Rolo de bonito fresco

Ingredientes:
• 1 kg de bonito do norte fresco
• 2 ovos cocido
• 1 pemento vermello asado
• 1 cebola nova
• 2 dente de allo
• Miolo de pan
• 2-3 ovos
• Leite
• Perexil
• Aceite de oliva e sal
• Fariña e ovo para rebozar
Para o prebe:
• 2 cebolas
• 1 folla de loureiro
• 2 pementos secos
• 4 dentes de allo
• 1 ½ vaso de caldo de peixe
• 1 vaso de viño branco
• 1 cullerada colme de fariña
• Aceite de oliva e sal

Preparación:
1. Limpámo-lo bonito sacándolle a pel, as arganas e cortámolo miudiño cun coitelo moi afiado.
2. Pomos de mollo os pementos en auga ben quente uns 20 minutos e sacámoslle o miolo.
3. Facémolo prebe e para iso pomos a amolecer nunha tixola con aceite a cebola xunto cos dentes de allo, a polpa dos pementos, sal e a folla de loureiro.
4. Cando a cebola estea mol engadímoslle o viño branco e deixamos facer ata que a cebola estea ben feita. Cando estea consumido case todo o viño, engadímoslle a fariña e o caldo de peixe, que podemos facer coas espiñas e a pel do bonito. Deixamos facer ata que espese un chisco. Triturámolo e reservámolo.
5. Entanto facémolo prebe, botamos nunha cazarola fonda o bonito picado xunto coa cebola amolecida nun chisco de aceite, o dente de allo, os ovos cocidos, o pemento asado, o perexil, todos eles moi picados e o miolo de pan, mollado en leite esmigallado.
6. Imos botándolle á masa os ovos crus incorporándoos un a un e so os que admita.
7. Logo de mesturalo ben facemos 2 rolos que rebozamos con fariña, ovo batido e fritimos en abondoso aceite ben quente
8. Botámo-lo prebe nunha cazarola, quentámolo a fogo maino e pomos nel os rolos de bonito que deixaremos ferver a fogo maino co testo posto para que se fagan por tódolos lado uns 3-5 minutos. Deixamos repousar uns 5 minutos máis fora xa do lume.
9. Para que non esmigallen ó cortalos deixámolos arrefriar e cortámolos en toros duns 2 cm. de groso e servímolos regados co prebe.

Nota:
• O rolo non hai que cocelo moito no prebe, pois se nos pasamos queda seco
• Podemos acompañar o rolo con mazás reinetas peladas, sen carozo, cortadas pola metade e escaldadas uns 2 minutos en auga.

Tempo: 60 minutos
Comensais: 4 ou máis