Bonito con prebe negro e luras

Ingredientes:
• 2 toros de bonito (500 g)
• 500 g de luras pequenas (8 luras)
• Fariña
• Ovo
• Aceite de oliva e sal
Para o prebe:
• 3 cebolas
• 1 pemento verde
• 2 dentes de allo
• 1 tomate maduro
• ½ vaso de viño branco
• 3sobres de borra de cefalópodos
• 1 culler de fariña
• Aceite de oliva e sal

Preparación:
1. Limpamos ben a luras separando os corpos das cabezas. Sacámoslles a pel de fora e as tripas maila pluma e logo de darlles a volta limpamos ben o de dentro. Hai que sacarlles ás cabezas a parte dos ollos mailo pico e limpar ben os tentáculos, que metemos dentro do corpo. Reservamos
2. Facémo-lo prebe: Pomos nunha cazarola con aceite a cebola, o pemento mailo allo limpos e picados en xuliana, xunto o tomate pelado e sen pebidas.
3. Pomos enriba as luras recheas e logo de engadir o viño branco, tapamos e cociñamos a fogo medio uns 40 minutos. Remexemos con xeito de cando en vez.
4. Pasado este tempo sacámo-las luras e engadímo-los sobres de borra, mesturados nun vaso cunha culler de fariña e algo de auga, e deixamos cociñar uns 3 minutos máis.
5. Triturámolo co batedor eléctrico e pómolo no seu punto de sal. Reservámolo
6. Sacámoslle a pel, as arganas maila parte negra ó bonito e facemos 4 partes de cada roda. Salgámolos e logo de rebozalos en fariña e ovo fritímolos en aceite un minuto por cada lado.
7. Metémo-lo bonito mailas luras no prebe e deixamos ferver uns 2-3 minutos.
8. Deixémolo repousar uns 15 minutos para que se vai facendo por dentro antes de servilo e non estea cru.

Nota:
• O bonito ó fritilo queda cru por dentro, pero logo ó cocelo no prebe e repousar, o calor vaino pasando e queda feito. Se o fritimos moito para que se faga por dentro logo queda seco e áspero ó comer.

Tempo: 60 minutos
Comensais: 4