vinagreta e enchémo-los pementos de “piquillo”.
5. Servímolos fríos postos nun prato regados cun chisco de aceite de oliva virxe para darlles brillo.

Tempo: 15 minutos
Tapas: 4