Archive for Novembro, 2011

Ovos recheos de gambas

Ingredientes:

  • 2 ovos cocidos
  • 4 rebandadas de pan
  • Bechamel
  • 12 gambas
  • ¼ de ceboleta
  • ¼ dente de allo
  • Ovo batido + fariña + pan relado
  • Aceite
  • Sal

Descrición:

  1. Facemos a bechamel que nos faga falla coas seguintes proporcións: 125 g de manteiga de leite, 125 g de fariña e 1 litro de leite
  2. Pelámo-los ovos, e partímolos ó longo facendo dúas metades.
  3. Picámo-la cebola mailo allo moi finos e amolecémolos nunha tixola con 2 cullerada de aceite, logo engadímo-las gambas peladas, as xemas dos ovos e un pouco de bechamel para ligalo todo e obtermos unha masa un pouco forte coa que encher os ovos.
  4. Coa masa que fixemos, arrefriada, enchémo-los ovos e rebozámolos en fariña, ovo batido e pan relado.
  5. Fritimos los ovos en abundante aceite quente.
  6. Sérvense quentes sobre unha rebandada de pan.

Tempo: 25 minutos

Tapas: 4

Ovos recheos con anchoas

Ingredientes: 4 tapas

  • 2 ovos cocidos
  • 4 rebandadas de pan
  • 1 latiña de anchoas en aceite
  • 1 cullerada de maionesa
  • 1 cullerada rasa de tomate Ketchup
  • 4 tiras de pemento vermello asado

Descrición:

  1. Cocémo-los ovos 10 minutos dende que botan a ferver, logo de arrefrialos ben pelámolos e partímolos ó longo facendo dúas metades.
  2. Mesturamos a xemas coas anchoas esmiuzadas e a cullerada de maionesa maila de ketchup.
  3. Con esta mestura enchemos os ovos facendo montón por riba deles; para rematar esparexemos ovo cocido pasado polo pasador de purés e adornamos cunha tira de pemento
  4. Pómolos enriba das rebandadas de pan picados cun pauciño.

Tempo: 15

Tapas: 4

Ovos recheos con atún

Ingredientes:

  • 2 ovos
  • 4 rebandadas de pan
  • 1 lata de atún en aceite
  • 1 cullerada de maionesa
  • 1 cullerada rasa de tomate Ketchup
  • 2 olivas negras sen óso

Descrición:

  1. Cocémo-los ovos 10 minutos dende que botan a ferver, logo de arrefrialos ben pelámolos e partímolos ó longo facendo dúas metades.
  2. Mesturamos a xemas co atún esmiuzado, sen o aceite, e a cullerada de maionesa maila de ketchup.
  3. Con esta mestura enchemos os ovos facendo montón por riba deles; para rematar colocamos enriba dos ovos cadansúa media oliva e adornamos cun fío de maionesa ou ketchup.
  4. Pómolos enriba das rebandadas de pan picados cun pauciño.

Tempo: 15 minutos

Tapas: 4

Endivias con xamón e queixo azul

Ingredientes:

  • 8 endivias
  • 8 lascas delgadas de xamón

Para o prebe:

  • 2 cenorias
  • ½ cebola
  • 100 ml de nata
  • ½ vaso de viño branco
  • 50 g de queixo azul
  • Aceite de oliva
  • Sal
  • Pementa negra

 

Descrición:

 

  1. Tirámoslles as follas externas ás endivias (só as que estean mal) e cocémolas en auga salgada polo decurso de 5 minutos. Escoámolas ben e envolvémolas en cadansúa lasca de xamón. Reservámolas espetadas cun pauciño para que non se solte o xamón
  2. Facémo-lo prebe pondo  a amolecer, nunha tixola con 3 culleres de aceite, a cebola cortada en xuliana moi fina mailas cenorias peladas e cortadas en rodas delgadiñas. Amolecemos ata que colla un chisco de cor.
  3. Logo disto engadimos o viño branco e deixamos cocer para reducir; engadimos a nata líquida mailo queixo un pouco de pementa negra moída recente e salgamos.
  4. Tapámo-la tixola e deixamos cocer; uns 2 minutos o prebe so e outros 5 minutos máis coas endivias envoltas co xamón.
  5. Colocámo-las endivias nunha bandexa de presentación alongada e regadas co prebe.
  6. Servímolas quentes.

 

Tempo: 20 minutos

Comensais: 4

 

 

Nota:

A endivia é en realidade unha variedade da chicoria que se obtén mediante un cultivo forzado ou artificial.
É unha planta con follas que arrincan do pescozo da raíz cunha coloración variable, segundo a variedade e o cultivo, que vai dende o verde escuro ata o amarelo claro. A endivia, unha verdura de agradable presenza, é en realidade o corazón da planta.

De forma apuntada e cilíndrica, está composta por unha sucesión de apretadas follas superpostas de cor branca que se volve amarela nas puntas. Miden de 8 a 9 centímetros de longo e teñen ó redor de 3 centímetros de diámetro. Son de un marcado sabor doce é refrescante aínda que nalgunhas variedades é lixeiramente amargo.
As endivias son hortalizas que están dispoñibles no mercado durante todo o ano, pero sobre todo na época que vai dende outono ata principios de verán, sendo a súa tempada óptima a que abarca os meses de inverno e a primavera. De tódolos xeitos, na actualidade os cultivos de invernadoiro permiten contar con elas  todo o ano.

 

Nome científico: Cichorium endivia variedade crispa
Orixe: Din que a endivia é orixinaria da zona mediterránea.

Torta de requeixo

Ingredientes:

  • 500 g de requeixo
  • 4 ovos
  • ½ limón (a relado da casca)
  • 2 culleradas de brandy
  • 1 sobre de fermento en po
  • 200 g de azucre
  • 1 iogur natural ou sabor limón
  • 300 g de fariña
  • 250 ml de leite enteiro
  • Marmelada de amorodos

Descrición:

  1. Nunha cunca fonda batémo-los ovos mailo azucre co batedor de variñas ou co batedor eléctrico ata que dobre o seu volume.
  2. Despois disto imos engadindo (sen BATER só remexendo) sobre mestura anterior o leite, a fariña coada e mesturada co fermento, o relado de limón, o requeixo mailo iogur desfeitos co batedor e o brandy. Agardamos sempre a que se mesture o ingrediente anterior antes de botar o seguinte.
  3. Engraxamos e enfariñamos un molde redondo desmontable e botamos nel a mestura que fixemos na cunca.
  4. Metémolo todo ó forno quente a 190ºC polo decurso de 30 minutos, tapando o  molde con papel de aluminio para que non se nos torre por riba a torta, tirándollo cando leve uns 20 minutos cocendo.
  5. Antes de sacala do forno probamos se está feita espetando un garfo, se sae limpo a torta está pronta para sacala.
  6. Deixamos que arrefríe ben antes de sacala do molde.
  7. Pómola na bandexa de presentación e cubrímola con marmelada de amorodos ou de outras froitas vermellas (amoras, framboesas, arandos, etc.)

Tempo: 45 minutos

Comensais: 8