Archive for Maio, 2012

Ensalada de pementos recheos

 

Ingredientes:

  • 8 pementos verdes de Oimbra ou Noia
  • 8 pementos de piquillo asados
  • Cenoria
  • Aceite
  • Vinagre de Módena
  • Sal

Para o 1º recheo:

  • 150 g de bonito en aceite
  • 4 follas de leituga
  • ¼ cebola verde
  • ½ pemento verde
  • 1 culler de maionesa

Para o 2º recheo:

  • 150 g de bonito en aceite
  • ¼ cebola verde
  • 1 trociño de pemento vermello
  • 3 anchoas en aceite
  • 1 culler de maionesa

Para o prebe alioli

  • 1 ovo
  • 1 dente de allo
  • Aceite de xirasol
  • Zume de limón
  • Sal

 

Descrición:

  1. Limpámo-los pementos verdes sacándolles o carozo e deixando o pemento enteiro sen rompelo.
  2. Fritímo-los pementos en abondoso aceite quente. Logo de fritilos tapalos cun testo e pelamolos
  3. Esmigallamos o bonito, lavámo-la leituga e picámola en tiras, picamos tamén a cebola mailo pemento verde.
  4. Limpamos, pelamos a cenoria e facémola en lascas coa axuda do pelador

Recheo 1º, para os pementos de piquillo

  1. Facemos este recheo mesturando a metade do bonito, un cuarto de cebola mailo medio pemento verde picados, engadimos unha culler de maionesa e pomos a punto de sal.
  2. Enchemos os pementos de piquillo e metémolos na neveira a refrescar.

Recheo 2º, para os pementos verdes fritidos:

  1. Mesturamos a outra metade do bonito, un cuarto de cebola mailo pemento vermello picados, as anchoas tamén picadas, engadimos a culler de maionesa e pomos a punto de sal
  2. Enchemos os pementos verdes e metémolos na neveira a refrescar.

Facémo-lo prebe alioli:

  1. Batemos co batedor eléctrico o ovo, a temperatura ambiente, o dente de allo, un chisco de zume de limón e sal.
  2. Engadimos pouco a pouco aceite formando un fío, ata que a salsa calle. Pomos a punto de sal e limón.

Montámo-la ensalada:

  1. Repartimos nos pratos a leituga, a cenoria en lascas  que arranxamos con vinagre de Módena e aceite de oliva e sal.
  2. Por riba dela pomos 2 pementos verdes e 2 de piquillo recheos, adornados cun fío de prebe de alioli.

 

Tempo: 30 minutos

Comensais: 4 persoas

Dourada asada con ameixas

Ingredientes:

  • 4 douradas de ración
  • 6 alcachofas
  • 2 dentes de allo
  • 24 ameixas
  • Viño branco
  • Aceite
  • Sal

 

Descrición:

  1. Limpámo-las ameixas e abrímolas nunha cazola cun chisco de viño branco e ½ folla de loureiro. Coamos o caldo e reservamos xuntos coas ameixas.
  2. Limpámolas alcachofas, sacándolles as follas duras deixando só o corazón, cortámolas en 4 anacos e facémolas nunha tixola cun pouco de aceite xunto cos allos picados miudiños. Logo engadimos ½ vaso de viño branco e cociñamos uns 5 minutos
  3. Engadimos o caldo das ameixas e cociñamos outros 3 minutos máis.
  4. Se non está quente, no intre de servir, engadímoslle as ameixas e dámoslle unha fervedela para quentalo.
  5. Limpámo-las douradas e abrímolas á metade. Pómolas abertas coa carne cara arriba nunha bandexa de forno e despois de salgalas e regalas cun chisco de aceite metémolas ó forno quente a 200ºC por uns 10 minutos.
  6. Servímolas pondo as douradas en cadanseu prato e acompañándoas coas ameixas maila alcachofas

 

Tempo: 30 minutos

Comensais: 4 persoas

 

Tortilla de patacas, pementos e bacallau

 Ingredientes: 

Tortilla de patacas:

  • 400 g de patacas
  • ½ cebola verde
  • 4 ovos
  • Aceite
  • Sal

Tortilla de pementos:

  • 4 ovos
  • 1 dente de allo
  • 4 pementos verdes “doce italiano”
  • ½ pemento morrón
  • Aceite
  • Sal

Tortilla de bacallau:

  • 300 g de bacallau desalgado e esmigallado
  • 1/2 cebola verde
  • 4 ovos
  • Aceite
  • Sal

 

Descrición:

  1. Tortilla de patacas: Pelámo-las patacas e  picámolas para tortilla. Picámo-la cebola en anacos pequenos mesturámola coas patacas e salgamos todo
  2. Quentamos nunha tixola aceite abondo e fritimos nel as patacas a fogo medio remexendo de cando en vez ata que estean brandas. Sacámolas do aceite e escorrémolas.
  3. Batémo-los ovos, salgámolos e mesturámolos coas patacas.
  4. Quentamos a tixola cun chisco de aceite, botamos a mestura de ovos e patacas  e facemos a tortilla. (pouco tempo por cada lado para que non quede seca)
  5. Tortilla de pementos: Cortámo-los pementos limpos en tiras delgadas e o allo en tiras finiñas e cociñámolos nunha tixola con aceite a fogo baixo ata que estean brandos. Engadimos un chisco de sal.
  6. Batémo-los ovos, salgámolos e mesturámolos cos pementos
  7. Quentamos unha tixola cun chisco de aceite, botamos nela a mestura de ovos e pementos  e facemos a tortilla. (pouco tempo por cada lado para que non quede seca)
  8. Tortilla de bacallau: Amolecémo-la cebola nunha tixola con aceite e sal.
  9. Cando a cebola estea branda engadímo-lo bacallau e refogamos
  10. Batémo-los ovos, salgámolos e mesturámolos co bacallau.
  11. Quentamos unha tixola cun chisco de aceite, botamos a mestura de ovos e bacallau  e facemos a tortilla. (pouco tempo por cada lado para que non quede seca)
  12. Montámo-la tortilla: Pomos nun prato grande primeiro a tortilla de patacas, logo a de pementos e por riba de todo a de bacallau. Adornemos cunha tiras de pemento asado ou pementos fritidos.

 

Nota:

  • Se a queres facer máis contundente podes pór entre as tortillas lascas de queixo ou/e maionesa.
  • Par esta tortilla cómpre unha tixola grande, polo menos de  28cm. de diámetro para que as tortillas queden delgadas e non avulten moito ó montalas.

 

Tempo: 45 minutos

Comensais: 8 persoas