Biografía

Lois Pereiro naceu en Monforte de Lemos no ano 1958. Con dezasete anos marchou a Madrid para continuar os seus estudos e alí fundou, xunto con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, a revista Loia, que só coñecería catro números (o último de 1978). Nesta publicación apareceron poemas do escritor monfortino que posteriormente serían recollidos en Poemas para unha loia (1996) —libro en que se inclúe o ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”, que fora dado a coñecer ese mesmo ano nas páxinas da revista Luzes de Galiza.

De regreso ao país, Pereiro figurou nas antoloxías colectivas recollidas baixo os títulos De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), compilacións en que figuran nomes como Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio Valcárcel, Lino Braxe e outros poetas de moi diferentes tendencias mais que partillaban inquedanzas culturais. Entre as iniciativas conxuntas deste grupo heteroxéneo destaca o sostimento da revista Luzes de Galiza, onde viron a luz —para alén do ensaio xa citado— os oito primeiros capítulos da súa novela inconclusa Náufragos do paradiso. En vida Pereiro só publicou dúas obras, Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía de amor e enfermidade (1995), duros e espidos poemarios en que se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e certos trazos da contracultura. A morte sobreviríalle na cidade Coruña en 1996.

Nos últimos anos, víñase reivindicando a dedicación do día das Letras Galegas a este poeta monfortino. No marco desa campaña sitúase unha reedición da súa obra poética verquida ó castelán, catalán e vasco, xunto cos textos orixinais en galego. Finalmente, o 26 de xuño de 2010 a RAG publicou a súa decisión de adicarlle o Día das Letras Galegas do 2011. A Academia apreciou: “Evidentes pegadas expresionistas, referencias á literatura xermánica e certos trazos de contracultura […] unha imaxe e unha estética que fixeron del un autor de culto. Cartografou coma ninguén o labirinto do mundo contemporáneo conciliando para tal fin o individualismo escéptico coa tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo.” En palabras do escritor e membro da RAG Manuel Rivas: “Adicarlle a Lois o Día das Letras 2011 foi unha decisión valente da Academia, porque é un autor de culto, pero en canto se difunda a súa obra será un autor moi popular”.

Obra

Poemas: 1981-1991. Edicións Positivas (1992). Reedición: 2010
De amor e desamor, De amor e desamor II. Grupo Poético De amor e Desamor. Ediciós do Castro (1984 e 1985)
Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995). Edicións Positivas (1995). Reedición: 2010
Poemas para unha loia. Espiral Maior (1996)
Conversa ultramarina . Edicións Positivas (2010)
Náufragos do paradiso. Galaxia (2011)
Poesía completa. Xerais (2011). Edición de Ana Acuña
Antoloxía. Galaxia (2011). Edición de Daniel Salgado
Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia e outros ensaios. Xerais (2011). Edición de Fran Alonso
Obra Completa. Edición Bilingüe. Libros del Silencio (2011). Prólogo de Pere Gimferrer. Tradución de Daniel Salgado


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.