Archive for Setembro 21st, 2011

Albóndegas de pataca e pescada

Ingredientes:

  • 400 g de pescada en filetes
  • 400 g patacas (2 mediadas)
  • 30 g de pan reseso
  • ½ vaso de leite
  • 3 ovos
  • Fariña
  • Perexil
  • Noz moscada
  • Aceite
  • Sal

Descrición:

  1. Pomos a remollo o pan no leite
  2. Cocémo-la pescada en auga con sal polo decurso de uns 5 minutos. Sacámoslle a pel mailas arganas, esmigallámola e reservámola
  3. Pelámo-las patacas, cortámolas en cachelos e cocémolas na mesma auga de cocermos a pescada. Escoámolas e reservámolas xunto cun vaso do caldo.
  4. Cando a pescada mailas patacas estean frías, esmagámo-las patacas mailo pan escorrido, engadimos 2  ovos batidos e mesturamos coa pescada esmigallada.
  5. Alixeirámo-la masa para facelas albóndegas con algo de caldo reservado ata ter a masa axeitada.
  6. Engadímo-lo perexil maila noz moscada e pomos a punto de sal.
  7. Facémo-las albóndegas e logo de pasalas por fariña e ovo, fritímolas en abondoso aceite quente.
  8. Deixámolas escorregar sobre papel de cociña e servímolas quentes acompañadas dunha ensalada de escarola, leituga, etc.

Tempo: 50 minutos

Comensais: 4

Arroz verde con queixo de Arzúa e salmón

Ingredientes:

  • 400g de arroz
  • 80g de espinacas
  • 1 de cebola
  • 1 dente de allo
  • 4 rodas de salmón
  • Queixo de Arzúa
  • Aceite
  • Sal

Descrición:

  1. Cocémo-las espinacas en 2 vasos de auga. Cando estean cocidas trituramos e reservamos.
  2. Nunha cazola con aceite amolecémo-la cebola mailo dente de allo picados e cando estea branda engadimos o arroz (medímolo arroz cunha cunca) e logo de refogalo engadímo-las espinacas trituradas, o dobre de cuncas de auga quente que as cuncas de arroz e deixamos facer 20 minutos. O arroz ten que quedar algo caldoso e non seco.
  3. En tanto coce o arroz, sacámoslle ó salmón as pel mailas arganas e deixámolo en cuartos empoámolos con allo en po e facémolos a prancha con pouco aceite.
  4. Montámo-lo prato pondo o arroz verde no centro cunhas lascas finas de queixo por riba e o salmón o lado montando un pouco no arroz. Adornamos cuns fíos aceite de remolacha vermella e unha folla de funcho (anís)

Nota:

  • Podemos empregar calquera outro queixo que teñamos a man, en lascas ou relado
  • Para facer aceite de remolacha, trituramos un anaco de remolacha cun pouco aceite.

Tempo: 30 minutos

Comensais: 4