Archive for Setembro 30th, 2011

Pementos recheos de verduras e lagostinos

 

Ingredientes:

  • Rebandadas de pan
  • Pementos de piquillo enteiros para encher
  • Verduras:
    • ½  pemento verde
    • ¼  pemento vermello
    • ½ cebola
    • ¼  cabaciño
    • 4 champiñóns
  • 6 lagostinos cocidos
  • Leite
  • 1 Ovo batido  + Fariña
  • Aceite de oliva
  • Sal

Descrición:

  1. Picamos tódalas verduras e refogámolas nunha tixola con aceite ata que estean tenras.
  2. Logo disto engadimos os lagostinos picadiños e deixamos facer outro pouco.
  3. Deixamos que reduza un pouco, pomos a punto de sal e engadimos unha culler de fariña e algo de leite para liga-la farsa
  4. Enchémo-los pementos coa farsa, rebozámolos con fariña e ovo batido e fritímolos na tixola con abondoso aceite.
  1. Servímolos quentes sobre cadansúa rebandada de pan que torraremos un chisco.

Tapas: 4 ou máis

Tempo: 30 minutos

Grilos

 

Ingredientes:

* 1 pataca mediana

* 1 folla de leituga

* 4 olivas

* Algo de ceboleta doce

* Aceite de oliva

* Vinagre

* Sal

Descrición:

  1. Cocémo-la pataca sen pelar en auga salgada durante uns 30 minutos para que se faga ben por dentro.
  2. Deixamos arrefriar de todo a pataca, pelámola e cortámola en 4 partes
  3. Montámo-la tapa pondo 1/4 de pataca espetada cuns anacos de folla de leituga, 1 anaco de casca de cebola e 1 oliva.
  4. Pomos as tapas sobre un prato e aliñámolas con sal, vinagre e aceite de oliva.

Tapas: 4

Tempo: 30 minutos

Tapa de tomate e queixo de cabra

 

Ingredientes:

* 4 rebandadas de pan de 1 cm. de groso

* 1 folla de leituga

* 4 rodas de tomate

* 4 rodas de queixo de cabra en rulo

* ½ vaso de vinagre de Módena

* 1 culler de azucre

Descrición:

  1. Torrámo-las rebandadas de pan sen queimalas
  2. Cubrímo-lo pan cun anaco de leituga seca, para que non o abrande.
  3. Enriba da leituga pomos unha roda de tomate e  enriba do tomate pomos unha roda de queixo.
  4. Facemos unha redución co vinagre mailo azucre e cando estea un pouco espeso botámolo por riba da tapa.

Nota:

  • Tamén lle podemos botar por riba da tapa unha culleriña de marmelada de froitos vermellos

Tapas: 4

Tempo: 15 minutos